Vigo: cidade aberta

 

Vivimos nun espazo tan fermoso e amplo, aberto, cambiante durante as 24 horas: mañanciña, medio día, solpor e noite,  que é a envexa das persoas que nos visitan. Agora ben, non é o mesmo a visita dun turista de sol e praia, ou a dunha persoa que só aspira a non saír do asfalto, ou as que veñen por un acto deportivo ou algo semellante, coas que veñen á respirar o aire salgado da ría e das árbores produtoras de osíxeno. Este bosque protector chantado ao Leste e Sur da cidade, serve tamén como lugar de lecer para as familias que nas estacións sen choiva, reúnense para xantar e convivir a ceo aberto e libre.

Outr@s visitantes

Hainos que veñen á desenrolar as súas profesións: enxeñeiros, profesores, médicos, arquitectos, músicos, directivos de empresas, diplomáticos, artistas, escritores, conferenciantes de actividades e formación diversa, obreiros, etc…

Esas persoas, unhas de paso rápido que só permanecen días, e outras que están máis tempo entre nós, chegando a quedarse nesta terra, como árbores frondosos, formando aquí familias, e mesturándose coa sociedade que xa noutrora arribou a Vigo. Aprenden algo de nós, da nosa actividade e do noso ser e sentir; de cidade aberta e sen complexos, decidida a tirar prá adiante marcando o ritmo de Galicia, con nervio e decisión.

Quizais non reparamos, en que, as catro capitais galegas -cos beneficios que dá a capitalidade: políticos e civís- foron superadas amplamente por esta que soporta unha “pexa” permanente. (Un exemplo é, o ter que achegarse a Pontevedra-cidade, para iniciar as viaxes do Imserso, cando o maior porcentaxe é de Vigo e bisbarra. Resulta que logo hai que voltar a territorio vigués, pra coller a autovía deica Ourense).

Nestas actividades turístico-colectivas de organismos oficiais, hai tamén situacións que magoan un pouco. Ao chegar aos lugares de recepción –hoteis e/ou visitas-, es recibido como os de “Pontevedra”. Eis, a cuestión: unha poboación de aproximadamente un tercio da de Vigo, condiciona no trato á poboación máis populosa de Galicia. (Este é o único caso en España. As catro capitais de provincia e a da autonomía teñen inferior poboación e máis recursos do estado. Ser capital é importante).

Un exemplo real. Visitando Ávila: unha guía mostrounos a cidade e outra a muralla; desde aquel “poleiro”, contemplando a cidade, pregúntolle a guía, o número de habitantes da cidade, e contestoume: estamos llegando a los 60.000. Entón confirmeille que era a quinta parte de Vigo. Mostrouse confundida, e díxome: será Coruña! Non, non. Vigo ten do orde de 45.000 máis que Coruña. A ela non lle cadraban as cousas, porque só lle soaban as capitais de provincia e Santiago.

O devalar do tempo

Vigo leva anos de sufrimento económico e social. A mal chamada crise cebouse con esta cidade: a perda, por creba, da Caixa de aforros Municipal de Vigo, que coa anexión das de Pontevedra e Ourense, veu a nomearse “Novacaixagalicia”, abriu unha fenda na sociedade. Os aforros de moitos centos de familias traballadoras e de pensionistas, (quedaron atrapados nas gadoupas da entidade na que se sentían seguros, porque a “Caixa” era -familiar e de toda a vida-. O director e logo presidente, gozaba dun grande prestixio). Uns e outros enganados pola entidade con produtos tóxicos:

Preferentes e Subordinadas

Eses eran os nomes que, vendían como un agasallo, para @s clientes máis fieis coa Entidade. A sorpresa foi cando negaron a devolución dos cartos: A Caixa estaba crebada…,desesperos, algún suicidio e rabia, moita rabia.

As novas estaban nos xornais diarios; a confusión polo descoñecemento ía enconándose; os directivos fuxían levando cantidades astronómicas de diñeiro, e naquel entón a xustiza non reparou neles. .., todo era legal!

E xa que logo, naceu un movemento de afectados para reclamar os capitais retidos. Malia que, non había experiencia de liderar colectivos por algo semellante, apareceron, e durante preto de tres anos, aquel grupo de mulleres e homes –maiormente pensionistas, con un plan de actividade permanente, con camisetas identificadoras-, invadían as oficinas da entidade, -alí onde se atoparan-, central, Calvario,Bouzas,Travesas, Rosalía de Castro, etc… Producían ruídos de moitos decibelios, entorpecían a normal actividade dos despachos e caixas, facendo ingresos de un céntimo, ou sacando un €; facían manifestacións polo centro da cidade, (dende o Calvario ata a Porta do sol; dende a Praza de España até a central bancaria, pasando pola Porta do Sol; Centro e Casco Vello con concentracións na Praza da Constitución e Porta do Sol) . Concentracións na Estación Marítima -cando desembarcaban os pasaxeiros, aos que se informaba en varios idiomas- e dalí manifestación e concentración diante dos edificios da Xunta. As concentracións nos xulgados, eran seguidas de manifestación polas rúas das Travesas e concentración nas oficinas da Gran Vía. Tampouco se deixaba de visitar, a subdelegación da Deputación, na rúa Oporto, Sedes dos partidos políticos, concello, etc. Saían en apoio doutras localidades: Pontevedra, Ourense, Lugo, Coruña, Ferrol, Vilagarcía, Cangas, Moaña, Compostela, Sanxenxo, etc…

Formárase a “Plataforma Vigo-Morrazo-Val Miñor”, coas que se facían as saídas ao exterior e peches na Deputación de Pontevedra

As reunións facíanse no centro Cívico de Teis: facíanse as comunicacións, as suxestións, os debates e tomábanse as decisión que marcaban os obxectivos.

En tódalas actividades mostraban unhas restas de chourizos , e pendurados das mesmas, as fotos dos presuntos delincuentes que roubaran os aforros, e dous anacos de pan. O conxunto era soportado por tres varas. As cancións, alusivas, eran moi inxeniosas. Unha delas dicía: “non hai pan para tanto chourizo, nin xamón para tanto ladrón”.

Final

Rematou deixando atrás un esforzo impagable. A resistencia foi épica e o liderado quedou demostrado. Ende mal, houbo xente que así como ía cobrando desaparecía, mais, ende ben,a maioría seguiu apoiando aos que non cobraran. A loita diaria durante preto dos tres anos, afortalou a amizade e o compromiso, ata o punto, de que, cada seis meses vímonos xuntando nun xantar, no que volvemos atoparnos; desta, sen cornetas, nin bombos, sachos, tambores e trebellos cos que facer ruído.

Algunha daquela xente xa cambiou de estadio: uns finados, e outros limitados polas eivas dos anos vividos.

Para tod@s a miña consideración e afecto.

Din que a xustiza sempre chega tarde, e neste caso tamén; malia que algúns estiveron no cárcere e seguimos sen saber si devolveron os cartos que indebidamente levaron.

A policía nacional era unhas veces o freo e outras unha certa permisividade; foi bastante tolerante – quizais, porque moitos deles e das familias estaban ensarillados no mesmo problema-.

Agora toca seguir avanzando libremente.

 

Telmo Comesaña abril 2018