Certamen Literario: A miña fermosa experiencia en Danzas do Mundo e Pilates

Intento facer memoria e teño que remontarme xa case dez anos atrás para situar o meu comezo na actividade de Danzas do Mundo e Pilates, exactamente uns meses despois de que empezase o grupo pioneiro, que estreou a actividade en outubro de 2008, polo que, inda que nos custe crelo, ben pouco nos falta para cumprir a década!

A actividade foi sempre levada da man de Víctor González, un dos mellores profesores que teño coñecido, e compartida cun grupo de xente que ten sido, ó longo de todos estes anos, sen dúbida o outro piar fundamental no que se sustenta tan grata afección.

Por suposto, neste longo periplo os compañeiros teñen variado por moi diversos motivos, pero segue inda un grupiño dende o primeiro día, fiel á súa cita dos martes e xoves de once a doce da mañá, e sempre estivo a lista de apuntados chea, ata o punto de que non houbo baixa que non se cubrira enseguida coa xente que estaba en espera.

Durante tan nutrido período de tempo, eu destacaría como claves para explicar o éxito da actividade os seguintes puntos:

  • O patente dominio por parte do profe de ámbolas duás materias, pois un pode sentir persoalmente máis preferencia pola Danza que polo Pilates, ou viceversa, pero endexamais escoitei en todo este tempo a ninguén que dixera que o profesor dominaba mellor ou daba preferencia a unha en detrimento da outra, pois sempre nos fixo sentir que na actividade pesaba tanto unha parte como a outra.

  • A súa admirable capacidade de innovación continúa, pois non hai ano en que non aprendamos novos bailes de toda a xeografía, máis ou menos próxima, nin novos exercicios na técnica de Pilates.

  • A súa total entrega, pois é quen de correxir a todos e cada un de nós en cada disciplina para que todo saia o mellor posible, facendo gala da necesaria delicadeza para que ninguén se sinta ofendido e sendo, por todo iso, peza fundamental para que o ambiente que se respire na aula sexa do máis relaxado. Ademais, o devandito interese e proximidade maniféstase tamén alén das horas de clase, nas moitas festas e saídas de esparcemento que o centro sociocomunitario organiza para seguir estreitando lazos entre todos os que formamos parte del (festa do Magosto, saída con motivo da recolleita de cogomelos, comida de Nadal, festa do Entroido e comida correspondente, saídas para coñecer distintos pobos da nosa xeografía e festa de fin de curso, son algúns exemplos).

  • E, sobre todo, o seu bo carácter e a grandísima ilusión que pon en todo o que fai e que nos insufla a todos e cada un dos seus alumnos.

Alumnado que merece mención expresa, pois debo insistir en que el é o outro piar básico no que se sustenta a miña satisfacción na actividade. Coido poder falar en nome da inmensa maioría cando digo que nos atopamos moi a gusto porque tivemos a sorte de dar con compañeiros estupendos, persoas que levan tamén un bo número de anos e seguen repetindo e incluso asistindo ás clases que dende hai uns anos o centro sociocomunitario permítenos recibir nas súas instalacións tamén en verán para que sigamos puidendo ter a actividade en xullo e a segunda quincena de setembro, exactamente.

Só engadiría dende aquí a invitación a que sexan máis representantes do xénero masculino os que se inscriban nesta actividade, pois tivemos a sorte de ter diferentes compañeiros ó longo desta década e dou fe do ben que o pasaban e pasabámolo con eles pero, dende hai un par de cursos, por motivos alleos á actividade en si, non temos representación masculina no grupo.

Remato xa sen poder esquecer outro punto a favor nesta grata experiencia e que é o que se refire ás sustitutas que o noso profe tennos mandado no seu lugar, cando algunha vez estivo enfermo ou non puido vir por calquera motivo, algunha das cales traballan no mesmo centro en horario de tarde, dando clase de Pilates, por exemplo. GRAZAS A TODOS POR TANTO!!!

Dana

Un comentario sobre “Certamen Literario: A miña fermosa experiencia en Danzas do Mundo e Pilates

  • el 23 de abril, 2018 a las 13:45
    Permalink

    Por alusiones…muchas gracias por los halagos y sobre todo MUCHAS GRACIAS A TOD@S POR PARTICIPAR, porque sin vuestra presencia, constancia y dedicación todo este trabajo no sería posible.

    Excelente artículo y muy buena la redacción, ENHORABUENA DANA.

Comentarios cerrados.