Sergas…xogando connosco

 

Sabido é, que dende hai algúns anos os temas de saúde son motivo de polémicas  e reclamacións continuadas.

Como sempre acontece, a sociedade  non é consciente do problema . Médicos, enfermeiras e sindicatos veñen denunciando e poñéndonos os acontecementos do día a día da seguridade social en Galiza: queixas nos medios, concentracións, manifestacións, e…a sociedade, U-la?

As listas de espera para especialistas e  hospitais son comentarios frecuentes alí onde te atopas; laios e máis laios, as veces bágoas; serve de algo esta actitude?

Hai dous ou tres anos pasaron  -coido lembrar- 30.000 cartillas de Vigo a Santiago -deixando ao sur de Galiza en inferioridade de condicións-  Pasaron algúns miles a Povisa, mais o problema segue; nada mellorou respecto das listas de espera.

Mentiras e presións

Non nos respectan, e consentímolo.  Non se pode aturar tanta falsidade e tanto desprezo.

Periodicamente os titulares de prensa dan a coñecer datos falsos doados de comprobar, sobor de todo cando falan da mellora que se produce nas esperas. Reflicto unha, común en distintas áreas:

Unha vez atendida polo especialista, este dille que volte ao cabo dun tempo determinado. No posto de atención, a enfermeira resposta:

-non lle podo dar data ata dentro de tres meses porque xa ten a axenda cuberta.

Eis o problema: tres meses no “limbo”; ese espazo de tempo non figura na base de datos. Logo a consulta vai a cinco ,  ou quen sabe cando. E xa se sabe!… a culpa é da  “axenda”. Mágoa!

 

Queixas dun doente  

Recollo do Faro de Vigo, do sábado 24 de febreiro, unha carta ao director dun sufridor da  manipulación organizativa do “Sergas”.

As listas de espera       

Este titular xa nos pon en alerta do que ven despois, e di:

(…) a contrarreforma da Lei de Saúde de Galicia, en debate parlamentar, supón un paso máis no desmantelamento dos servizos públicos en beneficio das grandes corporacións privadas; implica, sexamos claros, poñer aos enfermos  ao servizo das empresas privadas. Nembargantes, aínda sen a lei aprobada, a practica xa é a liquidación dos servizos públicos”.

Pide desculpas por poñerse de exemplo e reflicte o seu problema:

(…) Pendente dunha operación de prótese dun xeonllo, en lista de espera dende o 18  de novembro do 2016. Pasado un ano cursou unha reclamación diante  do Sistema de Xestión de Reclamacións  e Suxestións do Servizo Galego de Saúde,  coa contestación literal:  a prioridade asignada para a súa  intervención é a normal, polo que, dada a presión asistencial  existente non é posible neste momento  establecer unha data concreta.

E aquí ven o gancho. …Os centros concertados que se  veñen utilizando con carácter complementario e subsidiarios, son unha posibilidade para axilizar a intervención. Ben, pero  recalcan: ”os pacientes que rexeiten unha oferta asistencial como a que se lle oferta  pasan a lista de espera non estrutural que ten un prazo de espera superior”

Este señor segue a darnos máis información

(…) A base legal  da resposta está na Instrución 1/2018 do Sergas, desenrolada para o procedemento de desviación  á centros privados, que di así: Si o paciente non manifesta  a súa decisión no prazo de sete días, ou rexeita o centro alternativo ofertado, perderá a garantía prevista para este proceso . En cuxo caso pecharase o expediente garantido no centro prescriptor  co motivo “rexeite oferta de resolución noutro centro”.

A carta é moi extensa e coa información suficiente para que a cidadanía reflexionemos o problema que nos ven enriba; non xa si se aproba a lei que se debate no parlamento, tamén o que xa se está a facer agora.

A denuncia pública que fai este home -moi honrado, porque aínda coas ameazas recibidas non aceptou o chantaxe do Sergas- queda nun “limbo” insufrible. E a sociedade, da que formo parte, é   a que ten que facerlle fronte a tanto desleixo.

O ataque ao público ven de lonxe, e o goberno da Xunta é coñecedor de como se pasa de público ao privado: historias semellantes xa se viviron e se viven  noutras comunidades do Estado. Lembrar as “Mareas brancas” en Madrid; e segue con outra

Advertencia

“Atención pacientes-lectores; trátase dun castigo: se non aceptas ser derivado a un centro privado pérdese o dereito de atención aos cidadáns”. Eis, o negocio! “Garántese o negocio dos centros privados”.

O sindicato médico CESM, ven de  referir publicamente, que a finalidade destas medidas só  poden ser unas manipuladas estatísticas de listas de espera, desprezando os máis elementais conceptos de ética e respecto aos pacientes.

Emociona o comportamento deste cidadán:

(…) Particularmente non acepto a derivación; reivindico a atención dun servizo público.  E fágoo público para que non sexa un comportamento individual, illado, senón para que tomemos conciencia  e nos opoñamos ó desmantelamento da sanidade pública.

A miña reflexión

Postura heroica a deste paisano. Un día e outro aparecen titulares confusos -que é o que pretenden- indicando que faltan pediatras (non tiveron en conta as xubilacións) que hai que traer médicos de fora, que están a traballar para mellora-la sanidade, etc.

E Co balbordo que levantaron os xubilados, decátome de que en España somos arredor de  nove millóns de pensionistas. Obsequiados cun   0.25% e unha “atentísima” e clarificadora  carta da ministra do “ramo”, conseguindo  espertarnos do noso secular  sono e  poñernos en pé.

E os 46 millóns de usuarios da Sanidade Pública imos permitir o desmantelamento para entregarlle o negocio aos “fondos bancarios”? Somos conscientes do problema ?

Os pensionistas témola vida andada, pero os novos, os nenos, os/as… U-los?

Telmo Comesaña   marzo 2018

.