Conversa

Cantos coches….! Darriba pra baixo e dabaixo pra riba… así todo día. A onde irán? –Pois vanlle ás praias: Fontes, Tombo de Gato, Espedrigada e Cocho das Dornas, Samíl, Coruxo, Canido e máis aló.

-E si ó pasar deixaran cada un unha peseta… serían unha manchea de cartos!. -Pois si, nun día como hoxe ben poden pasar 20.000 coches. Uf! vinte mil pesetas; e si fora así todo mes serían seiscentas mil pesetas. –Que parvada, como se me puido ocorrer isto agora!

Conversa no solpor

Estabamos nos derradeiros días do verán e xa ía cheirando á outono: a caída da tarde estaba luminosa e temperada, calmara a brisa que viña do mar e todo invitaba ao sosego e a tranquilidade.

Miña nai, sentada na súa cadeira e protexida do sol por unha sombrilla de praia atada a varanda, sentíase moi cómoda no patín, contemplando a natureza que nos arrodea, o trafego na Avenida de Europa, a xente que pasaba camiñando e aparentemente distraída: algunhas en grupos falando alegremente, outras cos seus canciños. A vida mesma que ía de volta aos seus fogares.

Eu, ao seu carón sentado no chan cos pés na escada e un libro nas mans que follleaba distraidamente cando ela se concentraba en si mesma.

–Oíches fillo: ”isto de morrer éche unha vaina, aquí estase ben. (Daquela xa cumprirá os noventa anos). –Pois claro nai: a vida é un proceso: nacer, vivir e morrer. Morrer forma parte da vida, fíxese na natureza: agora estamos chegando ó outono, tempo de colleitas; hai xente que xa está vendimando, as patacas xa están gardadas, o millo, moito del xa está esfollado,as espigas secas e a palla empalleirada pra comida dos animais; o canastro vaise enchendo e hai que ter coidado para que non gabeen os ratos. Só queda mallar os feixóns e pouco máis. A froita, moita dela xa rematou o ciclo; quedan as mazás e as peras que chamamos do inverno.

-Si xa o sei, e para que me contas iso…!

-Pois para explicarlle a vida, verá: na primavera a vida comenza de novo, florecen as plantas, as árbores énchense tamén de follas e flores, medran as herbas e todo o que se pon na terra para que no outono se poidan procurar. (Tódalas plantas e árbores teñen que ser coidados para que non se estraguen os froitos).

No verán, o que na primavera eran flores, convertéronse en froitas de distintas formas e cores. Os días eran longos e o sol alumeaba moitas horas e facía madurar todo o que se plantara noutrora. Os paxaros que criaran na primavera andaban en bandadas, cada especie daba o seu “concerto” antes de retirarse aos seus refuxios a pasala noite, e despertarnos no fusco-lusco das mañanciñas frescas e garimosas.

As abellas traballando como tolas na procura do néctar, -que xa empezaran na primavera pecoreando e polinizando as froiteiras e os cultivos en xeral-. Todo ordenado e dirixido pola “raíña” da colmea. Todas traballaban: unhas pecoreando, outras facendo limpeza e atendendo ás que nacían ; si facía moito calor, refrescaban a colmea sacudindo as ás; si facía frío, arrodeaban ás crías pra quentalas. E outras facían garda na “piqueira” por si aparecían intrusas. Tanto esforzo para que tamén no outono lles saquen parte da colleita: mel, propóleos, xelea real, polen e até veleno.

  • O outono xa sabemos como é: recoller e gardar. Os días fanse máis pequenos; as temperaturas baixan e todo se vai encamiñando pra chegada do inverno. Xaora, compre facer o augardente e matar o porco, salgalo e ir consumindo pouco a pouco.

  • Chega o inverno e todo morre: días pequenos, frío e choiva, temporais , treboadas e neves.

  • Que sería de nós de non ter fartura na casa; gardadiña no salgadoiro, no canastro no alboio e na adega. E que non falten uns cartiños gardados para unha enfermidade, como dicía a avoa.

  • Ves nai, a vida é semellante a natureza, e nos somos unha planta máis.

  • – Bo, iso xa o sei eu!, pero ti…posmo dunha maneira…

A ela non lle gustou tanta claridade, seguramente prefería un silencio cómplice, do que eu non me decatei. Mágoa!

Retirámonos

Xa empezaba a escurecer e os coches levaban as luces acesas; a escuridade tomaba posesión do firmamento dando paso ás tebras da noite.

Telmo Comesaña agosto 2018