Os Fabuladores

A vida é unha sorpresa permanente. Nós non escollemos onde, nin de quen nacer, nin tampouco chegar limpos de pecado. Iso é o que nos ensinou a Igrexa Católica, que di que nacemos co pecado orixinal, e todo por culpa de Adán e Eva. (Que dano fixo esta parella, meu deus! Por culpa deles tiveron que bautizarnos e botarnos auga fría pola cabeciña).

Unha vez aquí imos aprendendo a desenvolvernos na vida, –grazas aos coidados dos nosos pais, mestres e persoas coas que imos tomando confianza e se dispoñen a axudarnos-: nos traballos e nas moitas actividades do día a día: lecer, desprazarse dun lado á outro, etc.

Neste escrito quero referirme a un fabulista, para non esquecelo e, deste humilde xeito renderlle homenaxe a un home co que falei moitísimas veces: unhas nolos dous, e outras en compaña con outros amigos e coñecidos.

Para algunha xente era un mentireiro, que dicía grandes trolas. Había quen se cabreaba e sentíase magoado mostrandoio ás costas del. –“Este pensa que eu son parvo, que trago semellantes pedras de muiño”. Eu gocei das súas disparatadas aventuras e da súa compaña, das parrafadas ao atoparnos nos camiños e pararnos a falar. Foi meu amigo aínda coa distancia dos anos que nos separaban, e porén, vou cambiarlle o nome e chamarlle

Xeneroso

Este fabulista foi moi xeneroso comigo e gardo moitos bos momentos na súa compaña.

Coñecino aló polos anos corenta despois de voltar da guerra e do servizo militar. Foi cando eu empecei a traballar e coincidiamos no camiño. El traballaba en Bouzas e tódalas mañás esperaba por min, –eu vivía un pouco máis lonxe-, e íamos xuntos até a parada do tranvía, unha media hora de camiño-¸falábame de meu pai (era oito anos máis novo e traballara con el de pinche de albanel. Eses comentarios non eran fábulas contrasteinos anos despois). Falábame da escola e do mestre: tiña memorizado algunhas páxinas do libro “El primer manuscrito”. Lembro unha mañá que baixabamos pola rúa dos Ferreiros (Bouzas) e, como si eu fora o mestre del o alumno dando a lección, mentalmente e voz natural lía a primeira lección do manuscrito, -“Antoñito salió de su casa loco de alegría para ir a la escuela … e, rematou cando nos separabamos na parada do tranvía. A el non lle importaba que a xente se sorprendera ou se rira, porque el estaba por enriba do que dixera a xente: el era así.

Outras veces eran aventuras de rapaces, pero sempre esaxeradas, ata o punto que te rías a cachón e non lle parecía mal.

Unha mañá de primavera, un merlo pousado nun loureiro que tiñan enfronte da casa redobraba os rechouchíos na silenciosa saída do sol: el estaba escoitando, cheguei eu, saudamonos e seguimos camiñando; dalíndiante a fábula foi de merlos. Díxome: -“eu sempre tiven moita puntería co tirabolas e aí nese loureiro que ten meu pai matei uns cuantos, pero un costoume moito…pero caiu. Tireille unha pedra e metinlla no cu e despois tireille outra e metinlla tamén e caiu morto”; eu rinme e pregunteille e ti como sabías que lle meteras dúas pedras?. Sorprendido pola pregunta fixo unha pequena paradiña e contestou, “collín a navalla e abrino, e alí estaban as dúas pedras”. Si, Telmo si, eu tiña moita puntería.

As historias, as súas historias magnificábanse si as escoitaban máis xente. Había espazos acaidos; nos enterros –que daquela sempre lle facían misa de corpo presente eran moi longas porque cantaban os diesires-, quedabamos fora e tiñamos que alonxarnos da porta para poder rir sen molestar.

Malia que algún o desprezaban e fuxían del, os demais participábamos das fábulas de Xeneroso: tanto pilotaba un avión –en compaña do piloto-, dende as Canarias até Lavacolla, como ía a pescar e, dunha destas, ó chegar ao peirao do Muiño do Vento, estaba un paisano, e pediulle si o levaba con el. -Faltaba máis; o home “levaba unha cana de carrete e un cesto de pescador; dicía que era dunha sociedade de caza e pesca. -Eu levaba unha cana que tirara da viña a que lle empatara unha tanza e un anzó. Chegamos a sinal e el lanzou lonxe e ía enroscando ; eu botaba abaixo e faneca pa chalana, e en nada de tempo enchín o caldeiro. O fulano quedou abraiado, dinlle medio caldeiro para que non chegara a casa e se riran del, e andando”

E así unha detrás doutra..

Pasamos un longo tempo sen atoparmo-nos polas distancias dos lugares de vida, ata que voltamos a ser veciños e escoiteille novas fábulas. Un día atopámonos nun camiño, falamos un pouco e eu íame, entón díxome: tes presa?, Non díxenlle eu. Pois entón imos falar home que hai tempo que non falamos, e arrimados a unha pedra dun valado voltamos as historias. -Esas xa as sei.- Ai si, pero non sabes todas; e a parrafada foi da xente da parroquia: quen era fulano antes de …no que se convertiu mengano…de quen era aquela aterra…etc, etc.

De cando en vez facíame unha visita, xa estaba velliño, pero o humor e a sabiduría non a perdeu até o fin.

Mágoa que este home non escribira as súas fábulas, poderían ser un libro ou libros de referencia na parroquia e na cidade e bisbarra. Hai fabuladores que viviron das publicacións, e foron recoñecidos como fabuladores; velaí a Castro Viejo, coa Santa Compaña dun lado po outro; o baionés “Joselín”, contando os seus contos polas tabernas do Berbés (este deixou gravacións das historias que contaba), ou John Balan que subía ó tranvía en Soler e arrimado a porta, -que da plataforma pasa o interior-,daba concertos orquestrais de alto nivel. E tantos outros que escribiron fábulas.

Que importantes son estas persoas que son quen a de sacarnos da rutina da vida para facernos cómplices e poder sorrirnos de nos mesmos.

Cecais a veciñanza e –nalgúns casos- a iñorancia non nos deixe valorar aos fabuladores. Si o fixeran nun teatro dariámoslles a importancia que se merecían.

Xa que logo, hoxe vai por eles.

Telmo Comesaña novembro 2017 

Un comentario sobre “Os Fabuladores

  • el 10 de noviembre, 2017 a las 16:00
    Permalink

    Es importante que no se pierda la memoria de esos fabuladores.
    Gracias Telmo por tus bonitos relatos .

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *