Excursión polo Mar de Vigo

Visita ás Illas Cíes (Parque Nacional das Illas Atlánticas) e ás de San Simón e Santo Antón.

Convirán comigo, miñas e meus amables lectores destas humildes crónicas, que adicarlle un longo día de verán a desprazarse nun barco –un grupo de persoas do Centro Sociocomunitario de Coia- en animadas conversas rumbo ás míticas “Illas Cíes”, é unha regalía.

Concentración

Ás dez da mañá estábamos citados ao carón da taberna do “Club Náutico de Vigo”. Cheguei un pouco despistado porque entendera que a saída era da Estación Marítima de Ría, pero non, desta foi do peirao do Náutico.

Arremuiñados arredor de Lucía (directora do Centro) fomos informados da ruta e do embarque; e…vaites, vaites que alí tamén estaba -sonrinte como sempre- o que ía ser o noso guía na xornada completa (Santi) o amigo a quen coñecín vinte seis días antes noutra excursión -da ONCE, a illa de Ons-.

Embarcamos e o capitán puxo rumbo Cíes. O deus Eolo debeu tomar descanso ese día e deixounos un mar tranquilo no que reflectía o azul do firmamento. Os demais deuses tamén axudaron porque o sol foi xeneroso: queceu os corpos só o necesario. De cando en vez, Santi pola telefonía do barco íanos indicando o que deixabamos á babor: praias de Alcabre, faro de “Cabo de Mar” (luminaria verde), praias de Samil, Vao e as de Oia ata cabo Estai. Por estribor deixamos o pobo de Cangas, o faro da “Borneira” (luminaria vermella), e as praias canguesas ata Donón, rematando na de Melide en “Cabo Home,” e xa por fora, a Costa da Vela e o monte do facho (lugar castrexo).

Pé á terra

Neste caso era no peirao -moi mellorado nos últimos anos, e asemade o restaurante-. Atoparse ao carón da Praia de Rodas, fascina; pódese entender aos xornalistas expertos en zonas medio-ambientais a cualificación de “mellor Praia do mundo” . Uns minutos para a contemplación antes de comenzar a marcha. Guiados por Santi, o grupo máis afoute, collemos ruta deica á Praia de Figueiras, (aínda ai quen lle chama “a dos alemáns”) e dalí, monte arriba até o miradoiro do “Alto do Príncipe”. O camiño é bastante dificultoso polas raíces dos alcolitos e piñeiros, que algún tempo atrás plantaron sen reflexionar. Grazas ó guía, que nos ía informando das diferentes especies, da flora e da fauna ata chegarmos ao cumio; alí as árbores xa non resisten o vento salgado do océano; só aguantan algunhas herbas e arbustos adaptados ao medio mariño.

Chegar ao miradoiro non é fácil, compre trepar por enriba de laxes, pero paga a pena: a vista deica o cantil da illa do medio e a entrada do mar ao “Lago dos Nenos”, albiscando tamén o Leste da illa de San Martiño e, alén ó Sur, a Serra da Groba. O espazo -nun día calmo e con boa temperatura- é acaido para a contemplación, ceibar a mente e reflexionar.

Alí, con aquela placidez lembramos os moitos afundimentos de barcos, algún contra aquelas rochas que tiñamos diante de nós.

-O “Marbel” (28 de febreiro 1978. 26 homes ían a bordo; só se salvaron nove que se botaron enriba das pedras no medio daquel tremendo temporal. Dos 17 restantes só apareceron tres cadáveres algún tempo despois.

-A tarrafa “Ave del Mar” (10 novembro 1956, no que perderon a vida 26 homes) veciños de Moaña. A traxedia sentiuse moito máis por coincidir coa festa do patrón “San Martiño” e da patroa “Virxe do Carme”.

-O petroleiro “Polycomander” (5 maio 1970) de bandeira norueguesa, petou contra unhas rochas dentro da Ría cando ía saír pola porta Norte. Incendiouse producindo a primeira catástrofe mariña na Ría de Vigo. O barco ardeu durante días, e alí xogáronse a vida moitos bombeiros.

Baixamos facendo o camiño de volta; embarcamos para achegarmo-nos deica ao arquipélago de San Simón e Santo Antón.

Ó chegarmos a cabina as mesas xa estaban preparadas pro xantar. A tripulación -moi eficiente- atendeunos moi ben. Silencio…despois da camiñata, atopar mesa posta e con viandas, foi motivo de deixar as conversas e ir coa empanada, os mexillóns, o arroz con marisco, a torta e rematar co café. Foi cousa de repoñerse e empezar a cantareira. Rematou o silencio e comezou o algareo.

Arribamos de proa á rambla do século XIX construída para o Lazareto. O grupo foise xuntando para escoitar as explicacións de Santi.

Feito o silencio, foi debullando os feitos históricos ao longo dalgunhas centurias e ata os intres actuais.

Guiounos no circuíto arredor das illas, rodeando o paseo dos buxos seguindo pola parte Sur -fronte a Praia de Cesantes- ata a porta de entrada das “visitas”. Alí fixemos unha paradiña para escoitar as explicacións daquel espazo e do trafego entre as dúas zonas: chegadas e saídas de vivos e de mortos, loxística e visitas -cando eran autorizadas-.

Eu, aínda que estaba no medio de tanta xente, sentíame como un preso ao que o xesuíta “Padre Nieto”, daba catequeses. Torturaba psicoloxicamente aos que non eran católicos apostólicos e romanos. Os que non entraban polo “aro” considerábanse irrecuperábeis, e había que exterminalos, “como a las malas hierbas” (sic). O comportamento de Petronilo Nieto cos presos -dentro e fora de San Simón- pódese atopar e ler en “Aillados” de Antón Caeiro, Juan González e Clara Mª de Sáa. (Edición. “Ir Indo”) e en “Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón” de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. “Ed. Xerais”.

Seguimos ata Santo Antón comentando o uso dos edificios e a historia da ponte de enlace das dúas illas, o cemiterio, o lugar da ofrenda anual ás vítimas do franquismo, e o que un tempo foi museo da “Memoria” inaugurado no 2006, coas aportacións das familias dos presos: libros, notas, cartas, fotos e obxectos persoais.

Catro anos despois, o goberno da Xunta –sen comunicar á familiares nin as asociacións memorialistas- retirounos deixando baleiros os expositores. Cónstame que as familias non entenden tanto desleixo e tanto desprezo. A desculpa foi que a humidade non se podía controlar…Onde están? Din que nun almacén no Polígono do Tambre en Santiago.

Eis un intento máis para facer desaparecer a historia do terror.

De Illa da Memoria a Illa do Esquecemento.

Seguimos ata a capela onde se deu por rematada a visita (Illa do Lazareto. Memoria. Pensamento. Medo. Terror. Exterminio…). Os problemas só se resolven cando se afrontan.

Voltamos ao barco e o capitán puxo rumbo a Vigo. Rematamos unha xornada feliz. Parabéns para todos e todas, tripulación engadida.

O guía xa me era coñecido e volveu demostrarme á súa rigorosa profesionalidade. Boa tarde e…ata outra.

Telmo Comesaña xullo 2018

 

Un comentario sobre “Excursión polo Mar de Vigo

  • el 7 de julio, 2018 a las 6:51
    Permalink

    Telmo muy bien por esa narración que as descrito sobre la Excursión polo Mar de Vigo
    5 de julio, 2018 Visita ás Illas Cíes (Parque Nacional das Illas Atlánticas) e ás de San Simón e Santo Antón. y outras máis. Con respeto a las playas de Alcabre quiero añadir el nombre de las que corresponden a esa zona de Alcabre. Según leo en la red. Son: La Plaia de Carril. Tiene 390 x 15 Ms largo y ancho.. Playa de Santa Baia, 230 de arenal x 15 Ms largo y ancho, Playa de O Cocho, Playa de O Cocho das Dornas de 130 x 15 Ms largo y ncho, Playa de Samil con 1.115 x 15 Ms de largo y ancho, Playa de A Moura de 90×6 Ms largo y ancho, Playa de As Fontes d 230×1 Ms largo y ancho, Playa O Tombo do Gato de 180×25 Ms largo y ancho, Playa la Espedrigada de 75 Ms largo y ancho, Playa Cochadas de 50
    Emiliano

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *