Letras Galegas 2018 no Centro Sociocomunitario de Coia

Como ven sendo costume dende hai algúns anos, neste centro –sensible na conservación e uso da ancestral, lingua e cultura galega- o día dez de maio celebramos o día das “Letras Galegas”.

Este ano adicado á Maria Victoria Moreno. A Real Academia Galega (RAG), organismo -algo máis que centenario-  no que participan 30 expertos -dos que só sete son mulleres-, abrangue o traballo do mantemento, difusión e coidado da lingua e selecciona un escritor ou escritora que se distinguira pola súa actividade a prol da lingua.

O día oficial é o 17 de maio, festeiro en Galicia lembrando o pasamento de Rosalía de Castro, primeira homenaxeada e símbolo do rexurdimento da lingua galega.

Quen foi, e cal o motivo para merecer o máis alto recoñecemento que outorga a RAG

A figura desta filóloga, profesora no ensino medio, escritora, poeta e apaixonada da cultura e da lingua galega, é un referente da literatura infantil e xuvenil en lingua galega. Asemade escribiu literatura, ensaio, teatro, etc. Participou en certames, conferencias e congresos. Foi precursora dunha escola moderna, culta e humanizada que cambiou o pensamento a prol da fala e da cultura galega, deixándonos un legado moi importante.

Malia que ela nacera en Valencia de Alcántara, (Badaxoz), o día 1 de maio do 1939; de nai andaluza e pai toledano. Ó pouco, o pai foi destinado a Segovia, trasladándose alí a familia.

Finado o pai, e cunha situación precaria economicamente, foi a Barcelona, becada, a estudar o bacharelato. Estudou tamén, catalán e francés. Logo, na Complutense de Madrid estudou filoloxía e coñeceu ao que había ser seu home: un profesor invidente, que foi destinado o colexio da ONCE en Pontevedra; e aquí, na nosa terra, asentouse a parella.

Opositou e no curso 1965-1966 foi destinada ao Instituto masculino de Ensino Medio de Lugo.

O alumnado sorprendeuse da empatía e a metodoloxía de ensinar daquela xove profesora.

Arestora o poeta e escritor, Xesús Rábade Paredes, que foi un dos seus alumnos, fala dela con respecto e admiración: ensinábaos a pensar, prestáballes libros daquela prohibidos polo réxime e seguía moi de preto aqueles que empezaban a escribir.

Dous anos permaneceu en Lugo, pasando logo ao Instituto feminino de Pontevedra. O alumnado confirma as virtudes da profesora Victoria e apuntan algo máis (ás que fumaban deixábaas fumar, tuteábanse, e tamén lles prestaba libros prohibidos.

Mª Victoria foi unha muller comprometida; malia que o ensino do galego estaba prohibido, ela daba galego algunhas tardes e tamén clases particulares na lingua da que ela se namorou.

Esa actitude custoulle a retirada do pasaporte no 1974.

Deixou constancia de que, “a súa entrega a lingua galega foi un namoro”. Finou o 22 de novembro do 2005 dun cancro de mama.

Gloria para ela!

acto

Ás cinco da tarde no salón de actos, cun público expectante, para participar e vivir unha xornada lúdica, na que ademais de dar a coñecer a personalidade e virtudes, polas que foi seleccionada Mª Victoria, a directora do centro, Lucia Vilariño, fixo a presentación do acto dando a coñecer ós grupos participantes, suliñando que, Telmo Comesaña ía presentar a Mª Victoria Moreno.

Din á coñecer o escrito nas ringleiras anteriores, e algo máis que, -por non cansar aos lectores-, omito. As información que estes días saen en xornais, revistas, libros, radio e televisión, darannos a coñecer moito mais a personalidade da homenaxeada.

-Logo actuaron as pandereteiras, que demostraron o seu bo facer e a súa vistosa vestimenta.

-A poesía de Miguel Correa e a de Candela deixáronse oír, como un gratificante orballo nunha mañanciña de primavera.

-O grupo de teatro “Os Cascabeis”, representaron dúas obras curtas, “O avó no McDonald” e “A factura telefónica”

-Os grupos musicais foron pasando polo escenario enchendo o espazo coas melodías dos diversos instrumentos que posúen: Cuerdas y Voces, armónicas, Xeito e Bohemios fixéronse merecentes dos aplausos do público asistente.

O remate foi sorprendente coa intervención dos Bohemios e dalgunhas pandereteiras cantando “Que tiene vigo”.

Os aplausos prolongados foron a despedida.

Con este acto recordamos o 25 aniversario do centro sociocomunitario de Coia. Ata outros 25…2043. Os alicerces están firmemente asentados. A tarefa quédalles ós máis novos.

Telmo Comesaña maio 2018