Arquitectura: Conferencia sobre a obra de Antonio Palacios

A semana pasada chegoume un “convida” para asistir a unha conferencia sobre a monumental obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios Ramilo.

De contado vexo que a procedencia era do mesmo poñente: o benquerido Doutor en Xeografía e Historia, profesor do IES Pino Manso do Porriño, Xosé Ramón Iglesias Veiga (Moncho).

Para coñecer a Antonio Palacios e a súa obra, ninguén mellor que Moncho. Agora ben; só á Palacios?. Non, oh! El pode falar do rexionalismo, do eclecticismo, do racionalismo, do barroco ou das tendencias segundo as épocas.

Moncho é un dos veteranos do Instituto de Estudos Vigueses (IEV) entidade na que -entre outras- publica moitos dos seus traballos. O “Glaucopis” (libro que a entidade publica anualmente co nome de “Boletín do Instituto de Estudos Vigueses) recolle os variados traballos dos e das compoñentes. Achegarse ao Glaucopis é atoparse con Moncho, todo é un; concretamente e como exemplo, no

“VIGO. Ano XVI – Número 16 – 2011”, publica “Granito e canteiros na creación do ensanche histórico da cidade de Vigo”. (páx 493 – 566).

Entre o 1880 e 1930, canteiros do concello de Vigo, de Pontevedra, A Estrada, Gondomar, entre outros, e de Portugal traballaron no ensanche de Vigo.

As últimas 22 páxinas recollen unhas bases de datos moi interesantes para familiares ou investigadores que queiran saber onde os seus devanceiros gañaron o pan das familias.

A primeira con (173)

“Canteiros que traballan en Vigo cara ao ano 1900”

Nome, data de nacemento, lugar de orixe, en Vigo dende, e domicilio. Dos de Vigo, a maioría eran de Matamá e dos de Pontevedra eran de Xeve.

A segunda (215)

“Canteiros matriculados na Escola de Artes e Oficios” (1903- 1927)

Nome, nacido en, domicilio, curso, anos, matriculado en.

A terceira (117)

Mestres canteiros e contratistas que traballaron na cidade Vigo (1880 – 1930)

Conferencia

Comenzou dicindo que falar de Antonio Palacios en 45 minutos era imposible, entón faría outra comentando a ligazón de Palacios e Gómez Román.

“A cidade de Vigo consolida un amplo ensanche entre os anos 1880 e 1930, etapa na que se transforma de urbe mariñeira en cidade cosmopolita.

A abundancia de granito e a presenza de virtuosos canteiros, confírenlle a este ensanche un carácter peculiar. Un solemne e harmónico conxunto pétreo ao que se incorporan todos os estilos en alza da etapa contemporánea: eclecticismo clasicista, historicismo neomedieval, eclecticismo de influencia francesa, modernismo, rexionalismo, art déco, racionalismo, etc…”

“Os magníficos edificios pétreos do ensanche foron símbolo e orgullo dunha dinámica burguesía que posibilitou a expansión e transformación da cidade de Vigo. A cosmopolita imaxe do ensanche corresponde á iniciativa privada ao carecer a cidade dos inmobles oficiais propias dunha capital de provincia. A arquitectura converteuse en fiel escaparate da opulencia das familias burguesas que alcanzan a súa fortuna no comercio e nos negocios ligados ao mar: consignación de buques, pesca, estaleiros, e sobre todo no sector conserveiro, único que alcanza en Galicia unha verdadeira industrialización. Tampouco foi desprezable o número de indianos que asociaron as súas fortunas á promoción de grandes inmobles…”

A obra de Antonio Palacios en Madrid e Vigo

Proxectando imaxes das edificacións, dos deseños, dos detalles e das formas, dos estilos e das decoracións: Pazo de Comunicacións, edificios de gran porte e vistosidade, estacións do “Metro”, e mausoleos no cemiterio do Leste…

En Vigo: edificio do García Barbón, (rúa Policarpo Sanz), Banca Vijñas, (rúa Marqués de Valladares), convento das Salesas Reais, (en Teis) entre outras. Proxecto do “Gran Vigo” que albiscaba para o futuro da cidade proxectada deica o Oeste.

O templo Votivo do Mar, en Panxón. O templo da Vera Cruz, no Carballiño, e a Virxe da Rocha, de Baiona. E no Porriño -o seu pobo de nacemento- a casa do Concello.

Remato

Deixándome levar pola paixón que despertan xentes que desenrolan as súas vidas, facendo, o ordenamento das cidades; casas confortables, para vivir e desenvolverse as familias; espazos de recollemento e de lecer, etc.

E xa que logo, agradecer ao amigo Moncho a divulgación das súas pescudas, para que poidamos disfrutalas.

  Texto:  Telmo Comesaña xullo 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *