Lembranza: Despois do día das “Letras Galegas”

Acontece sempre. Despois dunha efeméride ou dun acto relevante no que se participa, se fala da persoa homenaxeada: coméntanse os feitos polos que foi seleccionada -no caso das Letras Galegas, a obra desenvolvida á prol da lingua e da cultura galega-. Noutros casos son por motivos diversos: artes escénicas, música, pintura, etc. A memoria -este manancial de vida- tráenos lembranzas doutrora; actos e persoas semellantes, coñecidas ou aprendidas que nos fan volver vivir os acontecementos participados ou lidos. É o caso que me ocupa hoxe.

A coincidencia dez anos despois, o 17 de maio de 2008, o homenaxeado era Xosé María Álvarez Blázquez, finado en 1980.

Tres días antes desa conmemoración (14 maio 2018) finaba a súa filla Berta Álvarez Cáccamo, pintora de sona. Golpe doloroso para a súa familia. Unha perda para as artes e para a sociedade. Déixanos a súa obra para ser contemplada e admirada.

Nin que dicir ten, que estimo á familia, e xa que logo -tamén para liberarme- este escrito vai como un sentimento de achega a eles.

Recollo a información do libro

Xosé María Álvarez Blázquez (Tui 1915 – Vigo 1980) é o editor, escritor e animador cultural homenaxeado no día das Letras Galegas 2008. A súa obra literaria abrangue a poesía, a novela, o teatro e a narración biográfica; máis tamén investigou a literatura galega, o folclore, a arqueoloxía e a historia. Fillo de Darío Álvarez Limeses, militou na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido galeguista. Membro da Real Academia Galega e Cronista Oficial de Vigo, cofundou a editorial Monterrey en 1950, que refundou en 1964 como Edicións Castrelos.

Os seus poemarios máis destacados son Poemas de ti e de min (1964), escrito co seu irmán Emilio; Roseira do teu mencer (1950, Xerais 1992, 2008); Romance do pescador peleriño (1954) ; Cancioneiro de Monfero (s. XIII) (1953) e Canle segredo (1954). A súa obra poética aparece recollida no libro Poesía completa (xerais 1986 e 2007). Como ensaísta é autor de diversos estudos de literatura como Escolma de poesía medieval (1975) e Escolma de poesía galega II: a poesía galega dos séculos XIV a XIX (1959) ou Martín Códax. Cantor do mar de Vigo (Xerais1998). No ámbito da narrativa cabe citar Os ruíns (1936) e A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971); e como autor teatral publicou O zapato de cristal, que foi escenificado en Vigo o 2 de xaneiro do 1947, ou Os Pazos altivos, unha comedia en tres actos en verso. Xerais rescatou para a lingua galega A cidade e os días. Monumental obra da historia de Vigo.

Esta edición da Cidade e os días rescata para a lingua galega o calendario histórico de Vigo, desenvolto por Xosé María Álvarez Blázquez ao longo de 1959 nas páxinas de Faro de Vigo e publicado, logo, en formato de libro en Ediciones Monterrey no 1960. Unha obra monumental, na que Xosé María ofrece un impresionante fresco histórico de Vigo, desde o burgo de pescadores á Idade Media que foi, pasando polo carácter de porto corsario que abrigou no século XVIII, ao empuxe da ribeira que a converteu na cidade portuaria e industrial de hoxe.

Tras a súa primeira publicación, hai casi cincuenta anos, A cidade e os días -a pesar de que os datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola historiografía viguesa- non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna, escrita cunha prosa maxistral e cun alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto.

Como engado vai o primeiro relato

1569

Mes de xaneiro

Día 1

Un sector do gremio de mareantes trata de impugnar a elección de procurador xeral da vila, que recaeu neste día a favor de Gregorio de Barcala, o cal xa fora procurador xeral por dúas veces e pertencía ao mencionado gremio. Os mareantes, en razón da súa preponderancia na vida económica e social de Vigo, participaban con voto propio na elección que se celebraba tódolos anos o día primeiro de cada ano en concello aberto, na praciña da Pedra, con dereito a nomear por si sós o que era chamado procurador xeral do mar. O resto dos veciños elexía o procurador xeral da terra.

A Audiencia de Galicia fallou a prol da legalidade do nomeamento, ordenando ao xuíz de Vigo dése posesión do seu cargo a Gregorio de Barcala.

Grande rebumbio, con motivo da elección de procuradores xerais.

O xuíz ordinario de Vigo, Juan Herrera Escobedo, ordenara o encarceramento o día anterior, do que a vox populi sinalaba como candidato mais caracterizado para ser elixido en representación dos veciños de terra. Ao mesmo tempo amañou a elección doutro procurador, amigo de seu. Gaspar Sanjurjo e os demais rexedores da vila quereláronse diante da Audiencia de Galicia. . O escándalo agravouse polo feito de non efectuarse a elección fraudulenta no lugar de costume –isto é, na Pedra- nin tampouco na hora habitual, despois da misa maior.

O arcebispo de Compostela, como señor de Vigo, condenou ao xuíz ao pagamento de 3.000 marabedís, con multas diversas aos seus cómplices, e fixo pública gabanza da honradez de Gaspar Sanjurjo.

Telmo Comesaña maio 2018