O andar da vida

Estou preocupado. Non sei como reaccionará o meu nispareiro despois da cirurxía que, os que entenden destas cousas, lle aplicaron.

O nispareiro é a árbore máis lonxeva da miña horta: naceu dunha carabuña, dunha de tantas dun puñado de froitos que pasaron pola mesa un día calquera, na época froiteira: collida ao chou, a miña dona meteuna nun cacharro de barro cheo de terra humedecida, e deixouno acompañando as flores que tiña no patio da casa onde viviamos.

Naceu, como era de esperar, medrou moi lentamente, aínda que ela procuraba atendelo como se merecía, -soñaba con plantalo na finca onde íamos facer a casa. Cando nos mudamos (3 de xullo do 1971), levámolo con moito coidadiño, non fora a estragarse no traslado!. No lugar escollido démoslle terra e esterco, esparexendo as raíces que xa desbordaban o cacharro que lle serviu de útero materno: botámoslle un biol de auga para asentar a terra contra as raíces e o esterco; logo axeitámoslle a terra arredor para o regadío cando fose necesario. E alí quedou coas raíces liberadas na terra que o acollera para toda vida.

Lucía fermoso naquel espazo no que só había herba, e el, destacaba cos seus corenta centímetros de alto.

Pasou moito tempo

Corenta e sete anos despois, notábase enfermo: unha de tantas pestes que nos están chegando, -din que polo cambio climático- entrou nel e secábanlle algunhas polas, caíanlle moitas follas ennegrecidas e pegañosas; este ano tivo pouco froito e ruín. Cumpría atendelo como se merece. Algo máis dun metro de perímetro no tronco e uns oito metros de roda dan fe da súa importancia.

Chegada a época da floración, miles de abellas pecoreaban na multitude de aromáticas flores: o recendo é tan intenso que se esparexe ata dentro da casa e da veciñanza si hai un pouco de vento.

Hai uns trinta anos que debaixo da ramaxe montei unha mesa, na que xantamos e ceamos os días de verán. O espazo é moi recollido; cando hai familia e/ou amigos, a tertulia prolóngase ata que alguén decida levantarse e dar por rematado o encontro.

Malia que agora rebaixouse moito, conserva a suficiente sombra para seguir desfrutando del.

E toda esta historia e todo pracer que nos leva dado, foi porque un día calquera, unha carabuña calquera, foi escollida no medio de tantas outras e deitada nun cacharro cun pouco de terra mollada.

Xaora compre desfacerse das ramas e follas; a xente que se desfai de podas adoita chamar un camión e levalas a onde lle-lo permitan, pero eu non consinto que as ramas do meu nispareiro vaian a un vertedoiro, e xa que logo, trituro as follas e as ramas máis delgadas, deixando as máis grosas para os asados a grella.

Vaites, vaites!, que levo dous días na faena e, o que me queda! o triturado vouno amontoando –cercado por uns bloques de cemento- e aportándolle auga para telos ben mollados, a prol de facer un bo compós. A materia prima é excelente, e atendendo ben e con paciencia dentro duns seis meses, os restos da arbore irá a fertilizar as fabas, leitugas, pementos e tomates ou, as roseiras, xeranios, ou as plantas de interior.

As polas grosas arderán para facer as brasas necesarias para a grella, e logo rematan en borralla.

Todo volta á terra.

É o ciclo da vida: “nacer, vivir e morrer”, para servir a outras novas vidas, iguais ou semellantes cúmprese.

Nesta tarefa que teño arestora está a ser moi produtiva para o meu raciocinio. A vida na terra é un ir e vir; tódolos seres vivos: animais –racionais ou non- árbores, herbas, e auga, todo está no mesmo ciclo: uns viven dos outros, a materia fertiliza a terra, e a auga dos ríos sempre vai ao mar; logo a evaporación elévaa para formar as nubes, que descargan cando lles sexa chegada a transformación, regando, doutra volta a terra para seguir o ciclo marcado pola natureza. A vida de tódolos seres vivos, sexan das especies que sexan, están/estamos formados, en gran parte, por auga.

Ese é realmente o noso destino. Todo o demais que se nos ofrece son hipóteses. E cadaquén ten a liberdade para escoller entre realidade ou ficción.

Si que contemplar a vida é unha marabilla e compre vivila e gozala con ilusión e compromiso. Hai moito espazo para a felicidade e compre aproveitala.

Telmo Comesaña setembro 2018

Un comentario sobre “O andar da vida

  • el 22 de septiembre, 2018 a las 18:23
    Permalink

    Unha bonita reflexión de vida e natureza.
    Unha delicia os teus escritos Telmo. Grazas por compartir.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.