Coia, no devalar dos anos. Estamos de festa: 25 aniversario

As conmemoracións son momentos nos que a memoria se pon en funcionamento; saen fora de nós os acontecementos vividos e, velaí que, no Centro Sociocomunitario de Coia estamos celebrando o 25 aniversario da súa fundación.

Acugulado no fardel da miña memoria, está aquela Coia que coñecín na miña xuventude e, xa que logo, vou deixalo escrito para a xente que non a coñecera.

Sesenta anos atrás xa rebulían as inquedanzas veciñais, polas expropiacións que se anunciaban, para facer un gran polígono de vivenda social. Vinte anos despois o polígono de Coia era unha realidade. Malia que a transformación daquel espazo rural ía ensanchar a cidade e facilitarlle a vida aos novos habitantes -deixaba unha veciñanza, herdeira dos seus devanceiros cunha vida campesiña vivindo en casas unifamiliares- con un enorme problema social, aos que non lles quedaban mais que dúas posibilidades: irse a outras parroquias rurais ou adaptarse a vivir en pisos rodeados de veciños, compartindo usos e espazos comúns, ao que non estaban afeitos. Os desafiuzamentos, as bágoas e os desesperos, algún suicidio, causaron moita dor.

Parroquia de Coia

Coia era a parroquia máis importante do antigo concello de bouzas e porén de Vigo a partir do 1904 -cando se falaba de Coia había que precisar, Coia darriba ou coia dabaixo-. Coia darriba era rural e a dabaixo industrial que abranguía dende a praia de San Sebastián até o cruceiro vello de Bouzas. Na parte central ía das Travesas (hoxe praza de América) até o barrio do Rocío-Bouzas e Santo Andrés de Comesaña.

A transformación poligonal deuse na zona rural menos poboada e con espazos moi abertos e asemade xa figuraba no Plan de Antonio Palacios como zona de expansión cun vial central a partir das Travesas, como continuación da Gran Vía.

A rede viaria

Unha estrada que arrancaba da ponte sobre o río Lagares en santo Andrés entraba en Coia (a altura de onde está o cemiterio de Bouzas) e subía até onde hoxe está situado o “barco”. (Avda. Castelao). Alí era o cruzamento de camiños, no que ficaba un cruceiro de pedra, (semellante ao que se conserva en Alcabre). Unha estrada ía dereita as Travesas, (unha parte existente, moi cargada de edificabilidade,que desemboca na Avda. da Florida), e outro ramal deica a igrexa parroquial de San Martiño. Detrás dela ficaba o cemiterio (hoxe vivendas sociais). En fronte, o torreiro, polo que pasaba a estrada. Dalí un ramal baixa directamente a praia, atravesando a rúa Tomás Alonso e a outra baixa (un pouco máis o Leste) tamén até a Praia pola rúa das Ánimas (na que se conserva un “peto de almas”) .Estas eran as vías principais; entre elas, había carreiros e camiños de servidume para as casas e para as leiras.

As primeiras construcións que se fixeron no polígono, foron promocionadas pola Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo, coido que obra do arquitecto Desiderio Pernas e construídas pola entidade “Misa y costas” . Unhas acubillaron aos desafiuzados.

Urbanización e construcións

Co espazo xa libre comezaron a urbanizar según o planificado: viario, zonas de vivenda e de equipamentos: deportivos, escolares -ensino infantil, primario, secundario e especial-, relixioso, sanitario e social. Rúas con canalizacións de augas potables e fecais; redes eléctricas e telefónicas, alumeado público soportado por farolas e zonas axardinadas con mobiliario urbano.

A caixa de Aforros seguiu co plan construtivo e varias cooperativas e sindicatos, foron levantando edificios de até 15 alturas. -Foi unha época frenética de construción de novas vivendas e equipamentos-. En pouco tempo, Coia mudou totalmente.

Novos habitantes

Xentes dos diferentes barrios de Vigo, -e de concellos limítrofes-, viñeron a poboar este territorio como si dun novo “mundo se tratara”: un hipermercado e hotel case no centro pasou a ser un punto de encontro. Tres igrexas –de talante diferente- repártense ós fregueses católicos do polígono e da contorna; dúas asociación veciñais, dous campos de fútbol, un pavillón deportivo, un ambulatorio do sergas e os centros escolares conformaron aquel novo barrio: creativo e traballador. O transporte público era un elemento funcionalmente aceptable.

Malia que todo parecía estar arranxado, faltaba algo moi importante. Algo que non chegou até o ano 1993, o

Centro Sociocomunitario de Coia

Lugar de encontro para 6500 cidadás e cidadáns.

Lugar de encontro e formación continuada: mulleres e homes de diferentes idades que comparten afeccións, formación e dedicación agrupados nun “voluntariado” a prol de mellorar e difundir as actividades desenroladas ao longo do ano.

Un dos medios de difusión é a “Revista” dixital con diferentes temas de actualidade: cociña, historia, arqueoloxía, botánica, literatura, e/ou temas que xurden polas redes, e se consideran importantes para @s afiliad@s.

Este é un traballo do voluntariado, que se fai coa idea de espallar entre o gran colectivo asociado, coa pretensión, non só de informar. Tamén interesa a participación d@s lector@s coas súas críticas e/ou as súas loubanzas si as houbera.

Remato coa felicitación ao colectivo e as persoas que se están entregando para que este vinte e cinco aniversario afortale os lazos de confraternidade entre os 6500, e os que poidan vir a unirse connosco.

Parabéns por este cuarto de século

Telmo Comesaña abril 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *