Retallos de hemeroteca . Hai 50 anos

 

Repasando a Hemeroteca do Faro de Vigo do día 2-8-2018, atopeime cunha “nova” de cincuenta anos atrás, que lembro perfectamente, pero non así o contido textual da información. Daquela chamou moito a atención; mais, visto dende a actualidade demostra o que se empezaba a albiscar procedente da rama xesuítica da Igrexa Católica.

Nuevo templo parroquial

“Los fieles de Vigo contaban desde este día con un nuevo templo: la capilla de los Santos Apóstoles, en el centro del Apostolado Laical,  ubicado en la esquina entre Marqués  de Valladares y Velázquez Moreno. La primera misa se celebró al día siguiente, sábado,  tras la consagración del altar. Ofrecía dos  misas diarias y también servicios a los extranjeros en su lengua, desde inglés, francés o  alemán, además de gallego y portugués. Asimismo había sala de conferencias para actividades culturales.

Até aquí o relato da hemeroteca de  Faro de Vigo. Mais, compre situarse naqueles intres para decatarse da estratexia  dos xesuítas:

Dunha banda a ditadura seguía cunha represión e un control da sociedade semellante a dos anos cincuenta, aínda que, nas universidades e no mundo do traballo estaban  mudando  os comportamentos. Había cansazo.

A emigración xa non se dirixía á América. Entón, homes e mulleres subían aos trens que os trasladaban á Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Holanda e Reino Unido principalmente.

Como en anos anteriores, levaban en maletas de cartón as súas limitadas pertenzas e  o total descoñecemento das linguas dos países de acollida.

Doutra banda a Igrexa sufrira un cambio –para ben- despois de finar  -outubro 1958-  o Papa Pío XII (Eugenio Pacelli. Recoñecido polo historiador católico John Cromwell, como “El Papa de Hitler). Asumiu o poder o cardeal Roncalli co nome de Juan XXIII. Este Papa, tomou dende o primeiro momento a renovación da Igrexa, anunciando o comezo do  Concilio Vaticano II (1962-1965). Finou  cinco anos despois 1963. O cardeal Montini, co nome de Pablo VI, foi o continuador das reformas acordadas no Concilio . Finou no 1978.

Estes dous Papas tiveron moita importancia no devalar da situación en España:

Juan XXIII, deulle un xiro a gobernanza da Igrexa, de tal magnitude, que deixou ao clero español “fora de lugar”: a convivencia coa –xa daquela- larga ditadura (moi dura) lastraba a credibilidade da Igrexa Católica . E dalí en diante, algunhas  cousas empezaron a mudar, abrindo fendas no hermetismo eclesial. Houbo bispos, que ofrecían “resistencia numantina” diante das aspiracións de sectores de curas novos a prol de ir cambiando certos estilos de colaboración sumisa co réxime  establecido no 1936, loubado por Pio XII.

Era paradóxico o caso de España verbo de Europa

Rematada a guerra mundial (1945), poucos anos despois  eses países estaban normalizados: España non.

Pablo VI, foi crítico con Franco, cito dous episodios:

-As revoltas dos seminaristas e curas novos en Euskadi. O goberno habilitou o cárcere de Zamora para metelos. Monseñor Añoveros, bispo de Bilbao,  protestou por esa medida, e a resposta de Franco foi ameazar  o bispo  coa expulsión de España. Pablo VI respondeu que si tal cousa se facía,  Franco sería  excomulgado. E velaí que “as augas volveron a canle, e morra o conto.”

-O outro  foi polos fusilamentos do 27 de setembro do 1975. Nun xuízo sumerísimo foron condenados á morte 11 homes. En toda Europa democrática xurdiron protestas e os gobernos  fixeron  peticións de amnistía. O irmán Nicolás Franco tamén o fixo en -carta aberta-. O cardeal Tarancón e o Papa tamén fixeron a petición de amnistía  (NNUU, di que os fusilamentos seguidos dun xuízos sumarios, son crimes contra a humanidade). A voz unánime era “non a máis derramamento de sangue”.

Dos once condenados, seis foron   amnistiados da pena de morte pasando á longas penas de encarceramento. Na madrugada do día 27, en dous destacamentos militares son fusilados cinco homes.(dous desta cidade)

O clamor en Europa foi tan grande que os gobernos retiraron os embaixadores en sinal de protesta.

Tarancón –que se atopaba no Vaticano-, fixo público un comunicado: “la noche del 26, Su Santidad se retiró a sus aposentos convencido de que serían amnistiados. Al levantarse por la mañana y enterarse de lo sucedido, quedó consternado”.

Xaime Seixas Subirá, xesuita

A residencia dos Apóstolos, en Velázquez Moreno, acolleu a sete sacerdotes, un deles o padre Seixas. Este cura, santiagués de berce, curtido cos emigrantes en Francia, e misioneiro na República Dominicana, entre o 1961 e 1965, xa era coñecido por algúns  que se movían nos círculos católicos máis avanzados. Pero, que fixo Seixas en Vigo, para ser  merecente de darlle nome a unha rúa. “Rúa do padre Seixas”

Coido que debo empezar por dicir que eu non tiven trato persoal con ele, pero si, moitas referencias, e unha delas foi a igrexa: fun alí a unha misa por un compañeiro; sorprendeume que na consagración a xente non se axeonllaba, que raro, non!  Pois non era raro porque os bancos só servían para sentar, e tampouco  tiña imaxes, só un cristo enriba do altar. (Entendino como un lugar  austero, fora do cultualismo habitual).

Organizou grupos para traballar a prol de galeguizar a liturxia. Nas Trinitarias implantou a misa en galego –seguida por centos de persoas de toda condición-. Fixo escola nese senso; deu clases de galego, nun tempo no que a Igrexa e gran parte da sociedade a rexeitaba.  Compre dicir que o galego non era legal. A única lingua oficial do Estado era o castelán. Estaba volcado no mundo do traballo e dos traballadores, apoiándoos e protexéndoos cando era mester.

Arredor del estaban xentes da cultura, sindicalistas  e necesitados en xeral.

Seixas Subirá foi un humanista, un galeguista e un activista; rompeu tópicos e cadeas, comprometeuse pola dignificación da  humanidade. Un cura exemplar . Eis a cerna dos curas obreiros!.

Moito queda por dicir deste home singular: escribiu algún libros, aínda que eu só teño “400 nomes en galego para homes e mulleres”,  Conservo  “Conversas do Pai Xaime Seixas Subirá con Silvestre G. Xurxo”. (Aproveitei estes días para darlle un repaso e refrescar a memoria). Aquí atópase a súa  vida respondendo ás preguntas que lle fai o entrevistador.

Recollo  dúas cousas das moitas que me impresionaron:

-Os consellos do avó materno. “Aprende ben o galego que é a lingua máis fermosa que existe”

Para el, “o castelán era demasiado seco e o portugués demasiado doce. Pero o galego superaba ás dúas, explicábame, porque ten a   dozura do portugués e a enerxía do castelán. E iso dicíamo ele, que dominaba as linguas clásicas – grego, latín e hebreo- o francés con gran corrección  e defendíase en italiano e inglés, a parte claro do castelán e o idioma nai o mallorquino”.

-A pregunta do entrevistador,  -Se estabas tan metido no Movemento Obreiro,  ¿Como  foi que te prantexaches marchar a América tan bruscamente?  -…non cambiei totalmente de actividade, pois se aquí traballaba no mundo obreiro,  alí tamén o facía;  non fun como misioneiro clásico, senón como misioneiro obreiro, misioneiro moderno…-.

Para ele tódalas relixións eran respectábeis; visitaba e participaba en actos dos evanxélicos, etc.

Pola miña banda digo: independentemente de ideas políticas e/ou relixiosas , eu quédome con seres humanos como este. Aquí en Vigo, houbo quen lle chamou “un santo en vida”

 

Telmo Comesaña   agosto 2018