Viaxe a Castela-León

Nunha das viaxes que programa o Imserso, participamos, a miña dona e máis eu, na compaña de outras corenta e catro persoas máis.  Foron seis días no proxecto “culturais”.

A partida foi de Pontevedra

(Non é fácil entender o ter que  achegarse a Pontevedra, capital da provincia, cando a maioría da xente é de Vigo e bisbarra). Algo teremos que facer para acabar con este desleixo.

Na estación de autobuses, recibiunos Patricia, a guía que nos ía acompañar até a volta, ó mesmo lugar da partida.  Acomodados no autobús  -case de estrea-  Patricia  deunos a benvida; presentounos a Iván,  condutor do bus, e pasou a ler o programa co itinerario previsto:

Base en Zamora, a onde chegariamos sobre as cinco da tarde.

Luns, visita guiada a Salamanca, xantar e paseo por Ledesma e Sayago.

Martes, visita guiada a cidade de Zamora, xantar e tarde libre.

Mércores, visita guiada a Benavente, xantar e visita a cidade monumental de  Toro.

Xoves, visita  ao  Parque Natural do Lago   de Sanabria, xantar e visita a cidade.

Venres, volta á orixe.

Logo, Patricia púxonos as condicións para que a viaxe fora pracenteira e disfrutaramos dela, a saber: puntualidade; a espera máxima será de cinco minutos. Os que non cheguen á tempo terán que facer o percorrido ao hotel pola súa conta. Deunos o seu teléfono e confirmou que estaba ao noso servizo ás 24 horas, indicando o problema.

Saída

Ás dez horas, saída prevista, faltaban catro persoas; cumpridos os cinco minutos de cortesía, Iván puxo en marcha  o bus con aquel grupo de pensionistas dispostos a coñecer algo máis as terras, vilas e cidades  de Castela-León.

En ruta Por autoestrada a dirección Vigo.

Pasamos a ponte de Rande e seguimos pola Rande-Puxeiros para coller a autovía  rumbo ó destino. A  mañá estaba fresca e o sol xa collera altura; a paisaxe non era a mellor que podíamos desexar: os efectos dos lumes deixábanse ver nas árbores queimadas dando unha visión fantasmagórica, pero pouco a pouco iamos pasando por pobos que daban a coñecer que a vida seguía e os montes voltarían a reverdecer.  Hora e media despois   -intermedio de Sanabria onde tiñamos acordado o xantar-  fixemos media hora de descanso.

Seguimos e na Canda tivemos a visión da neve e no Padornelo xa estaban as quitaneves limpando a estrada e a marcha fíxose máis lenta. E  pagou a pena porque a paisaxe, co sol reflectindo na neve e nos vidros das máquinas facíanos ver algo ao que non estamos afeitos.

Chegada a Zamora,toma de contacto coa cidade e desenrolo das actividades previstas

Hospedámonos nun hotel de 4*, confortable, no que faciamos o almorzo da mañá e a cea; o xantar era nos lugares de visita.

-Salamanca, Ledesma e Sayago

Nunha mañá fría e chuviosa, recibiunos Rosa; a guía que nos levou ao longo de dúas horas por aquela cidade “Patrimonio da Humanidade pola UNESCO  no 1988, e Cidade Europea da Cultura    ao longo do 2002”. Rosa, persoa duns 70 anos -a miña apreciación non é moi fiable debido a miña limitación visual.  Padezo DMAE-  levounos camiño das xoias arquitectónicas daquela vella e ben conservada cidade; a pouco andar mostrounos o arquivo da guerra civil. Seguimos camiñando deica as catedrais e ía debullando as historias de cada porta ou de cada pedra. Falaba con voz clara e firme, deixando espazos e entoacións que transmitían momentos para a asimilación do que nos falaba. No interior da catedral nova  foinos mostrando: arquitectura, altares, imaxes, esculturas, pinturas, tallas; nomes dos artistas e épocas; conflitos e acordos para o desenvolvemento ao longo dos anos.

Dalí pasamos a catedral vella, século XII, e nunha sala arrodeada dunha bancada, sentamos e, deunos unha clase maxistral: o exame dun universitario da época (non me atrevo a reproducir o que recollín porque deixaría atrás, quizais o máis importante daquela exposición. Sinto respecto pola persoa que sen ler falou uns dez ou quince minutos  deixándonos a tod@s nun profundo silencio.

En fronte da catedral mostrounos o pazo episcopal, e dixo “este es el palacio episcopal, que el obispo catalán Pla y Deniel cedió a Franco para su residencia” -houbo un silencio prolongado-. Explicou a filigrana da fachada da catedral  e ensinounos a buscar a “ra”. (Toda unha historia arredor dese batracio).

Seguimos polas rúas dándonos a información dos edificios, das persoas relevantes que os habitaron, ata pasar pola rúa na que viviu Nebrija, que estivera chea de librarías e editoriais; doutra banda, a casa onde viviu Unamuno, e aquí tamén houbo outro silencio prolongado. Na casa das cunchas pasamos ó interior e seguiu falando da historia do recinto; rematamos na praza maior cunha información detallada do espazo máis senlleiro das prazas españolas. Só podo cualificala de excelente!

O paseo por Ledesma e Sayago, foi sómente iso: un paseo por dous pobos con moita historia e baleiros de xente.

-Zamora

Visita guiada pola parte monumental: Castelo, catedral, igrexas, rúas e comentarios históricos cívico-relixiosos. Atopei a cidade moi mellorada respecto a anos atrás.

A tarde libre aproveitámola  -parte do grupo, sempre baixo a titoría de Patricia e Iván – para desprazarnos a Miranda do Douro- Portugal. Naquela pequena e histórica cidade episcopal, na actualidade compartida con Bragança onde ten a Sede o bispo, unha guía, con un castelán moi aceptable,deunos unha información ampla da catedral, da historia e dos xeitos de vida. Malia que a poboación decrece a sociedade resiste.

-Benavente.

Recibiunos  con moita choiva, pero aínda así, puidemos facer un percorrido pola cidade. Para min foi unha sorpresa porque nunca reparei nela.

Toro cidade monumental, certo, a igrexa é unha xoia dun pasado que non volve. Ao meu ver, aquela nobreza estaba chea de soberbia.

-Parque Natural do Lago de Sanabria

Recibimos unha ampla información no centro de Interpretación da Natureza. Guías moi ben formadas e con moita experiencia, foron mostrándonos as características e historia daquel espazo natural cuxa conservación é indispensable para a conservación das especies. Moi interesante.

A cidade de Sanabria é outra xoia do pasado que compre conservar.

Volta a Pontevedra

O sexto día fixemos o camiño de volta; xantamos en Sanabria e pouco despois das cinco da tarde –como xa calculara Iván- arribamos ao punto de inicio sen ningún problema. Felices e content@s

A miña visión, e reflexión

Lugares fermosos, históricos, polos que pasa o camiño de Santiago “camiño da prata”. Pobos despoboados; terras ermas e sen rabaños como noutrora. En poucos anos cambiou moito. Si é para ben, benvido sexa.

Coido que o comportamento do colectivo foi bo; non houbo rifas nin desencontros, que eu saiba.

Condutor e guía merecen o meu recoñecemento. Patricia estivo pendente de min e demostroume a súa sensibilidade. (Na primeira parada comenteille que levaba no grupo unha persoa con minusvalía visual grave, mostreille a chapa “Tengo baja visión”, e díxenlle que non se preocupara porque estaba acompañado pola miña dona e outra familia; simplemente llelo dicía para que o soubera; e tívoo moi en conta. De volta en Pontevedra démonos un bico e desexeille “que sexa moi feliz e unha longa vida”

O último espazo é para Rosa –catedrática,  según me dixo Patricia-.  Dúas largas horas acompañándonos, sen ler un papel, sen dubidar nin trabucarse, facendo silencios cómplices, que ninguén se atreveu a ocupar cunha pregunta. Cando falou de Unamuno estiven tentado a preguntarlle polo episodio co xeneral Millán Astray. Estes dous persoeiros tiveron  un desencontro no que Unamuno dixo: “ganarán, pero no convencerán”, ao que lle retrucou o xeneral manco e torto: “abajo la inteligencia. Viva la muerte”. Din, que Carmen Polo que estaba presente, cortou a rifa.

Só me queda felicitar ao grupo pola camaradería, respecto e colaboración durante os seis días que durou este encontro de mulleres e homes pensionistas de diferentes lugares. Seméllame unha lagoa á que chegan regos de auga; unha vez mesturada nun único espazo volven a esparexerse de novo.

Parabéns e ata outra!

 

Telmo Comesaña   marzo 2018

 

2 comentarios sobre “Viaxe a Castela-León

  • el 4 de abril, 2018 a las 23:31
    Permalink

    De acuerdo contigo de tener que ir a Pontevedra, de hecho yo no me anoto a estos viajes por esa razón. Por lo demás me gusta mucho como nos haces sentir lo que disfrutasteis en el viaje.

  • el 5 de abril, 2018 a las 23:11
    Permalink

    Grazas Esther, xa vexo que non son eu so que me amola desprazarme a Pontevedra

Comentarios cerrados.