Silicon Valley

Teño por costume comezar a ler o xornal pola derradeira páxina. É unha teima; porque un día que esperábamos –un grupo de veciños- ter unha entrevista co director dun xornal, a desculpa era: -“non podo, porque teño que facer a primeira”; e insistía na mesma até ameazar con chamar a policía. Nós tamén tiñamos presa e suxeriámoslle que chamara e, mentres que chegaba xa o informábamos da nosa proposta; ó final convenceuse que mellor para todos era escoitarnos un intre.

Aquilo da “primeira” levoume a pensar que era por onde o sistema me quería meter, e xa que logo, eu comezo pola última.

Esta páxina é para min a mais interesante e coido que a mais verdadeira.

Nela atópase o máis ó día da xente (homes e mulleres) das ciencias e das letras: enxeñeiros, físicos, astrónomos, médicos, arquitectos, químicos, etc. Músicos, escritores, actores de cine e teatro, pintores, escultores, etc.

Non abundan filósofos e pensadores.

Achado

Estes días reparei nun xoven enxeñeiro (32) anos de idade, (director do desenrolo do software na Sede Central de VISA, en Silicon Valley); deseña os sistemas de pagamento da próxima xeración, que se utilizarán en todo o mundo.

Juan Puig Martínez, déixanos moito en pouco espazo, nunha entrevista feita por Sandra Penelas, no Faro de vigo do día 7 do mes no que andamos. O titular di así:

“Galicia debe alentar o emprendemento entre os alumnos das enxeñerías”.

Este enxeñeiro coruñés manexa datos dun futuro inmediato abraiante: “As operación de pagamento dixital crecerán case un 10 % anual até 2020 en todo o mundo. Un colosal desafío para a compañía líder en ofrecer estes servizos, con 3,3 billóns de tarxetas en uso e que, só en EEUU debe atender ata máximas de 50.000 operacións por segundo”. (…) “As transaccións dixitais son un elemento clave da economía. Os bancos e os gobernos confían en nós e debemos responder ás súas expectativas en todo momento”. (…)

“Juan forma parte do departamento dun cento de empregados, e dirixe un equipo multicultural de 8 enxeñeiros informáticos, ademais de coordinarse coas oficinas que VISA ten no resto do mundo”.

Juan traballou en Londres antes de chegar aos EEUU no 2012 e, pasou por varias (start-ups) en San Francisco antes de fichar por VISA en 2015:

Ao carón da súa fotografía co nome da empresa, hai outra que mostra, cun disco en vermello, a localidade de Fostercity, en pleno Silicon Valley.

Nun espazo que a xornalista organiza como resumo:

En tres palabras”

Silicon Valley

“É un entorno moi innovador que che ofrece un continuo aprendizaxe. O coñecemento exponse moito. Estar aquí é unha oportunidade que non se presenta tódolos días”.

Habilidades

“Tes que ser capaz de falar en público para vender as túas ideas, convencer e negociar. O talento galego é tan bo como o dos EEUU, pero estas habilidades non se inculcan”.

Educación

“Débolle moito á universidade pública porque contribuíu a que hoxe sexa quen son. Gústame o ensino e impartín charlas en EEUU e en Galicia”.

Reflexións

Confeso que son un siareiro desta xente (mulleres e homes) que se botan ó mundo sen complexos, con decisión e afouteza, como aquel que di, ”aquí estou eu, carallo”. Teño un veciño enxeñeiro ao que lle teño afecto: traballa na reconstrución da casiña que comprou-, como o fixen eu noutrora- ; falando con el, de todo un pouco, pregunteille …, e ti que fas na empresa?. Antes de eu rematar xa me contestou: fago de todo. Gustoume.

A resposta deu pé a unha conversa sobor da actividade empresarial, da que eu algo coñecía: unha pequena empresa de alta tecnoloxía, recoñecida mundialmente e, que está formada por 16 enxeñeiros. Un Silicon Valley en miniatura e na nosa terra.

Que a xente ben formada que queira irse fora para coñecer máis e mellor; mesturarse noutras culturas e ao “Olimpo” dos coñecementos paréceme moi ben; agora ben, que se teñan que ir por falta de posibilidades aquí, indígname. Dos relatos desta xente pódense sacar moitas conclusións. Interesan? Non, “deixa ir o mundo como vai e non te metas en liortas”, dirán os que prefiren seguir mantendo un equilibrio que pode chegar a ser insostible.

O “mantra” sempre é o mesmo, “non hai cartos filliño”. O despilfarro que seguimos tendo, frea as posibilidades de apoiar á xente ben formada, con ilusión e capacidades adquiridas no tempo que lles toca vivir.

Días atrás –non lembro si na tele ou na radio- nunha entrevista falando do que custa manter no “valle de los caídos” a 27 frades, -okupas, digo eu- cuxa actividade alí é rezar e poñer flores. Abstéñome de poñer a cantidade porque me enrabecha que alí hai cartos meus,,e que ben podían facer mellor servizo á sociedade. Ademais dicían que non eran fiscalizados por Facenda. Eles distribúen ao seu xeito. Que país!

Texto: Telmo Comesaña  Outubro 2018