¿Onde está o segredo?

Este título correspóndese cunha pregunta que me fixeron estando cun grupo de persoas.

A xente nova sorpréndese que moitas parellas poidan seguir xuntos ata as vodas de ouro –cincuenta anos- ou aínda máis. E abofé que despertou o meu interese: falamos un pouco sobor do tema e unha muller pediume que mellor sería que escribira a contestación, e velaí que tomei o titular e sen pensalo máis vou darlle-la satisfacción de ler o que tiña pensado comentar dun xeito oral.

As xentes que casaron ou se emparellaron nos anos oitenta do século XX, como as xeneracións máis novas que chegaron á idade de mocear e formar unha familia non teñen idea -aínda que os pais e as nais lles contasen algo- das diferencias da vida entre os anos corenta, cincuenta, sesenta e setenta , cando aínda non naceran ou eran moi noviños e non entendían das cousas do amor e do desamor. Non entendían o que era estar sometidos a un sistema represivo no que a Igrexa católica tiña o control absoluto da sociedade.

Como é posible entón que parellas que casaron nos anos cincuenta e sesenta sigan xuntas hoxe en día?

O sistema impoñía o camiño a seguir, mais no fondo a sociedade era diversa, aínda que non puidera manifestalo. Non todos os que ían á Igrexa eran católicos afervoados, aínda que o parecesen -as circunstancias mandaban e o certificado de boa conduta do cura era un salvoconduto imprescindible-. E velaí que a muller pasaba á ser do home co que casaba: non tiña dereitos e, si abandonaba a familia, e o home reclamaba a súa presenza, a garda Civil traíalla de volta ó fogar.

O control era de tal magnitude que ningún emparellamento era legal sen casar pola Igrexa católica. Ata que se asinaba o compromiso do casamento non che entregaba o “libro de familia” (Indispensable para acreditar a legalidade e asentar aos fillos no xulgado e outros requisitos da Administración). Na cerimonia participaban: o cura (que inscribía no libro de actas os datos dos recen casados, dos padriños e das testemuñas) e o alguacil (representante da xustiza do Estado)

Mentres este sistema estivo legal, moitas mulleres non podían separarse, e moito menos divorciarse porque era ilegal. Chegados aos anos oitenta, cando as cousas cambiaron, moitas parellas xa levaban vinte ou máis anos casadas, e as sometidas non tiñan posibles para ser independentes; porén, seguiron levando a ”cruz” que lles impuxeran no sacramento do matrimonio. Algunhas si que tiveron azos e saíron adiante.

A maioría daquelas parellas xa tiñan unha vida en común coa liberdade que elas mesmas se deran.

Compromiso

O amor só non resiste a convivencia dunha parella ao longo dos anos: é necesario un compromiso de vida en común, buscando que as diferenzas de criterios ou pensamentos relixiosos, políticos, culturais , etc., non sexan motivos de enfrontamentos estériles. Porén, compre facer política sobre bases moi firmes, nas que, a igualdade, xenerosidade, lealdade, fidelidade e respecto mutuo sexan os alicerces que soporten o compromiso .

Desterrar a mentira –teño para min que a mentira é a desgraza da humanidade, e ata aceptamos que presidentes de goberno mintan no Parlamento, templo laico da democracia-. A mentira nunha parella acaba coa confianza e coa lealdade.

Compromiso para a educación dos fillos e acadar un patrimonio que permita vivir desafogados, adquirir uns bens e poder desenvolverse dignamente. Fuxir das aparencias e non perderse no labirinto do consumismo pensando que aí está a felicidade.

Fundamental é a confianza: un peto do home e outro da muller crea desconfianza: a casa ou piso e todo o que hai nela, é da familia e o peto é único, do que cadaquén colle o que necesita. Iso fortalece a confianza.

Na parella é importante respectar non só as ideas, tamén as aficións: deportivas, culturais e sociais. Que cadaquén desenvolva as súas aficións sen presións.

Dificultades

Hainas sempre; solución tamén: falar buscando o problema, descartando ó autor ou autora. Fuxir do enfrontamento, mellor deixalo para outro momento, e logo facelo con ánimo de solucionar o tema en cuestión. E ademais, o amor fai o milagre do entendemento e afortala a convivencia.

Pasados os anos –eu xa cincuenta e sete, e algúns curmáns meus que remontaron os sesenta, cando falamos da vida e das familias- vexo que na vida tamén hai paralelismos; o verdadeiro problema chega cando un dos dous falta.

E velaquí un exemplo

Coa lembranza dunha parella finada hai máis de 50 anos: eran vellos pero cada un andaba ao seu aire; os dous tiñan afición á bebida –sen seren esaxerados-. Os fillos fóranse mundo adiante e só lle quedaba un casado e con fillos moi achegado ao seu solar. Un día a dona púxose enferma de gravidade, e o médico tiroulle a bebida; o home pasaba o tempo ao carón dela salvo cando se achegaba a taberna por un grolo e vaites que no peto da chaqueta metía unha pequena botella plana e cando a nora non se decataba pasáballa a muller e ámbolos dous eran cómplices e donos das súas vidas. Ela finou e ele quedou nun desespero e nunha tristura irrecuperable.

Semanas despois cadroume pasar por diante da súa casa e, alí estaba Xosé na porta, como si estivese esperando á alguén; saudeino e falamos un pouco pero aquel home faladeiro,simpático e rideiro xa non existía nel. Tratei de consolalo, pero atalloume de contado, e díxome -non rapaz non, morreume a compañeira e logo, que carallo fago eu en cuberta?- Fora mariñeiro e todo o relacionaba co mar; para ele estar en cuberta era estar na vida, mais sen a parella coa que “navegou” tantos anos…! Navegar en solitario non lle interesaba. E así foi, poucos meses despois, el tamén deixou a “cuberta” e o barco da vida foi ao fondo desaparecendo coa tripulación. Debeu ser unha parella moi feliz. E ele posiblemente fora feliz morrendo.

E así é para moitos mariñeiros e mariñeiras en terra que soiños ou soiñas non queren seguir navegando.

Remato

Non hai segredo, e cada quen interprete a súa vida, e a leve ao seu xeito.

Nós, a miña dona e máis eu, miramos moito para tras: percorremos a vida destes cincuenta e sete anos e parécenos que foi onte. Lembramos os episodios bos e os menos bos e iso reconfórtanos…e seguimos…

 

 

 

  Texto: Telmo Comesaña decembro 2017

5 comentarios sobre “¿Onde está o segredo?

  • el 13 de diciembre, 2017 a las 23:49
    Permalink

    Un gran final! Na cuberta sen máis horizontes:como abrirse paso cando navigas sen outro rumbo que a certeza de que é a última viaxe?

  • el 15 de diciembre, 2017 a las 10:28
    Permalink

    Como siempre tus relatos Telmo son hermosos por lo que tienen de auténtica lección de vida.
    Un abrazo para ti y a tua dona

  • el 15 de diciembre, 2017 a las 10:40
    Permalink

    Es una delicia leer tu artículo desde la visión de una simple usuaria, en la lejanía de no haber estado últimamente en la redacción.
    Muy acertado el complemento gráfico. Da gusto cuando un equipo funciona.
    En el teléfono se ve genial.
    Carmen

  • el 19 de diciembre, 2017 a las 19:38
    Permalink

    Gracias Telmo por este artículo que tanto te pedí. Me parece realmente bueno: compromiso y juntos en la navegación, contra esos vientos y mareas que nos trae la vida. Yo lo he visto en mis abuelos, totalmente opuestos ideológicamente, pero se amaron tanto que cuando faltó uno, la abuela decidió esperar en cubierta viviendo en otros mares con el abuelo. También mis padres. Vaya generación de gente valiente y sabia!

  • el 21 de diciembre, 2017 a las 20:35
    Permalink

    Muy bueno Telmo, me hizo recordar a mis padres que llegaron a los 61años, te deseo que tú y tu mujer vivais muchos más. Con la foto de los dos caminando juntos, pensé en mis padres, que todavía hay muchas personas que los recuerdan paseando por la Avda. Castelao siempre cogiditos de la mano.

Comentarios cerrados.