José Policarpo Sanz

O indiano cuxa fortuna fixo posible que Vigo tivera un Instituto e una pinacoteca

Quen sendo de Vigo non coñece a rúa Policarpo Sanz?. Cantas persoas se pararon a pensar quen foi o merecente dese galano e o motivo polo que nomearon esa céntrica rúa co seu nome?

Abofé que o galardón foi ben merecido.

A rúa, dende Porta do Sol até Colón é un museo arquitectónico: tanto dunha como doutra man os edificios son obra de arquitectos de moita sona: Michel Pacewicz, Antonio Palacios Ramilo, Manuel Gómez Román, Francisco Castro Represas, entre outros, deixaron a súa pegada. Xusto é recoñecer a importancia de edificios como: Gran Hotel Moderno, García Barbón, Banco de España (hoxe Casa das Artes), Banco de Vigo, Banco Pastor e a casa Barcena, con outros de menor porte pero con fachadas artisticamente recoñecidas, entre eles.

O persoeiro

José Policarpo Sanz, de pai tudense e perruqueiro de profesión (Diego Sanz Cividanes) e de nai viguesa (Antonia Soto Díaz), naceu en Marín o 25 de xaneiro do 1841. A súa infancia transcorreu en Vigo. . cando aínda era moi xoven marchou a Cuba recomendado pola casa comercial “Sebastián Carsi”. Da man de Baró, un banqueiro moi coñecido na illa que era parente de Carsi, comezou a traballar na empresa. Despois dun tempo de formación, ocupou o escritorio da citada casa e, debido ao pasamento do caixeiro, Policarpo Sanz cubriu a súa vacante converténdose na man dereita do reputado banqueiro. Dalindiante, non habería negocio importante no que se embarcara Baró que non lle consultara antes a Sanz.

Os asuntos da casa na que servía levárono varias veces a Nova York, onde coñeceu e tratou a outro importante home de negocios, Juan Ceballos, quen pronto confiaría nel para resolver algún dos seus problemas mercantís.

O seu antigo xefe, o señor Baró, fixo testamento ao seu favor, deixándolle a respectable suma de 200.000 duros, unha suma que sería o principio mesmo, que non o fin da súa fortuna. Pasado un tempo, Sanz casou coa filla do seu novo xefe, Irene de Ceballos, que foi a que o introduciu no mundo da arte e levouno a formar unha importante colección de pinturas. Fixo testamento en Nova York o 1 de xuño do 1888 diante do notario Antonio G. González, deixando todo o seu patrimonio ao pobo de Vigo, pero facendo usufrutuaria dos seus bens a súa dona ata que esta finara.

200.000 pesos de ouro daquela fortuna debíanse empregar na construción dun centro escolar con tres condicións: seis meses despois do pasamento da súa dona, para que a cidade puidera facer seu o legado cumpría comprar os terreos para construír o Instituto; SERÍA OBXECTIVO PREFERENTE DA INSTITUCIÓN A EDUCACIÓN DOS FILLOS DAS FAMILIAS VIGUESAS con menos recursos e o centro debía levar o nome da santa que facía honor ao nome da súa esposa, Irene.

O edificio comezouse a construír na parcela de “El Carmen”, en As Travesas, no 1941, e foi inaugurado o 16 de setembro do 1946. Hoxe, o estilo monumental e e a privilexiada situación deste centro escolar converteuse nun dos iconos máis salientables da nosa paisaxe urbán.

Pero había outro legado non menos importante que o centro escolar; a colección de cadros do noso benfeitor, que acabou sendo a base da pinacoteca do “Museo de Castrelos”.

O testamento tamén nos remitía a outra máis da xenerosidade do noso benfeitor, a dotación dun “Hospital de Caridade”.

Policarpo Sanz, finou en París o 19 de novembro do 1889, a idade de 48 anos.

O seu enterro en Vigo o 31 de agosto do 1891 foi unha das máis grandes manifestacións de dolor dos nosos concidadáns. Ao paso da comitiva pola rúa que hoxe leva o seu nome, descubriuse a placa de mármore que inmortalizaba a Policarpo Sanz. Trasladados do vello cemiterio de Picacho, os restos mortais de Policarpo Sanz e da súa esposa repousan nun panteón ubicado nun lugar senlleiro do cemiterio de Pereiró.

Pasou o tempo

129 anos despois do seu pasamento, o seu nome segue na rúa; a cidade medrou e mudaron as formas de vida, mais a obra senlleira do Instituto Santa Irene segue funcionando como el ordenou; moitos miles de mozos e mozas pasaron polas aulas que acubilla aquel maxestoso edificio. O reloxo da torre converteuse no referente horario das derradeiras campanadas da noite de San Silvestre.

En Vigo tomouse conciencia da importancia da arte pictórica e, grazas ao seu legado, foi aumentando a pinacoteca arredor dos retratos de Policarpo Sanz e Irene de Ceballos.

Ámbolos dous son merecentes de adicarlles unhas xornadas de recoñecemento público.

Por Vigo,“Sempre con eles”.

Fonte: 200 “Memorias de Vigo”

Telmo Comesaña outubro 2018

Un comentario sobre “José Policarpo Sanz

  • el 24 de octubre, 2018 a las 20:51
    Permalink

    Yo estudié en el instituto Sta. Irene. Y fue un instituto pionero en la educación mixta, tengo entendido que también era una de las condiciones de la Sra. Ceballos.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.