Pensar que se pensa

Pensar é unha palabra que non está de actualidade. –Non penses, home ou muller; mira para diante e esquece as cousas que nos agonían. –Claro, claro muller ou home; poida que teñas razón, sabes! Así vives máis tranquilo ou tranquila. –Entón ti tes que ser unha persoa moi feliz…, non é? –Bueno, que queres que che diga; mais ou menos, como todo mundo, unhas veces máis que outras. –Pois mira ti que ben; poderasme dar a receita, non si?. –Non che é cousa de receita, e facer o que fai a xente. –Xa, pero eu tamén son xente e sempre teño que mirar pa tras para entender o que me pode vir. –Ai compañeiro, contigo non se pode falar.

Iamos camiñando e esta era a lideira que tiñamos. O meu acompañante xa se sentía incómodo. Houbo uns minutos de silencio e – moi afoute el – saíu como un foguete nun día de festa. –Mira compañeiro; o pasado quedou atrás e eu non quero saber de nada: vivo sen preocupacións e que cadaquén se arranxe como poida; mentres cobre a pensión, tranquilo. Non che parés? –Pois que queres que che diga, si para ti está ben, para min tamén: a túa vida arranxala ti, non si? Si claro pero é que ti non me queres entender, pero voucho poñer mais claro: eu vivo ben, teño unha pensión pequena pero como a muller ten unha axudiña e eu de cando en vez fago algunha changa e a tarxeta do vitrasa temola de balde, amañámonos. Bueno tamén temos o rapaz na casa porque non ten traballo.

-Xa, pero o teu fillo xa ten uns trinta anos, non é? -Si home, ten trinta e cinco, malia que nunca tivo un traballo fixo. Agora está a facer un cursiño, non sei de que.

– A ver Manolo, ben non te podes desenvolver; vivir non é só comer e durmir, compre comprar un xornal, ir a unha excursión, mercar calzado, vestirse, etc.

-Algunhas cousas desas si que fan falla pero, na televisión xa teño de todo: cinema, deportes, concursos, cantantes e festa tódolos días. Ah! E os venres o Luar de Ghaioso. Fútbol a esgalla, e cando son de pagamento vou ao bar de Tino.

Bueno, tamén ás festas de comer e beber, non se poden faltar. O churrasco compañeiro é media vida!

Eis un exemplo da diversidade social.

Esquecer o pasado.

O pasado, pasado está. -Estarse lembrando do que pasou hai corenta anos, que barbaridade! E de mais de oitenta,…,que disparate! A xente o que quer é que lle arranxen o futuro: as pensións, o traballo, o lecer, e as cousas da vida. temos que traballar no futuro.

Este “mantra” oímolo tódolos días, en prensa radio e televisión. O futuro que ninguén sabe cales son os medios que hai que poñer si non coñecen o pasado. O pasado é o espazo dos éxitos e dos fracasos e compre diferencialos para, mellorar as cousas boas e aprender dos fracasos.

Os que non tivemos posibilidades de facer carreiras universitarias nin aspiramos a que nos convaliden asinaturas a prol de acadar un máster, nin tivemos xoguetes cando eramos nenos, -para nós os reis non viñan nunca- amañabámonos para facer a xoguetería que precisábamos: cun pau e un coitelo faciamos un trompo ou un pateiro; cunha cana e unha chapa faciamos unha gaiola para os grilos e cun aramio faciamos un guiador para un aro. Valía que non podíamos mercar unha pelota de goma nin un balón, unha media vella chea de trapos xa nos valía para xogar o fútbol; deixo atrás outros xoguetes para non dar ideas ou que alguén con moitos saberes non se sinta un inútil.

A universidade da vida foi a nosa máis grande aventura: e seguimos aprendendo.

Eu, que xa teño unha boa carga de anos non aturo que me consideren parvo por mirar moito prá tras, e amólame que xente moi nova, que demostran saber moi pouco da vida, me digan que hai que esquecer porque iso vai ao revés da vida.

A realidade do día a día

As sociedades avanzan grazas a que se van asentando no que fixeron outros, e sempre queremos saber máis e máis, aínda que non cheguemos a “masters-man”.

A demostración témola no traballo dos arqueólogos, antropólogos, historiadores e investigadores.

Para que iamos querer os arquivos, os museos, as bibliotecas, si cos voceiros que nos aconsellan esquecer, para que eles poidan empoleirarse no poder e sentirse condutores de masas!

Arestora seguimos aprendendo de Sócrates, Platón e outros moitos: gregos, romanos, españois, galegos e de tódalas nacións do mundo. Magoa moito o desprezo que se fai da Filosofía, e, iso só se entende como medio de evitar que a xente pense; é a mellor maneira de facer “rebaños” humanos.

Seguise a falar do ”dereito romano”; dos exércitos, das conquistas e das batallas e estratexias que empregaban, (menos mal que nos quedan Astérix e Obélix ), para refrescarnos a memoria. Dos romanos quédannos moitas obras senlleiras en Galicia; por exemplo, a ponte sobre o río Bibei, entre A Pobra de Trives e Larouco, pola que levan pasado millóns de coches camións e calquera trebello que vaia enriba de rodas asemade os peóns camiñando. Tamén quedan restos da ruta de Antonino entre Braga e Astorga.

Os oitocentos anos de dominación musulmán en España, tampouco foi unha tontería, (a Mezquita de Córdoba e a Alhambra de Granada, entre outras moitas grandes obras e cultura están aí para visitalas e desfrutalas), son testemuñas dun pasado do que hai que aprender.

En Exipto levan séculos sacando momias e obxectos dunha época ante-cristiá, e aínda non saben con que foi asasinado Ramsés III, e, as investigacións continúan.

Para os católicos a mellor demostración é o seguimento dos evanxeos e as procesións do crucificado, que ollan dous milenios atrás.

Resumo

Pode que toda esta xente que discursea nestes termos non sexa moi realista, e continúa cun sistema tan vello como é o mundo: dominar aos máis febles, tanto física como mentalmente. A escravitude dos pobos xa podemos ollala na Biblia, e na éra cristiá témola moi presente.

Arestora, a cobiza descontrolada xa é planetaria. Compre reflexionar, ollar prá tras e pensar. Que estamos a facer?

Os novos “mesías” que intentan meternos medo, e ofrecen o que nunca cumpren, esquécense das mensaxes catequísticas doutrora “no solo de pan vive el hombre,…”. Moita xente espera que se recoñeza o dereito a saber onde están soterrados os seus devanceiros, e por que para eles/elas non hai xustiza.

Até cando señores, até cando…

Telmo Comesaña setembro 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.