200 anos de  Vigo. A xénese dunha cidade  (V)

Imos desta coa quinta achega extractada dos fascículos de Faro de Vigo cuxa autoría e do historiador Antonio Giráldez Lómba.

Os castelos de O Castro e San Sebastián

“Esta vila sempre indefensa diante dos invasores, co medo a sufrir o ataque dos portugueses que loitaban contra España nunha guerra pola Independencia, acadou  por fin os ducados necesarios  para construír dous castelos e un recinto  amurallado. Con un Castelo, o de San Sebastián, nun dos seus vértices; no 1656 comezaron as obras da muralla que tiña unha forma entre triangular e oval  e que daría forma e protección durante douscentos  anos á vila de Vigo.

O proxecto da fortificación de Vigo contemplaba que ámbolos dous estiveran comunicados por un  triple  cordón de murallas. O que chegou ata nós foi o recinto interior do Castro e un lenzo de murallas do segundo recinto. O terceiro cordón de murallas, que circunvalaría a aba do Castro, e sería contiguo ao  de San Sebastián, poderiamos sitúalo imaxinando o lugar polo que percorre a Avenida das Camelias.

Ao final no 1665, as obras  que estaban rematadas eran o  primeiro  recinto do Castelo do Castro, o Castelo de San Sebastián e a muralla mesma da vila; xusto a tempo para impedir que o exercito portugués, que se presentou nas inmediacións de Vigo ao final daquel ano, arrasara a nosa vila.

Un lugar estratéxico para a defensa de Vigo

O cumio do monte do Castro situase a 147 metros   sobre o nivel do mar. Este espazo sempre representou unha atalaia de vixilancia estratéxica sobre a ría e  un lugar acaído para refuxiarse en caso de ataque aos moradores da aldea do monte aos seus pés. No alto do monte ubicárase un castro, o Castelo do Penço (da mitra compostelán e durante  a Idade Media) e, a mediados do século XVII, o Castelo de O Castro.

Non poucas veces os habitantes do Areal tiveron que subir a refuxiarse en O Castro diante da probabilidade dun ataque por mar. Incluso a propia guarnición do Castelo de San Sebastián  subiu a resgardarse en O Castro  na invasión inglesa do 12 de outubro do 1719.

O edificio  do Concello actual  aséntase en terreos que foron do Castelo de San Sebastián.

Como testemuña do Castelo queda unha sección de muro con dúas garitas nas esquinas que limitan co Casco Vello Alto.

O monte integrado na cidade.

Dende que o Castelo do Castro deixou de ser cuartel, o exército cedéullelo ao Concello,  no ano 1964 (ao tempo que o de San Sebastián). A veciñanza de Vigo e a xente que o visita  fan do monte  de O Castro un lugar de observación  da cidade e da súa ría á  vista de paxaro.

Esta visión dende unha atalaia de 147 metros de altitude axuda a comprender mellor  o desenrolo urbanístico de Vigo,  tanto na inclinación rampante dunhas rúas  que nacen do mar e buscan o monte, ou a inversa, como a importancia  que sempre tiveron o porto e  o sector pesqueiro no crecemento da cidade”.

Uns apuntamentos da miña observación e da miña memoria

Lembro que coñecín o Castro aló polo ano 1942: un fin de semana –miña irmá e máis eu- fomos para a casa dos tíos Hixinio e Isaura; alí con eles e os primos vivía o noso  curmán Guillermo, que estaba ao coidado deles, dende a falta do pai, tío  Antonino. Pola mañá noso tío levounos a pasear ó Castro,  e malia que ó Castelo non se podía entrar por ser un espazo militar, levounos ao café -que aínda hoxe permanece-  e tomamos chocolate con churros. Que cousa máis boa!

Chamoume a atención mirar os soldados na porta de entrada ao castelo e un carro de cabalos que entraba por aquel portalón.

Eu aos soldados xa os coñecía porque ían a Samil a facer a instrución e baixaban polo camiño da Garita -onde eu vivía-  cando en Samil non había estrada nin piñeiros; só había dunas, regos de auga, lagoa e humidal, e paxaros, moitos paxariños e…paz. O manso ruído das ondas e a brisa atlántica con cheiro a carromeiro e iodo.

Os castelos teñen a súa historia ,negra, e velaí, que unha delas foi o consello de guerra celebrado na sala de bandeiras do cuartel de San Sebastián o día tres de agosto do 1936, contra  o tranviario Manuel del Río, con sentenza  de “pena de morte”. Executada na madrugada tres días despois.

Nos laterais que dan entrada ao cuartel do Castro  hai rexistrados 136 fusilamentos. (Unha pedra –a escasos metros da porta- dá fe dos feitos ata o ano 1942). Ningún estivera na guerra. Só pensaban diferente.

Ó mirador do Castro vou con frecuencia: a ampla panorámica cambia do abrente ó solpor, xa sexa no verán como no inverno: os días máis claros todo reloce tinguido de cores: azuis, verdes,  escuros dos barcos nos estaleiros, castaños nos tellados dos edificios, brancos, amarelos,  e múltiples combinacións da cidade aos nosos pes. Fantástico!

Levantando un pouco a vista, velaí, O     Morrazo:  Cangas e  Moaña. Voltamos a Vigo e ollamos a Guía,  Teis e alén Chapela. Entra un barco e a vista vaise deica as  Cíes, Toralla e cabo Estai, as parroquias de Saiáns, Oia e  Coruxo deitadas entre o mar e os outeiros; Santo Andrés de Comesaña, Matamá e Valadares rampantes deica o Alba e o Cepudo; Zamáns, Bembrive e Beade protexidas polo Galiñeiro e polo Leste  Candeán e  Cabral, o río Lagares, que verte na foz de Samil  percorrendo Lavadores, Sárdoma, Castrelos, Matamá, Coia e chegando xa a San Paio de Navia e Coruxo onde se mistura coa auga salgada nas subidas das mareas.

Remato en Alcabre que non ten nin monte nin río  e a altura máxima é de 60 metros sobre o nivel do mar. Houbo un tempo que estivo fortificada con dous canóns  e niños de metralladoras até o ano 1945, mais aquí nunca houbo guerra, nin falta que nos fixo.

 

 

 

  Telmo Comesaña    xaneiro 2019