Don Marcial, escribidor de ripios (I)

É ben certo que a vida danos sorpresas. Cando menos pensas en algo do que viches, escoitaches ou che dixeron, atópaste coa realidade e cústache dar creto a ese encontro que ti nunca pensabas que se ía dar.

Apareceu como unha pantasma no medio da estrada despois dunha curva; movía os brazos en alto en sinal de parada. A pantasma non tiña saba branca, era unha sotana negra e da mesma cor a boina. Que susto levamos a miña dona e mais eu! Pero a historia ven de atrás.

Agosto 1981

O proxecto de vacacións daquel ano fora achegarse á Asturias por unha zona que descoñeciamos, e como pobo máis interesante á coñecer era Riaño-León.

Nos medios de comunicación, acotío estaban presentes as queixas e manifestacións das xentes dese pobo; o problema non era menor. Estaban a facer un encoro no río Esla que ía asolagar o val no que se asentaba o pobo que vivía da gandería. O “progreso” botábaos fora das súas casas e do medio de vida herdada dos devanceiros séculos atrás. E xa que logo, tiñamos que coñecer un espazo condenado a desaparecer baixo as augas daquel río.

Viaxe

Aproveitamos para volver á cova de Valporquero, coñecer Boñar e dalí Riaño.

Chegamos a media tarde, collemos pousada -no único hotel- e fomos paseando polas rúas daquel pobo antigo: as casas de baixo e un andar eran máis altas do que se levaba entón; as mais delas tiñan as portas abertas, e velaí que antes do solpor ían chegando grupos de vacas dunha cor agrisada e algunhas cun cencerro pendurado do pescozo. O espectáculo era curioso, viñan ó ancho da estrada, cunha marcha lenta e rítmica. E de súpeto vimos que ían entrando nas cortes , sin presenza humana nin canina. Vacas adestradas ou xeneticamente coñecedoras do seu pesebre.

O hotel estaba en consonancia coa dos pobos que se saben sen futuro; detrás da recepción oíase roncar un porco, mais o cuarto e a roupa estaban limpos.

Saímos cedo camiño de Potes (Cantabria). Os coches cos que nos cruzabamos traían as luces cortas acesas; que despiste, pensei eu, pero non. Ó pouco entramos no medio dunha néboa mesta, que xa era un aviso de como ía estar o porto de San Glorio. .Sabía que no inverno aquel porto estaba pechado, pero daquela era verán. A estrada mais ben era un camiño, non se distinguía o firme do arcén. Só se oían os cencerros de animais que non chegabas a ver. Mágoa, aquilo foi unha aventura perigosa.

Xa fora do porto e sen néboa apareceu un “bar” e alí paramos a almorzar. Seguimos ruta e a uns tres ou catro Km sorprendeunos un bulto coas mans en alto ( a pantasma antes comentada). Era un cura vello, con gorra na cabeza e a sotana case tan vella como o seu portador.

Preguntoume si ía para Potes, -si señor, contesteille eu; suba vostede- e saqueille o seguro da porta ao meu 2cv. A estrada tiña moitas curvas, e o paisano non parecía moi cómodo. Preguntou si eramos casados, si tiñamos fillos. Muy bien, muy bien respostou, pero non se apreciaba que estuvera a gusto, e continuou dicindo: “se ve que conoce bien la carretera”. No, es la primera vez que vengo por aquí. “Pues tenga cuidado que en estas curvas hay muchos accidentes y lleva con usted a su mujer; la semana pasada murió un camionero un poco más adelante”.

Decateime que o home o que tiña era medo no 2 cv, (daquela non había cintos e nas curvas ía dun lado po outro).

Dixo que el ía a Santo Toribio de Liébana e que era cura de catro ou cinco aldeas…

Aí fun eu o sorprendido, nada menos que levaba comigo a don Marcial. Un ano ou ano e medio antes, na TVE, vin un reportaxe deste cura e, daquela, tiña 83 anos. Non me atrevín a interromper a súa faladuría: das aldeas de montaña, da xente e da súa misión apostólica. Camiñaba moito e cando pasaba algún coche facía “auto stop”. Eu tiña pensado parar en Potes e pola tarde achegarme ao Mosteiro de santo Toribio, pero tentoume tanto a curiosidade que me ofrecín á levalo eu. (Sería ou non, o cura da TVE). Pasamos por Potes e xa me deu referencias do hotel e de onde podía mercar un queixo de Cabrales artesán, que eu lle requirín.

No Mosteiro

Chegamos alí e naquel largo, grupos de xente maior falaban entre eles; parei xunto a un grupo de tres persoas e un cura alto e fraco. Saímos do coche e fixéronlle un recibimento o crego como a un bispo. D. Marcial l fixo a presentación protocolaria do matrimonio e da filla, que de nova xa non tiña moito; o cura quedouse coa matricula do coche (PO 5408 C).

Empezaron con loanzas a don Marcial, polo famoso que se fixera na televisión e polo libro que escribirá. -“Ripios de don Marcial”- e polos consellos que daba naqueles ripios. E a muller repetía, “…la salud no está en el plato, si no en el zapato”.

O cura cando puido entrar na conversa preguntoume si eramos de Pontevedra -no, somos de Vigo. Malia que a conversa era no grupo, o home sentiuse feliz porque tiña algo que contar: “Estuve de seminarista en Sabarís (Baiona) y al estallar la guerra no pude volver y me quedé allí unos años”. Lembrábase do tranvía de Baiona a Vigo, da cidade e do Val Miñor… ”A veces le digo a mi hermana: quien me diera ir por allí y viajar en aquel tranvía, pero ya no puede ser”. Comenteille que xa non había tranvía , que fixeran unha estrada polo mesmo espazo.

Rematada a conversa xa me quedou claro, don Marcial era o mesmo que vira na TVE. A curiosidade estaba satisfeita, e fixen un aceno para retirarme e irmo-nos a Potes, pero don Marcial non o consentiu sen antes ensinarnos o santuario. Non lembro o tempo que estivemos alí.

Despois de asegurarmo-nos onde iamos pasar a noite, fomos xantar e adicamos a tarde a desfrutar daquela belisima e histórica cidade. Aproveitei para mercar o libro dos “Ripios de don Marcial”.

No próximo artigo seguirei coa viaxe e co traballo publicado do cura máis famoso do val de Liébana.

Até entón, un saúdo

Telmo Comesaña xullo 2018

2 comentarios sobre “Don Marcial, escribidor de ripios (I)

  • el 19 de julio, 2018 a las 18:57
    Permalink

    Me ha gustado mucho esta historia de don Marcial, tan bien narrada. Espero esos ripios, que prometen. Gracias Telmo

  • el 24 de julio, 2018 a las 23:56
    Permalink

    Yo también espero leer algunos de los ripios de D. Marcial

Comentarios cerrados.