Rápido, rápido

 

A vista do que está acontecendo e o que se albisca pro futuro, o mundo váisenos quedando moi pequeno; e cada vez máis conflitivo.

Vexan senón meus amables lectores/as, a velocidade   que lle estamos a imprimir ao planeta terra  e que se reflicte en nós mesmos..

(Atribúenlle á Seattle, o xefe indio que non entendía que, os homes brancos   que ían chegando, marcaran o territorio que lles viña ben facéndose os amos. “ A terra non pertence aos homes, son os homes os que pertencen a terra e todo mal que lle fagamos volverase contra nós”)

Recentemente lin que no mes de xuño xa tiñamos consumidas as materias primas que nos tiñan que dar para todo ano:  isto quer dicir que ao remate deste ano xa temos consumido o do vindeiro. Imos parar un ano? Non oh, non; isto é imparable. (Esta reflexión xa a facía eu hai uns 20 anos con dous homes de moito saber e de alto nivel e responsabilidade; e a resposta foi: -“ata que todo estoupe. Non hai outra saída”)

De presa, todo de presa  

O mundo enteiro está metido nunha lea de competitividade que fai que todo vaia máis e máis de presa. Calquera produto elaborado que se produce, faise cada vez máis rápido e, -en moitos casos con vida limitada-, co obxectivo de producir/consumir.  (Según os que saben destas cousas -ou dín que saben-  é como   mellora a economía).

E logo, produción, elaboración, loxística e todo que arrodea a ese principio, móvese rápido, e cada vez con menos mans humanas.

A soberbia lévanos a facernos máis afoutes: a correr máis, facer deportes e probas de risco (as veces con resultados dramáticos). Facer as cousas cada vez máis grandes, porque hai que destacar en todo: edificios mais altos, os monopolios pasan a oligopolios, os  barcos máis grandes e máis rápidos, avións descomunais: de trasporte,  de viaxeiros, de mercadorías, de guerra. E agora os drons, que nos vixían, e ata poden trasladar pequenos encargos para deixar nos enderezos. Por estes lares tamén estamos a sufrir a febre do “máis, máis e máis”; os alumeados das festas de Nadal, teñen que ser cada ano, máis e mellor; si non competimos con París, Londres ou Nova York somos uns catetos, entón temos que demostrar que somos os mellores do mundo, e para iso compre andar sempre de presa, de troula en troula e sempre de presa, no traballo –os/as que o teñan-, na casa, nas vacacións e fins de semana, indo dun a outro lado, sen acougo para pararse a pensar, porque ademais temos preto de nos o “dispositivo da fala e do entretemento”, que xa é unha peza máis do noso ser. Hai nenos que xa teñen “mono” sen o aparello que coñecen ao chegar ó mundo.

Mais á isto xa estamos afeitos, pero as novas de días atrás deixoume algo tan sorprendente que me pon fora do mundo no que vivimos.  En prensa escrita e dixital, radio e televisión deuse a coñecer que en España vaise construír un tren que desenrolará unha velocidade de 1.200 Km/h. Quedei sen alento…meu deus que barbaridade!

A min que o “AVE”, xa me parés o tren “bala” que nos anunciaba o difuntiño  Cuiña cando era conselleiro na Xunta. Lerias aparte, e como -o día dos Santos Inocentes cadra  no 28 de decembro-  haberá que esperar a que non sexa unha andrómena.  Bueno, tamén xa din que se precisa moito diñeiro; claro, aí é onde “bate o coxo”. Diñeiro…boa escusa.

O titular dá para moito

…E que os 1.200 Km / h.  revoluciónao  todo, imos ver:  Europa faise tan pequena que nun só día pódese ir do Norte ó Sur e vir de volta.

A Barcelona, Sevilla ou Alacante chegase nunha hora, iso quer dicir que España convértese nun pequeno pobo cheo de pequenas aldeas, porque nun plis-plas, dáslle a volta. Ata se podería ir xantar a Berlín, ir tomar café a París e no solpor xa estar de volta.

Que cadaquén deixe ceibe a mente para soñar esperto.

O que non din os titulares é canto tempo compre  para poñer o “monstro” en velocidade de cruceiro, nin a cantos Km empeza a baixada da velocidade;  nin si as vías son convencionais, monorraíl, ou cal é o medio propulsor, eléctrico, magnético, ou algún outro do que aínda non se non se nos falou. Os viaxeiros terán que ir atados ou encapsulados para non saír como foguetes nunha freada de emerxencia.

Os problemas de fricción co aire xa están superados na aviación, pero a entrada nun túnel a semellante velocidade que efectos pode ter.

Buf… e pensándoo ben a pregunta sería, e para que? Fará máis felices aos que poidan facer viaxes con tal rapidez? pois pode, porque arestora hai casos semellantes: saír de Vigo-Centro e ir a Samil a perder o tempo, -hoxe menos porque as multas proen- e poñer a moto o saír dun semáforo, de pe como unha cabuxa, e os coches con saídas que arrincan o asfalto.

E, para que.  Desgaste de pneumáticos, aumento do consumo risco de gripar os motores, risco dun accidente, etc, etc.

Nembargantes non todo é negativo, non oh; como a economía está baseada no consumo pois, véndense máis rodas, as petroleiras venden máis carburantes e aceites, os talleres e fabricantes poden producir máis e, si hai un accidente, traballan as ambulancias, que para algo están; os hospitais teñen clientes e aos médicos baixáballes o paro, e…si morren, pois para iso está o buraco ou o forno, home, que toda aquela xente tamén ten que vivir.  Eles tamén están á espreita do que pode chegar. Xa o dicía o enterrador da miña parroquia, que tiña sona de trapalleiro, pero era un sabio.    “Deus lle dea traballo a todo mundo e a min que non me falte”

 

Telmo Comesaña   agosto 2018