San Martiño

San Martiño. Trompos ó camiño. Castañas e viño. Día de atestar

San Martiño é un santo de moita sona na bisbarra; é o santo do agro; celébrase o día 11 de novembro. Según afirmaban os vellos de antes é cando deixa de ferver o viño, e daquela atéstanse as rollas e, danse por rematadas as colleitas. Espéranos un longo inverno e hai que ter todo ben gardado: millo, centeo ou trigo, patacas e legumes, algunha froita do tarde, e o viño que non nos falte Maruxa!

Antes de rematar o mes xa se mata o porco, métese ao salgadouro, fanse os chourizos e as morcillas e, cuns poliños e uns galos -pos días de festa-, a reserva de carne xa está asegurada. Xa somos ricos!, xa non imos pasar fame!. Queda por facer o augardente, pero iso xa non ten presa; tanto ten que chova ou que vente, a faena faise a cuberto.

San Martiño padroeiro

San Martiño é padroeiro de moitas igrexas en Galiza, e sin ir máis lonxe, velaí o temos de padroeiro de Coia. (Este ano estoupáronlle uns foguetes ó mediodía, mais a festa grande fanlla na honra da Virxe da Consolación).

Noutrora, un grupo de persoas no –cscoia-, falabamos do acontecemento que o día seguinte iamos ter no Centro. O magosto, que xa era tradicional na entidade: falábase do desenrolo da actividade e do grupo de animación: as castañas retiraríanse da cantina a un módico prezo dun euro.

Unha señora comentou que era o día de atestar. Sorprendeu ao colectivo presente, entón reafirmouse dicindo que si, que a tía os levaba a casa da miña irmá, que facían esa pequena festa. (Esa é a casa matriz da miña nai e de nós os seus fillos; alí nacín e vivín ata que casei).

Certamente naquela casa atestábanse os bocois e encetábase o viño da colleita e asábanse as castañas. Era un día señalado pra reunirse a familia e algún veciño: probábase o viño dos diferentes bocois e logo, apretábanse as rollas deixando todo ben pechado para que non lle entrara aire. Un barril máis pequeno quedaba po consumo diario da casa, e o viño para venda –en conxunto ou afuranchado-, quedaba aparte. O branco tamén quedaba aparte para abillar en noite boa.

Quedou claro que “atestar” foi, nalgún tempo, unha festa lúdica. Esa fora unha das festas ancestrais que se perderon nos anos de chumbo. (Para a Igrexa eran “fiestas paganas” , e iso non estaba no programa represivo daquel entón). Gardouse dentro das familias até que o mundo cambiou e a sociedade tamén.

Arestora hai magostos festeiros nos que xa desborda o binomio, castañas e viño. Coñecín algún onde as castañas eran o remate das enchentas de churrasco, chourizos, empanadas, moletes de pan, etc…tampouco faltaban as cervexas, coca-colas e mirindas. E todo parés sinal de fartura, pero xa está desnaturalizada a festa de atestar. O que si se mantén é a foliada festeira con gaitas e pandereteiras. Ah, e o licor café que non falte.

Xogos de nenos

Voltando aos tempos da adolescencia, San Martiño era o tempo de xogar ó trompo.

Di o refrán: San Martiño trompos ao camiño/ San Amaro trompos ao faiado.

Antes de entrar na escola, no recreo e ó saír xogabamos cos trompos. Había unhas reglas para xogar: ó que lle tocaba apandar puña o trompo no chan, e os demais tirábanlle –cada un o seu trompo-, e aquela vítima levaba moitos calotazos; o dono sufría moito mirar o seu trompo magoado e esnaquizado. Había algún que tiñan dous trompos, un para tirar e outro para apandar. Habíaos de carballo e algún de buxo, (eses eran as xoias), que só tiñan os rapaces que tiñan cartos, e por iso xa se distinguían, bueno, tamén polo pan e o chiculate que levaban pra merenda.

Despois xogabamos ás bolas, ó pateiro e a pelota (as pelotas faciámolas de trapo dentro dunha media vella), e así enredábamos os rapaces, mentras que elas saltaban a corda e a mariquitiña.

E esa foi a nosa auto-educación físico-deportiva até os catorce ou quince anos que iamos traballar. Daquela xogar xa non era doado.

Tempos idos e mal vividos

Texto: Telmo Comesaña novembro 2017

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *