Cabalo branco. Conto

Pensei que para despedir o ano, nada mellor que con un conto. Un conto de taberna ou de lareira; na taberna xa non se contan contos. Eses espazos de encontro xa non existen, foron ocupados polas cafeterías, con mesas cativas e pantalla de televisión; falar case non é doado. As imaxes sempre en movemento: falando, movéndose, bailando, con fondos e roupas de diversas cores que fan que a xente se sinta atraída polas imaxes. O mundo mudou -dicíamo hai uns días unha señora que trataba de convencerme do que eu xa estaba convencido-.

As lareiras tampouco existen. Foron -en de ben- substituídas polas novas tecnoloxías que nos fan a vida mellor -en de mal- perdemos a reunión das familias arredor do lume.

Aqueles tempos ninguén os desexa pero lembralos sempre é bo: pobreza de medios e de liberdade.

Máis que mudar o mundo, mudou a sociedade debido aos avances tecnolóxicos e a entrada do turismo estranxeiro e asirmos da ditadura. Alguén pensará que eu estou fora de época, e pode ser certo, pero os que din iso fáltalles o coñecemento dunha época anterior, que ven a ser o alicerce destes tempos nos que nos desenvolvemos; porén podemos comparar si o facemos racionalmente e non nos deixamos levar polas angurias.

Os contos dos vellos de antes (falo da miña nenez e adolescencia) sempre deixan un lugar para a reflexión: en tempos de represión e censura, xurdía o inxenio popular xogando coas palabras para ser entendidos polo pobo, máis consciente da situación na que se vivía.

Conto

Oínlle-lo a meu padriño cando eu aínda era moi noviño. Non era na lareira pero si a pouca distancia: o calor do lume quecía aquela gran cociña terreña. Non son quen de contalo como ele o contaba; os tempos tamén mudaron o sentido de moitas palabras, que hoxe non soan ben, ou non son ben acollidas polos significados referentes a prototipos sociais, aos que non pretendo incomodar.

Cada quen contaba os contos según o oficio ou as vivencias, e velaí que o negocio desenvolvíase entre un xitano e un xudeu.

O xitano tiña un cabalo branco que chamaba a atención aos poboadores do Condado: ele, un home afoute, paseábase polas bisbarras montado naquela besta deixando pampos e envexosos a tódolos que o miraban pasar. Un día despois dunha longa viaxe decatouse que o cabalo coxeaba, e empezou a preocuparse. Despois de serenarse tomou a decisión de facer un seguimento e análise do problema: vendelo ou deixalo para sempre: vendelo dáballe mágoa, pensaría a xente que era un cutre, que só lle importaban os cartos, e pola contra, si o tiña máis tempo burlaríanse del porque viñéraselle abaixo tanta afouteza, e ademais perdería os cartos.

Decidiu vender, e preparou ó animal como fai un bo xitano: entrenouno para saber con exactitude cantas leguas andaba sen coxear, retocoulle os dentes e lavoullos a diario, foille metendo as mans nas coxas para que non tivera cóxegas, e xa que logo, o cabalo estaba pa venda. Chegou o día sinalado e na feira máis importante do Condado, sempre ben cumprida -aquela era a dos mellores exemplares, a máis sonada-. Alí presentouse o xitano con aquel exemplar que todos quixeran ter, pero o custo sería demasiado.

Á feira tamén acudiu un xudeu rico, coleccionista de exemplares únicos. O paisano foi mirando cabalos, tordos, castaños, outros máis escuros e …por enriba de tódalas cabezas erguíase unha branca que se destacaba das demais; camiñou deica o exemplar pero, ó ver que era un xitano o que o tiña pola correa deu volta dicindo: cando un xitano vende un cabalo é que este ten unha eiva; e fuxiu dalí. Deulle varias voltas á feira e non atopou nada semellante ó cabalo branco. Foise achegando e deu unha volta arredor sen facer comentario algún; o xitano xa estaba preparado para facer negocio deixándose querer e díxolle: góstalle o cabalo, non si, señor? O xudeu, sen saudalo preguntoulle: que eiva é a que ten o cabalo? porque é raro que o venda. O home contestou que era por falta de cartos, e o xudeu pareceulle normal que así fose. Entón botoulle a man esquerda ó fociño meténdolle os dedos pulgar e índice nas foxas nasais e a man dereita tirándolle para abaixo a mandíbula. Comprobou que o animal aínda era novo, tiña os dentes perfectos e limpos. Logo meteulle unha man nas coxas e o cabalo non se moveu, miroulle os pezuños e viu que estaba moi ben ferrado, levantoulle o rabo e aquela xoia parecía que estaba ben, convencéndose de que o xitano tiña falta de cartos. O Xitano que seguía tódolos movementos ofreceulle que montara e así probaría a montura. A oferta non se fixo esperar, montou e deu unha volta pola feira diante daquela xente que o miraba con envexa, e xa tomou a decisión de comprar; agora empezaba a tirapuxa para chegar o punto de pechalo trato e facer negocio.

Rematado o tanteo, o xudeu pagou e montou no cabalo; un máis para colección, pensaba, e a envexa do Condado cando chegara. Nesas lerias consigo mesmo ía, cando se decatou que o cabalo coxeaba… Botoulle un feixe de maldicións ó xitano e logo de serenarse afirmou: menos mal que os cartos que lle paguei eran falsos.

Espazo pra reflexión .

Cantos cabalos brancos nos ofrecen acotío?. Cantos adquirimos sen sequera mirar si coxean, ou si teñen coxas ou os dentes podres ou mal ferrados?

Que cabalo nos ofrecen os grupos políticos cada certo tempo e non nos aseguramos das eivas que teñen?

E os banqueiros que nos meteron os cabalos brancos das “preferentes e subordinadas”, ou o “Forum filatélico e Afinsa” co timo dos selos?

Remato para que as e os benqueridos lectores deste escrito, de remate de ano, poidan lembrar o seu cabalo branco.

A min só me queda desexarlles un bo ano 2018 libre de cabalos brancos ou teñidos.

Felicidades

Telmo Comesaña decembro 2017

Imágenes: de www. pixay ba

Un comentario sobre “Cabalo branco. Conto

  • el 2 de enero, 2018 a las 17:48
    Permalink

    Telmo: o teu escrito está moi ben traído para reflexionar no día a día dun ano novo que seguro nos depara moitos cabalos brancos. Seremos capaces de ver todas as suas taras ou ¿non nos importarán demasiado porque pensamos pagar con moeda falsa? Carmen

Comentarios cerrados.