Un ano por diante

 

Ano novo / vida nova; di o refrán.

Eu coido que novo non é nada; todo é unha constante repetición:  a terra sigue a órbita ao redor do sol dende tempos que non coñecemos; a lúa orbita ao redor da terra  pasando polas catro fases: nova, crecente, chea e minguante. As mareas devalan e avalan según a influencia da lúa; o mar, o vento, a choiva -as veces transformada en sarabia ou neve- tamén forman parte dos ciclos establecidos pola Natureza; e a vida vaise desenvolvendo dun xeito continuado, porque

A vida vai como un río

Os ríos son un reflexo da humanidade. Ríos largos, medianos ou curtos; de moito ou pouco caudal; mansos ou bravos; encorados ou con fervenzas, todos van deitarse mansamente no mar, agás  o Xallas que despois de regar as terras de Soneira e ser encorado, vai  rematar na fervenza de Ézaro, vixiado polo monte Pindo e mirando a Fisterra, que marcaba o fin da terra noutros tempos.

Os ríos baixan das montañas e van medrando coa chegada á eles dos afluentes. Ata o noso pequeno Lagares ten afluentes, sendo o Eifonso o máis importante que se achega en Sárdoma. Para nós os vigueses, este río que aluma na lagoa da Mol, aló no alto de Cabral, preto do aeroporto, baixa atravesando a parroquia e segue por Lavadores, Sárdoma, Castrelos, Freixeiro, Matamá, Comesaña, rematando na Foz, entre Navia e Coruxo. Arredor de oito Km de “esforzo” para deitar no mar os minerais e diversos compoñentes orgánicos que serven de alimento a fauna mariña.  Ao longo do percorrido regaba e fecundaba terras de labradío, movía os rodicios dos   muíños que moían o gran producido no val do Fragoso. –Gábome de destacar o noso río, outrora tan estragado e arestora moi mellorado. Compre seguir na mellora continuada-.

Os ríos son fontes de vida: nas súas beiras fóronse asentando poboacións ao longo dos milenios; xa sexa o Nilo ou o Amazonas, Congo, Mississipi, Yangtsé, Danubio, Ebro, etc.

Hai ríos sagrados, como o Ganges, no que se vive e se morre, no que  se purifican  e  se envenenan, no que botan as cinzas dos mortos e os cadáveres da xente purificada que non precisa cremación: nenos, mulleres embarazadas e vellos.

Hai ríos que provocaron medo: dinnos as lendas que  os soldados romanos tiñan medo a atravesar o Limia, porque o consideraban o río do esquecemento, e así se lle coñece hoxe en día, “Río do esquecemento”.

Ende mal, hai ríos tinguidos de sangue das guerras; ríos estragados pola man do home que deixan un ronsel no mar cos restos da industria mineira: carbón, ferro, restos de volframio, mercurio, plomo, xufre, nitrato e múltiples compoñentes da “ganga” que rodea aos minerais.

Hai ríos que levan vertidos de restos fecais humanos e de animais

Hainos tamén que levan restos de pinturas, petróleo, plásticos, os arrastres das estradas contaminadas coas gomas das rodas, os derrames de gasolina e aceite, tintas, cinzas dos lumes dos bosques ateigados de árbores resinosos  de fácil combustión, etc.

Os regos de auga que coñecemos na nosa adolescencia eran limpos, burbullaba a auga e bebíamos dela.

A estes ríos negros e fedorentos derramase-lles a vida; convértense en canles de auga perigosa pra saúde; desaparece a fauna e a flora, fuxindo do entorno aves e abellas. Mágoa! E… rematan  infectando o mar, coas consecuencias xa coñecidas nas zonas de pesca e marisqueo.

Que estamos a facer?. Pregunto eu.    

Non hai resposta, porque a cobiza apoderouse do mundo e, a vida converteuse en consumir. E estragar, porque estragar é necesario para seguir producindo sen tino… sen saber a onde imos parar.

Ríos e humanos: Semellanza

Os humanos aseméllamo-nos moito aos ríos: hai vidas longas, con atrancos, sorteando perigos, físicos,  emocionais, de parella e de familia, de traballo, de saúde e múltiples problemas ao longo dunha longa vida, semellante a ese longo río dende que nace até chegar ó mar.

Vidas medianas e curtas, que non foron quen de sortear as “correntes e rápidos” das súas vidas, precipitándose nunha fervenza deica o océano. Segue habendo vidas tronzadas pola intolerancia machista; familias enteiras de emigrantes que foxen das guerras e da fame,  atopando o Mediterráneo como sepultura, e  outras cuxos corpos seguen desaparecidos, asasinados, torturados en campos de concentración e de exterminio que aínda están sen recoñecer, vulnerando as leis de “Dereitos Humanos”, que as familias seguen buscando, diante do desprezo das autoridades,  e a falta de compromiso da sociedade.

Os ríos regaron e fertilizaron terras e as vidas deixaron os ronseis das súas familias: unhas máis numerosas e outras non quixeron, non puideron ou non as deixaron (homes e mulleres no mesmo trance).

Malia que mudou o calendario, certo,  todo segue igual. Os ríos e as vidas, tamén…

Houbo tempos mellores? Sen dúbida, pero tamén os houbo moitísimo peores. A solución para que os ríos de auga e os de vida melloren está nas mans da sociedade. Nas nosas mans.

 

Fotos: Internet

Telmo Comesaña    Xaneiro  2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *