Soidade (I)

Hai uns días oín na radio unha noticia que me deixou estarrecido: posiblemente non entendín ben, ou a persoa que a deu confundiuse; reproducila dáme arrepíos, dicía: ”en España viven solos cuatro millones de personas, la mayor parte mujeres”.

Fago un repaso mental do barrio e atópome con preto de vinte -e iso que non coñezo a xente das novas urbanizacións-. Abofé que os cambios sociais son profundos e non parece que poidan mudar. Estarrece oír ou ler que apareceu morto un home que vivía só; outras veces era unha muller. As novas viñan porque algún familiar deu a alarma, noutras veces eran os veciños os que botaban en falta a persoa ou notaban o mal cheiro que había nas escadas.

As noticias da soidade chega a cotío, e hoxe, sábado día 10, unha páxina enteira, asinada por A. Blasco, ven a sacarme da miña ignorancia, non xa do que pasa en Galiza ou en España: do que pasa na nosa cidade. Preocupante, parece que só temos ollos para o divertimento, mais a realidade é outra:

Titulares

Casablanca y casco vello son las zonas con mayor porcentaje de mayores que viven solos “

Son 15.635 en total, el 5,2% DE LOS VIGUESES”.

Los bomberos intervinieron para auxiliar en 14 casos en enero”.

Esta semana fueron hallados 3 muertos en hogares unifamiliares”. A información ten unha parte gráfica na que recolle a porcentaxe por distritos, (9).

Contén outro titular do forense José Luis Gómez

Cada vez hay más gente que fallece sola y no es más que un reflejo de la sociedad”.

Noutras ocasións son os suicidios -anónimos ou visibles-. Isto xa non son casos illados, é un andacio que percorre Europa. Que facer? Lin que, (“…En Gran Bretaña, una nación gobernada por un partido conservador de orientación claramente neoliberal, se ha creado una Secretaría de Estado para buscar una solución al problema”).

Malia que as garderías acollen anciáns, as públicas son escasas e as de pagamento non son acaidas ás economías dos traballadores, e aí ábrese unha fenda na sociedade: o que pode ten praza e o que non queda, ou soliñ@ ou na casa dalgún fill@ cargando á familia sen axuda para levar a carga e soportando o desleixo dunha administración cada vez máis desorientada.

Esta administración que nos minte e nos engaiola dicindo que xa pasou a crise, que xa medramos máis que ninguén en Europa, que o paro está a baixar e outras andrómenas polo estilo, non dubida en gastar cantidades que amolan a calquera que pense un pouco: dúas casas reais, coa xente que os arrodea; políticos incapaces de resolver os problemas para o cargo, e que precisan dunha panda de asesores -da corda política, claro está- duns medios de comunicación sometidos; de fundacións para enaltecer as glorias dun pasado funesto; das compras de armas obsoletas e do despilfarro xeral; do gasto que supón o “valle de los caídos” para manter alí a un grupo de frades que tratan de impedir o rescate dos restos de asasinados polos militares golpistas.

Outro capítulo do despilfarro é a escalofriante entrega de cartos aos bancos -sen que teñan que devolver ren-, o rescate das autoestradas e dos fracasos das grandes empresas con cantidades multimillonarias, permitindo soldos e retiros dos directivos que asustan e indignan a calquera persoa sensata; a permisividade coas SICAV e os paraísos fiscais, e como non, a Igrexa católica con cantidades astronómicas. Deixo aquí porque xa me aburre seguir lembrando que neste país de continuas liortas producidas como cortinas de fume para distraernos dunha realidade tenebrosa.

Castelao dicía: “o galego non se queixa, o galego emigra”. Agora dáse a mesma sentenza pero aumentada: agora emígrase caladiñamente e dannos fútbol a esgalla, como adormidera (opio), día e noite, con apostas e posibilidade de vencer o xenio -acumulado do día a día-, cos árbitros, cos xogadores e con calquera que non estea de acordo. Volvemos ao “circo” romano. Moi triste comprobar con que facilidade nos levan. O fútbol converteuse nunha enxurrada que nos arrastra ó precipicio…a non pensar.

Solitario

Camiñaba mirando po chan e falando en alto; cruceime con el varias veces e sempre ía coa mesma letanía: que lle pasará a este home? pensaba eu, pero tampouco me esforcei por coñecelo; “cada vida é un mundo” e morra o conto.

Un día que eu limpaba o xardín, aquel paisano achegóuseme ó muro e saudoume amigablemente: cun sorriso como si estivera desfrutando de algo importante; correspondinlle ó saúdo, e el preguntoume por un familiar lonxano, que segundo me dicía traballaran xuntos e había anos que non tiña novas del. Aclareille as súas dúbidas e pensei que quedara satisfeito, pero non. Decateime de que a pregunta só era para entrar en conversa.

O paisano tiña ganas de falar, mais a min non me atraía ren, o caso foi que foi debullando a súa vida sen que eu lle preguntase nada. Estiven tentado de deixalo, pero decateime que el atopara un muro de lamentacións, e deixeime ir: era viúvo e vivía soliño; estaba nunha asociación cristiá de homes e mulleres solitarios, e rezaban moito; nisto levantou a man dereita -na que levaba un rosario- e díxome: Veño por aí arriba rezando o rosario…e, seguía sorrindo. Eu miraba un punto de amargura naquel home; facía unha paradiña e volvía a facer algún comentario, e …ía perdendo o sorriso co que empezara a falar. Tratei de animalo, pero estaba claro que eu non me poñía no seu lugar e non podía enganalo co meu relato. Rematou dicíndome que pola tarde ía á reunión e a rezar o rosario naquela comunidade de xente solitaria que, coido eu, os rezos só servían para un escape momentáneo. Non volvín a velo, non sei que foi del.

Unha realidade como tantas.

Ao través do facebook chégame un caso -case un SOS- será, Soidade(II).

Telmo Comesaña febrero 2018