Pensionistas

 

Dende hai algún tempo oímos falar das pensións, e o colectivo de pensionistas está preocupado; normal, eu tamén.

Os que manexan os fíos do poder neste país, veñen movendo os monecos do escenario político e aos medios de comunicación co “mantra” das pensións: que si baixan, que o sistema non se pode manter, que si a solución é ir aforrando  aínda que sexan dous euros ó día (era o remedio  da Sra. Villalobos que leva media vida chuchando do público), que si o goberno afundiu o peto dos cartos de reserva das pensións…etc.

E a xente ponse nerviosa e entra facilmente polo rego que nos fixeron: como si foramos un rabaño de mansas ovelliñas que entran no curral. E a xente fala, incluso admitindo que “si o din eles, será que é certo” e resignados axeónllanse diante do poder que os manexa. Mágoa!

Tamén hai quen se alporiza e discuten alí onde se atopan: taberna, cafetería, ximnasio ou nos camiños. Conversas perdidas, o mesmiño que o ruído dun foguete un día de festa

Van aló sete anos que están a xogar connosco. O mes de xaneiro é cando se lembran de nós para anunciarnos  que temos unha suba do 0.25%, anunciado cunha carta da ministra Fátima Báñez -con fondo político, e porén mentireiro- e outra máis técnica da directora xeral Paula Roch Herrera.

O tema nas redes

Atendendo a unha chamada que circulaba polas redes que trataba de devolvelas sen abrir ó emisor,  co gallo de demostrar o rexeitamento de tal repetida burla. Pero como non lembraba as dos anos pasados, abrín o sobre e dispúxenme  a sufrir, e velaí que decidín reflexionar sobor do tema en cuestión.

Carta da ministra

A carta, breve no contido; ben espaciados os parágrafos e con expresións cargadas de demagoxia –algunhas insultantes e outras falsas-. Dirixidas a un colectivo de homes e mulleres que xa fixeron o seu percorrido polo mundo do traballo e esperan a consideración que merecen.

O contido deixa ver o desleixo co que somos tratados os pensionistas: nalgúns casos con superioridade e altivez, propio de xente que asume función de asuntos ao presidente do goberno, e dicir: postos a dedo e descoñecedores do mundo do traballo. Eles e elas son fieis ó sistema e teñen a vida asegurada na política -moitos deles non valen para outra cousa-. Irán dun ministerio ao Parlamento ou ó Senado, a Europa ou a unha empresa por aquilo das portas xiratorias.

Recollo algunhas frases que merecen unha reflexión

-”Estimado pensionista”. 

-1)”Grazas á solidariedade e ó esforzo  de tódolos españois” (…) “Avanzado na senda da recuperación e crecemento…”

-2) “Un período no que se crearon máis de 600.000 empregos” (refírese ao ano 2017)

-3)”Temos que seguir a traballar nesta dirección, salvagardando os valores que nos fan sentir orgullosos do noso modelo, sobre a base da súa sustentabilidade e o seu perfeccionamento”.

-4)”Queremos trasladarlle a nosa gratitude e recoñecer tamén  a comprensión que os pensionistas demostraron”  (…) “Agora ben, a intensa creación de emprego que lidera hoxe o noso país supón  unha garantía de presente e de futuro”.

– “Reciba un cordial saúdo e os meus mellores desexos para o 2018”

O saúdo e a despedida –protocolarios- non me merecen comentario algún. En canto aos apartados 1, 2, 3 e 4, si que merecen un comentario:

-1) Non aturo  que as pensións sexa cousa da solidariedade, porque son dereitos (artigo 50 da Constitución). Posiblemente vostede non a coñeza, e si a coñece trata de enganarnos. Non somos parvos, somos vellos.  Vostede non queda moi ben nin tampouco quen a mantén no cargo. Os dereitos non son esmolas, son froito do traballo de moitos anos e das aportacións a Seguridade  Social, no meu caso (50 anos de traballo e 48 de cotización).

-2) A creación de 600.000 empregos, é unha falacia. Sendo os empregos dun día, dous, tres…unha semana…un mes etc. significa  que xornadas traballadas pódense reducir a metade.

-3) Neste punto a ministra riza o rizo; e fálanos de salvagardar os valores que nos fan sentir orgullosos …

Os valores fóronnos arrincados cos cambios do modelo de traballo e de convivencia social (a Lei Mordaza, a Lei de matrimonio homosexual – recorrida no Constitucional-, o incumprimento da Lei da Memoria Histórica, o recoñecemento das vítimas do franquismo, etc. Asemade, as chamadas do relator especial do Departamento para os Dereitos Humanos da ONU,  incumpridos.

-4) Sra. ministra, equivócase; non ten nada que agradecerme, porque eu non tiven nin teño ningunha comprensión (neste caso vostede fálame en plural e sinto ter que contestarlle no mesmo xeito): saiban vostedes que os pensionistas non temos nada que agradecerlles. Si criticarlles que nos enganen e nos mintan.

A vostedes véñenlle moi ben as liortas de Cataluña para enmascarar a desfeita deste país e o despilfarro do diñeiro das pensións e doutras necesidades do pobo. Non esquezan que están para servir a cidadanía  (artigo 1.2 da Constitución)

Vostedes xa non falan dos paraísos fiscais, nin dos retiros dos banqueiros dos bancos arruinados que houbo que recuperar; tampouco lles interesa falar do tremendo escándalo de saqueo das empresas públicas e privadas; dos desfalcos das autoestradas, e un largo etc.

Sra. ministra, non sinto ningún aprecio por vostede nin en singular, nin en plural; o que si espero é que recapacite.

Telmo Comesaña   febreiro 2018

Un comentario sobre “Pensionistas

  • el 13 de febrero, 2018 a las 16:40
    Permalink

    Como siempre moy ben Telmo lástima da sordera a quen vay
    dirixida.

    un saludo
    O

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *