“Tu no eres de Vigo si…”

Lendo un traballo de S. Penelas, no xornal Faro de Vigo, (26/03/18, páx. 7), atópome que procede do libro “1939: la guerra ha terminado hace sesenta años en Vigo” -unha das pezas senlleiras do prolífico historiador, Antonio Giráldez Lomba, editado polo Instituto de Estudos Vigueses, do que Antonio foi un dos fundadores-. E van aló 25 anos de presenza do (IEV), dando fe da historia de Vigo e bisbarra.

Sorpresa

Despois do titular e unha entrada, Sandra, mergúllanos no relato. A Xunta Local para a Defensa Pasiva Antiaérea de Vigo e Lavadores estableceu en 1936 unha rede de refuxios en varios inmobles para protexer a poboación en caso de bombardeo.

A cidade mantívose alerta ante un ataque aéreo que nunca chegou. Aínda así establecéronse refuxios en sotos de vivendas que só chegarían a ser escenarios de simulacros e, asemade, unha rede de postos de socorro e hospitalización que tampouco foi preciso activar.

O historiador Antonio Giráldez Lomba, foi debullando este capítulo da nosa historia recente. E agora recuperouno -para sorpresa de moitos- o grupo de Facebook “Ti non es de Vigo si…” , creado en 2014 e que xa conta con preto de 21.500 membros.

Refuxios e infraestructura sanitaria

A comandancia Militar fixo unha lista de sete edificios con soto que podían utilizarse como refuxios para a poboación en caso de bombardeo.

Estes inmobles de pedra estaban situados nas rúas: Irmandiños, Manuel Núñez, Poboadores, García Barbón, Areal e Policarpo Sanz. E podían albergar dende 20 persoas os máis pequenos aos 2.000 no número 27 desta última rúa no que ese mesmo ano inaugurouse a libraría cervantes (hoxe Laboratorio Poutás).

Según relata Giráldez, os refuxios tiñan capacidade para 66.391 vigueses.

Os refuxios estaban suliñados cun disco azul, amarelo e verde colocado nas fachadas. (No número 3 da rúa Ronda de D. Bosco, queda un coas cores xa imperceptibles).

Ao longo do 36 e até o 39, a Xunta de Defensa Pasiva Aérea, publicaba en Faro as rigorosas normas, que “sen escusa algunha”, tiña que cumprir a cidadanía: toque de queda, ás 22.45 horas, (…), os cristais de ventás e galerías, con tiras de papel engomado en forma de X. (Anos despois aínda soñaba con estas ventás na casa onde me criei. Lembro que ademais da X tíñanas tamén en forma de cruz. Un día oíuse o ruído dun avión que viña de Cíes deica nós: a xente da casa alporizouse e sentiu medo; leváronme pra dentro da casa e, decateime que o avión estarreceunas -a miña nai, miña avoa e a miña tía Pura-. Coido que foi a primeira vez que oín falar de “guerra”; eu debía ter cinco anos. Moitas veces téñome lembrado daquela escena, e cada vez, íame decatando da gravidade do momento; elas tiñan motivos sobrados, que eu, infeliz, non podía entender).

S. Penelas recolle un retallo do libro -saído do prelo no ano 1999-, que dá a entender o que se agocha nas 405 páxinas que o compoñen.

Abre cun Limiar, do daquela director do IEV, Andrés Martínez-Morás y Soria.

Prologado por Lalo Vázquez Gil, é unha longa introdución do autor. Quédome co derradeiro párrafo:

Que la templanza y la claridad en el juicio que suelen ganarse con el paso del tiempo gane por fin la última batalla de nuestra guerra más incivil, la de que sea recordada como história, como aquellas cosas que pasaron hace ya algún tiempo en este lugar y que nunca más deben volver a pasar”.

Reflexiono sobre este parágrafo

Benquerido Antonio; coñézote, e ti a min tamén. Neste parágrafo deixas o sufrimento causado ao atoparte con feitos criminosos; horas e horas lendo, recompoñendo papeis, mirando fotos; sufrindo en horas nocturnas, só ti, -cos papeis e coas palabras das testemuñas, homes e mulleres (as veces vertendo bágoas) recollidas na gravadora- e ter que facerte cargo do sufrimento de tanta xente. Enténdote amigo, enténdote!

Todos quixeramos que as cousas se arranxaran e poder pechar definitivamente as feridas abertas, porque seguen abertas compañeiro. Escribiches esta introdución no 1999. Si, daquela tamén eu podía pensar que levabas razón, e todos e todas que coñezo desexabamos que así fora. Mais a realidade é outra, amigo meu: Seguimos aldraxados, rinse de nós, desprézannos e chámannos rancorosos, só porque pedimos o que nos corresponde, o que din os “Dereitos Humanos” da ONU. Queremos rescatar aos desaparecidos e aos que insidiosamente teñen en foxas comúns. Queremos: Verdade, Xustiza e Reparación. Estas tres palabras encerran todo o necesario para que os teus, os meus e os de todos e todas se fagan realidade.

Este libro  -no que non atopei á meu pai nin aos outros cinco de Alcabre-   desapareceu das librarías como por encanto; reeditouse no ano 2005, e nel, ó final, leva un documento e un pé de páxina: o documento -emitido polo xulgado de Gondomar; asinado polo xuíz, o secretario e dúas testemuñas- confirman que a morte de José Comesaña Pérez (meu pai) produciuse por “disparo de arma de fuego”, aparecendo morto na cuneta do lugar “a Pasaxe” da parroquia de Vincios – Gondomar, xuntamente con outros (meu tío Antonino Comesaña Pérez e Emilio Giráldez Rodríguez) (…). Confirman a data e o motivo: “la madrugada del seis de octubre de 1936. (…) les consta que dicho señor fue uno de los muertos a consecuencia de la guerra civil (Movimiento Nacional), de los que se denominaban presos políticos y que sacaban de la cárcel y ejecutaban en las carreteras sin previo procedimiento que justificara tal ejecución; vulgarmente se les llamaba paseados”.

O testimonio leva a data do día  5 de maio de 1979

As sinaturas e dous carimbos do xulgado de Gondomar

O pé de páxina recolle tamén aos outros daquela noite no lugar de vichicáns, Vincios. Cúmprese así o desexo das familias para que deixen de seren anónimos.

En nós pervivirán sempre.

Remato reproducindo as palabras do impulsor deste libro en Facebook:

La gente se sorprende cuando lee estas informaciones. Y nuestro objetivo es aportar datos para conocer mejor la historia de nuestra ciudad y de sus gentes”, apunta Javier Rivas uno de los administradores del grupo “Tu no eres de Vigo si…”. Entre sus integrantes figuran emigrantes o descendientes interesados en mantener el vinculo con sus orígenes y también expertos en arqueología o historia. A día de hoy, barajan la posibilidad de juntarse para realizar rutas por la ciudad”.

Algún día, quizais os nosos netos serán quen de que a sociedade española sexa consciente para dar fin definitivo a esta situación.

Queremos paz física e mental; acabar coa tortura que significa para centos de miles de persoas mirar aos pais que “se van” sen saber, “por que…?”

Non perdamos a ilusión. Compre traballar!

Telmo Comesaña Abril 2018