Maltrato animal

É sabido que nos últimos anos houbo unha maior concienciación a prol do respecto aos animais (mascotas): cans e gatos principalmente. Grazas sobor de todo á cultura que nos chegou  de fóra. Tamén influíron  os trocos dos   animais de tiro e labra pola chegada das máquinas: (furgonetas, camións, tractores, chimpíns, guindastres, etc.

Como se desenvolvía a vida

En todas as parroquias de Vigo, fóra do casco urbano, os animais eran un complemento das familias: os máis coidados eran os que producían leite, crías e la, sen esquecerse do porco, que era capítulo aparte -o porco era algo máis que carne, era roxóns, chourizos, chourizas doces, xamóns e solomos, touciño,  febras, rabo e  cacheira-  Que sabores, mi má!

As aves tamén se coidaban porque os ovos e a carne dos pitos que se criaban pas festas, as galiñas para os cocidos e, de cando en vez un galo,  eran días especiais.

Cans e gatos  eran máis independentes; dos gatos esperábase que cazaran ratos,  e dos cans que gardaran a casa e o eido. Gatos e cans procurábanse eles a comida: cazaban paxaros e pombas, e sempre tiñan carne fresca; cando non tiñan roubaban o que atoparan e, senón, pasaban fame como a xente que non tiña que comer e pedía esmola polas portas.

Estes animais fuxían dos rapaces para evitar unha pedrada. Os camiños eran de murrullo e terra, entón sempre se tiña á man unas cantas pedras para zumbarlle a cans, gatos, lagartos ou as bombillas do alumeado público.

Animais de traballo

O reparto de mercadorías como carbón, sal, patacas, mobles, etc. facíanse con carros de cabalos. As cargas máis pesadas como a pedra para os edificios, camiños  ou para arrastrar vagóns, sacar os argazos das praias e mesmo a labra das terras,  facíanse con parellas de bois.

Estes animais tiñan un traballo esgotador e por enriba aguilloados, (o carreteiro tiña unha vara na que levaba metida unha punta coa que picaba aos animais cando as forzas lles faltaban).

Os  burros –sempre dóciles e tranquilos-, facían un servizo complementario: tanto valían para levar á unha persoa como outras cargas, según os estribos que lle puxeran: herba, fariña, caldeiretas de leite, esterco, estrume, toxo e o que se precisase. O burriño ata valía para enredar os rapaces.

Arestora cans e gatos son animais de compañía, están coidados e teñen asistencia veterinaria e xa que logo, libres de enfermidades. Endebén, a  rabia leva moitos anos erradicada.

Lei de protección animal

No ano 2016 o Parlamento de Galiza sacou unha lei de ‘protección animal” -rexeitada pola oposición- porque non resolve o escarnio e tortura nas prazas de touros. Hai anos que Cataluña prohibiu esas actividades medievais que ofenden ás sensibilidades da xente de ben, concienciada co respecto aos chamados touros de lidia. Houbo unha gran polémica pero conseguírono, e as prazas pasaron a ser centros cívicos.

Empecei a coñecer as corridas de touros na televisión,  aló nos primeiros anos sesenta do pasado século: ao ser en branco e negro non ofendía tanto a vista; ó pasar á color o espectáculo xa se fai repugnante; cando o picador fai a súa faena, vese o sangue correr polas costas do animal, e logo segue o banderilleiro  coas banderillas  ata rematalo meténdolle a espada no lombo provocándolle unha agonía moitas veces longa.

Neste acto bárbaro dáse a representación da tortura e morte dun animal nobre e indefenso..: en presenza do populacho que aplaude ou asubía según corresponda  á faena do toureiro ou a bravura do animal.

Esas tardes de festa, en días soleados, acomodados nas bancadas, a afición refréscase co que ten a man, sen esquecer a bota do viño, que axuda a consolar si a faena non é do seu gusto. En cadeira privilexiada sentan as autoridades  -que sempre chegan tarde-  armados cos puros para ocasión, e esperando os aplausos de simpatía dos correlixionarios que para iso teñen entrada.

Logo aparece o toureiro “vestido de luces”   -din os que saben destas cousas que deron en chamar “la fiesta nacional”-. Acompañado da cuadrilla e o picador dacabalo coa arma de destrución  dos animais; fan o paseiño, saúdan as autoridades e dá comezo a festa. Abren a porta e aparece un animal que non sabe á onde ir; todo é confuso para ele;  despois duns pases de tanteo entra en función o picador: o animal turra contra o cabalo acoirazado, e o torturador segue empurrando o ferro nas costas do touro.

O dano xa é visible, o sangue corre a chorros polo lombo da vítima.  Sen trécola, chegan os das banderillas e crávanlle  unha ducia de frechas no lombo ferido; o animal dóese e trata de sacudilas, mais entra en acción o “artista”. Este lócese –cun animal xa rendido- dando uns cuantos pases, esperando os aplausos do respectable -iso si lle saíu ben-segue un pouco máis e pasa a matar; emprega unha espada afeita á dita función: sitúa o touro, ponse en posición, apunta e entra a matar; si lle sae ben o animal vaise desangrando internamente, aguántase en pé ata que, sen forzas derrúbase no chan. Si non lle sae ben, repite varias veces ata que ten que apuntillalo…Macabra e orxiástica faena.

Os aplausos ou asubíos non se fan esperar e a música compre co seu deber.

Unha triada de cabalos arrastran o cadáver daquel animal criado para morrer dun xeito tan ominoso. Para o despece non sempre van enteiros; algúns xa  van desorellados e sen rabo. Estes son os galanos conquistados polo “maestro”… e se cadra non falta algún “emocionado” que o sube aos seus ombreiros e saen con ele pola “porta grande”. Tarde de gloria. País!

En algunha ocasión o touro dálle unha cornada o artista e ármase a preocupación, porque xa se sabe, que aquel animal era traicioneiro e responsabilizase da ferida ou da morte, que as veces tamén se dá.

Reflexións

-Paga a pena ter este espectáculo de tortura e morte no século XXI?

-Pódense facer leis de protección animal tan discriminatorias, só para desfrute de xente insensible ao dolor dun animal acurralado nun espazo que lle é alleo, aturdido coas voces, berros aplausos, desconcertado polos ataques do ferro, das frechas e dos movementos provocativos do toureiro.

-Quizais se manteña para que non esquezamos que na praza pública queimábanse aos herexes.

No século XXI non caben, nin as corridas de touros, nin o alanceamento do touro de Tordesillas, nin costumes medievais degradantes para os animais e para a civilización.

-Sempre hai desculpas: no parlamento oíuse dicir que “os touros correspondía a unha lei de orde superior”…E aí queda iso.

 

Telmo Comesaña   xaneiro 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *