Viaxe cultural a Ourense, Ribadavia e Quins.

Promovido pola dirección e monitora dos “Talleres de Literatura”; un grupo de afeizoados á lectura, mulleres e homes -sempre máis mulleres que homes- achegámonos a Ourense.

O principal motivo era coñecer a exposición “In Tempore Sueborum”. O tempo dos Suevos na Gallaecia (411-585), o primeiro reino medieval de Occidente

O día escollido

Aconteceu o martes 24 abril. Saímos en autobús, con bo tempo e boa temperatura. A viaxe foi pracenteira.

A exposición atópase en tres lugares distintos:

  1. Centro Cultural “Marcos Valcárcel”

  2. Igrexa Santa María Nai

  3. Museo Municipal.

Recepción

Ó chegarmos ao “Marcos Valcárcel”, fomos recibidos polos guías que nos facilitaron un ticket para entrada; formaron dous grupos e cada un deles levou o seu. Despois da benvida comezou a explicación, indicándonos que o que íamos ver era unha exposición no tempo dos “suevos”. Con voz clara, o noso guía, un reputado profesor de historia e xornalista, entre outros títulos de bo docente, falounos da importancia da memoria. Puxo un exemplo: “se nos esquecemos dos nosos pais, dos nosos avós e dos devanceiros, non podemos saber nin quen somos, nin de onde vimos”. Fixo unha chamada a reflexión -penso eu- a diferencia entre Alemania, que rematada a guerra recuperou a memoria, mentras que España con moitos anos de represión aínda non a recobrou. -Eis, o exemplo que nos deu-.

Outra advertencia foi que, esta mostra botaba por terra mitos e tópicos doutrora. “Para saber o pasado compre furar na terra; aí é onde se atopa a verdade…,os cemiterios son os lugares nos que hai que buscala”. Nos sartegos das sepulturas das mulleres. As mulleres vestían diferente, usaban cremas e perfumes, peiteábanse, portaban xoias e aduvíos. Alí móstranse as diferencias de clases máis altas da sociedade. Como curiosidade e importancia do que temos diante: “un anel -que non ten prezo- mentras que “o seguro custa un millón de € “.

Socialmente os suevos conviviron cos romanos: formaron parte dos seus exércitos, axudáronos a gardar as fronteiras e acadaron terras e prestixio.

Daquela, ó cristianismo custáballe pular, mais relixión e paganismo fóronse mesturando e convivindo. Os negocios estaban por enriba das relixións. (O mesmiño que hoxe, digo eu)

A exposición

Contén pezas da época de varios países europeos e sobre todo da gallaecia: Xinzo de Limia, Compostela, Lugo, Ourense, Tui, Vigo. Recalca o que moitos xa sabemos, pero que a ignorancia sobor do pasado de Vigo, queda ben claro cos achados atopados e as rutas mariñas entre os países mediterráneos e Vigo; con un comercio intenso antes da chegada dos romanos.

Repite frecuentemente que todo isto sábese hoxe grazas aos arqueólogos que son os que furan na terra, sacan pezas, limpan e analizan.

Santa María Nai

Sigue ensinándonos laudas, capiteis, esculturas e material diverso.

Xa co tempo vencido -ían aló preto de tres horas- danos unha explicación do que hai no Museo Municipal e dinos que o verdadeiramente importante xa o miramos.

De excelente cualificaría eu, tanto a mostra como o afervoado experto.

Dalí -sempre no bus guiado por Basilio, marchamos o balneario de Arnoia pro xantar. Non tivo queixa, e desfrutamos dun tempo de descanso antes de irmos á Ribadavia. Alí, cunha temperatura de verán, un guía fixo connosco un percorrido dende o Castelo, baixando, até entrar na porta que da paso ó centro. Unha paradiña nun forno de garuladas típicas da ancestral vila, serviu tamén pa descansar e ollar as vellas paredes nas que viviron familias xudías noutrora xa lonxana. Seguimos a ruta, mostrándonos edificios senlleiros, como a casa da Inquisición, as da nobreza daquel entón, as igrexas e algún detalles nas paredes até chegar a praza maior, na que se atopa o concello e diversos servizos.

Alí volvemos refrescarnos cunhas cervexas, falar uns cos outros e coas outras; gozar da tranquilidade daquel espazo pacego, tranquilo, sen ruídos e solitario. A praza era nosa e do servizo das cafeterías.

De volta ao bus e rumbo Quins.

Descoñecía este tesouro etnográfico medianamente conservado. Que mágoa! Este conxunto merece ser mellor tratado e difundido por ser un reflexo de onde vimos. Quins axudoume a entender mellor a exposición que vira pola mañá. Alí está a convivencia relixiosa co paganismo suevo.

Como o vin e o entendín

Unha eira, case circular arrodeada de cruces de pedra e fechando o círculo tres cruces , aparentando un calvario. O conxunto forma un “Viacrucis”. Diante do Calvario baixa unha suave “aba” na que están esparexidos 16 canastros (hórreos) chantados de forma irregular. De pequeno tamaño (de dous e un van, columnas e armadura de pedra, madeira nos laterais e nos frontais sendo nun deles a porta. Tella na cuberta e sen aduvíos nos cumios.

Este fermoso conxunto precisaba a información dun etnógrafo).

O conxunto faime pensar na mistura pagan-cristián herdada da influencia sueva. Tamén me fai lembrar as proclamas do cura da parroquia cando as festas de Santa Olaia e Santo Antón. Pra aquel cura a festa de troula fora da igrexa era pagan: bailar agarrados, comer e beber en demasía, eran pecados que levaban ó inferno.

Ai que ver que cousas pasan, meu deus!

Parabéns para as organizadoras e que non quede aí. Temos moito que ver na terra que nos acubilla.

Telmo Comesaña maio 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *