Visita ao Arquipélago de Ons e Onza. Tesouros da Natureza

 

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia está formado por catro arquipélagos, nas rías Baixas. A maior parte da superficie protexida correspóndese cos fondos mariños que rodean as Illas.

Visitei a illa de Ons formando parte dun grupo da ONCE. Mulleres e homes cegos ou con visión residual. Todas e todos precisamos axuda para unha viaxe deste tipo.

A comitiva portando bastóns brancos e/ou collidos do brazo dun vidente, fomos achegándonos o peirao da estación de Ría.

A organización xa fixera as xestións para ter un barco -ex profeso- con saída e retorno a Vigo. As persoas videntes de acompañamento axudaban a formar o grupo, facer o embarque e situarse nas bancadas e o mesmo no desembarque.

O día estaba espléndido e o colectivo ía falando alegremente. Observei que ninguén levaba a cadela de compaña; preguntei o motivo e aprendín outra lección dos totalmente cegos e cegas, a resposta foi: non podo traer ó animaliño porque, a miña cadela é negra, e con este sol sofre moitísimo; e no barco pode marearse -dicíamo unha señora-. Os animais-guía non están afeitos a eses cambios. Só unha persoa da ONCE, coñece o cariño que @s usuarios senten polos animais que os guían.

Pisando terra illan

O xantar xa estaba contratado para as tres da tarde, entón xa non tiñamos máis preocupación que empezar a ruta pola illa. E velaí que vin a un home cunha vara e un trapo amarelo na punta; pensei que era alguén do grupo, mais, cando preguntei si non viñera algún guía, contestoume: o guía son eu e cando o grupo estea formado arrancamos, e así foi. Algunhas persoas con dificultade para camiñar quedaron na terraza do Restaurante ata a nosa volta.

Antes de botar a andar, informounos de que era un Parque Nacional, o respecto que merecía e as esixencias para ser visitado. É un tesouro da biodiversidade con todo o que a natureza puxo nel, e ao ser humano, correspóndenos coidalo e respectalo, para poder disfrutalo.

Logo pasou a darnos datos históricos: achados castrexos (poboado de Canexol, sen escavar); un sartego labrado na pedra dun illote chamado a “Laxe do Crego”, restos dun Castelo, o Faro, que segue alumeando, atendido por un fareiro até que se xubile.

Camiñamos deica o Sur deixando atrás o poboado, -arestora moi modernizado- igrexa, casas de labranza con canastros para gardar as colleitas, escola e natureza, terras que noutrora foron traballadas para poder vivir nun lugar illado. Pesca, agricultura e gando, eran o necesario para desenvolver unha poboación que chegou a ser de máis de cincocentas persoas. (Hai aló pa trinta e cinco anos que estiven por primeira vez en Ons, e lembro os campos de millo e de patacas, e xente con animais)

Na ruta, por un camiño pedregoso e cun pouco de costa, algunha xente íase quedando atrás e tiñamos que esperar, para refacelo grupo; Santi, aproveitaba para que coñeceramos a fauna, (aves, reptís e coellos); a flora, (moi diversa e adaptada ao medio natural da illa, na que tamén se atopan invasoras, que fan perigar a biodiversidade e, teñen que arrincalas).

O guía, ía acomodándose as necesidades do colectivo; entendeu o que supoñían as limitacións e o interese daquelas persoas, que sen ver, esforzábanse por entender o que nos mostraba. Coa recomendación de non arrincar as plantas, achegáballas mans para que as sentiran, que as cheiraran. Emocionante!

E ademais unha suave brisa cando xa estábamos preto dos cantís, mirando á inmensidade do mar Atlántico, daba para respirar fondo, un aire limpo e suave.

De volta por outro camiño seguiu mostrando a diversidade da flora, explicándonos como eran e, nalgún caso si podían proer ou ferir avisaba. Para asegurar que había coellos collía unhas cagallas resecas e mostráballas á quen quería sentilas co tacto.

Seguimos camiñando de volta ao Restaurante e Santi seguía informándonos da vida dos illanos que viñan de moi atrás. A illa pasou por invasións de suevos, romanos e outras xentes; chegou a case despoboarse. Pasou a ser propiedade da Igrexa e logo voltou aos señoríos e xentes de “poder”.

O xantar foi moi animado. A xente disfrutaba do día e da compaña de amigo@s e coñecid@s.

Xa para rematar as visitas, fomos á antiga escola, convertida en sala de exposicións con algunhas pezas etnográficas. E como peza máis salientable, a tapa do sartego da “Laxe do Crego”.

Antes de que chegara o barco, Santi falounos da relixiosidade d@s illáns, das lendas, o bruído do mar nas furnas, do “buraco do inferno”, dos temporais, das tebras, as néboas e das longas noites de inverno sen máis claridade ca lúa ou os lóstregos . Hai poucos anos que Ons ten electricidade.

Arestora hai algunhas persoas que viven alí todo o ano. No verán veñen as familias que conservan a vivenda como disfrutuarios con dereito a herdanza, por oitenta anos dende a fundación do Parque Nacional..

Fomos moi ben atendidos: na caseta de información, unha señora moi atenta deume planos, documentación e información verbal. En canto á Santi, o guía, só dicir que é un vocacional, durante a mañá, ó ir facendo preguntas e comentarios, decatouse que me coñecía e non lembraba de que. A volta viñemos xuntos; falamos de aficións, da toponimia das praias de Alcabre, da xente que coñecemos, da vida, etc. Santi é historiador e, ámbolos dous temos cousas en común. A diferencia de anos non foi un obstáculo, máis ben unha forma de achegarmonos. É un home de sentimentos. Parabéns e longa vida para el.

Desembarcamos en Vigo e cadaquén colleu a súa ruta.

Áté sempre amig@s

Telmo Comesaña xuño 2018