Medio Ambiente: Parque Natural do “Aloia”

Que perdidos andamos pola vida, meu deus!, mirándonos o “embigo”. Acabamos pensando que somos os amos do mundo, a caste intelixente, elixida polos “deuses do Olimpo”, e iso danos dereito a facer e desfacer ao noso antollo. Que iso da diversidade e do cambio climático é unha brincadeira e, péchamo-los ollos para non mirar, os oídos para non oír, pero, ai, cando péchamo-lo nariz para non cheirar na esterqueira que estamos a producir, non podemos respirar. E, entón decatámonos de que non podemos seguir así, porque esta é a forma de autodestruirnos.

A cobiza humana, a soberbia, a discriminación e os poderes capitalistas acaparadores de todo o que signifique “poder” -cegos para mirar a miseria que os arrodea- seguen estragando o universo.

Malia que os científicos que están avisando do risco que representa o quecemento atmosférico, pechan os ollos e déixanse levar nun desenfreo no que todos imos devalando a non se sabe onde.

Perigosa actitude que pagaremos toda a humanidade!

Nembargantes, un non deixa de ilusionarse ó visitar o “Parque Natural do Aloia”.

Aproveitando a invitación que me fixeron no “Taller de Viaxeiros – Quixotes”, para unha excursión a Tui (Monte Aloia, Igrexa do Seminario, Catedral e Igrexa de Rebordáns). Lugares e monumentos coñecidos e nunca ben entendidos; por iso compre repetilos; neste escrito quédome co Parque Natural do Aloia.

Este espazo forma parte da Serra do Galiñeiro, situado no extremo sur. A considerable altitude do monte (629 m. sobre o nivel do mar, co seu máximo no alto de San Xiao), xuntamente coa súa posición, que asoma directamente aos vales do baixo Miño e do Louro, así como a súa singular cuberta arbórea e os seus restos arqueolóxicos confírenlle un espazo de gran interese cultural.

Chegada ao “Centro de Interpretación da Natureza”.

“Casa Forestal Enxeñeiro Areses”

http://parquesnaturais.xunta.gal/es

O día non prestaba para unha excursión polo monte: chovía, e unha mesta brétema, aconsellaban acocharse nun refuxio, e velaí que así aconteceu.

Dúas horas permanecemos na Casa Forestal, na que fomos recibidos por dous funcionarios, – unha muller e un home- expertos na historia e acontecer do Parque ao longo dunha centuria, seguindo os pasos do visionario enxeñeiro Sr. Areses.

Separáronnos en dous grupos, a min tocoume ir co home, que comenzou a ensinarnos unha foto do monte tal como o coñeceu o señor Areses: semellaba unha ruína, penedos e secaño; sen arbores e sen auga, e pouca vida. Vainos dando información e mostrándonos follas secas, carabuñas, cascas e toros de árbores, fotos, ferramentas e alfaias. A medida que ía falando íase mostrando como un apaixonado mestre de escola arrodeado de picariños -neste caso picariños da segunda etapa-. Nunha destas, botou man dun toro de acacia de forma irregular e, comezou preguntando si sabíamos o significado das diferentes marcas da madeira -había quen sabía algo- pero el deu unha lección que para min foi moi interesante. O toro da acacia era un “libro”, no que leu os anos, as polas cortadas, as enfermidades, as épocas de seca, a orientación e a demostración que aquel árbore desenrolouse inclinado.

Tanto el como logo ela faláronnos da flora e da fauna, mostrándonos imaxes das especies invasoras que ameazan o noso ecosistema, e velaí que moitas son ben coñecidas: mostráronnos un favo de vespas asiáticas (Velutiña) con un diámetro duns 45 centímetros perfectamente esférico; terrible o dano que fan nas abellas melíferas. O “picudo” que fai desaparecer as palmeiras xa é ben coñecido polo estrago que leva feito en Vigo e na contorna. – Sapoconcho de Florida (México-EEUU). – Visón americano (América do Norte).

Na flora. – Uña de gato, (África do Sur). – Herba da pampa, (América do Sur). – Herba da fortuna, (América do Sur). –Acacia-mimosas, (Australia). -Agave (Leste de México)

Estas, como exemplo de outras moitas que están creando problemas no noso ecosistema.

Noutrora o parque era controlado por un gardabosques montado a cabalo, testemuña é a caveira dun animal atopada no monte e conservada na casa. Arestora percórreno en vehículos a motor. Como xa non chovía fíxemo-la foto na entrada da casa de “Areses”. Como recordatorio agasalláronnos cun libriño que recolle aos seis parques naturais e un nacional, cun espazo nunha das follas para estampar un carimbo xustificativo da visita ao lugar en cuestión. O nome é.

Pasaporte Rede de Parques Naturais .

Dalí subimos a pe ó cumio do monte, quedábanos por ver, a igrexa e a parte castrexa, a cova de San Xiao e as vistas que desde alí se poden ollar, Mágoa! a brétema deixounos sen contemplar unha das panorámicas máis salientables de Galiza: ao fondo o Miño separando as terras miñotas galaicas coas do alén portuguesas. Dende a Serra da Peneda até Caminha -que fermosura cando está soleado-: Monçao, Valença, Vilanova de Cerveira, e toda a beira até Caminha.

E o Baixo Miño, Salvaterra, Tui, Tomiño, O Rosal e toda a beira até Santa Tegra. E aló fora, o Atlántico, onde verte o río máis importante da nosa terra. O río do meixón e da lamprea.

Este día non puido ser, abofé que quedan moitos días para recrearse coa contemplación dende o Aloia.

Telmo Comesaña

Xuño 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *