Excursión a Santo Tirso e Guimaraes

De cando en vez, a Agrupación de Amigos do Museo MARCO, (Museo de Arte Contemporáneo) de Vigo, facemos saídas para gozar da arte en todas as expresións.

Nesta xornada un grupo de persoas viaxamos ás cidades de Santo Tirso e Guimaraes. Adoita acontecer o de sempre; máis mulleres ca homes. Semella que as mulleres están máis interesadas nas artes e os homes no deporte. Será así? Pode.

O principal obxetivo era coñecer o Museo Internacional de Santo Tirso: un dos máis grandes museos de escultura contemporánea de toda Europa; 54 obras de arte de escultores mundiais.

Do noso interés tamén era o Museo Municipal “Abade Pedrosa”, ubicado na antiga hospedería do Mosteiro de Sao Bento.

Deixamos pra volta unha andaina polo casco vello de Guimaraes.

Comenzo da xornada

Nun autobús moi confortable saímos ás nove e media da mañán rumbo a santo Tirso. Connosco ían o becario Isaac (un mozo simpático, eficiente e faladeiro): coordinou moi ben todo o que era da súa competencia gañandose a simpatía do colectivo. Como “Amigos” ían tamén os profesores e comisarios Carlos López Bernárdez e Ángel castiñeiras Ulloa.

En Santo Tirso

Chegamos ás 10 (hora de Portugal), cun día espléndido, de ceo sen nubes e moita luz. De contado achegámonos ó Mosteiro e comezamos a visita ó Museo Municipal, guiados polo director, que nos recibiu amablemente dándonos a benvida ao Museo e a cidade; unha vez rematada, despedímonos del e pasamos á monumental e ben conservada igrexa e ó belísimo claustro. Alí, Ángel e Carlos foron os nosos guías. Qué fariamos nos sin eles!

Ambolos dous ían debullando os seus coñecementos daquel conxunto no que estábamos mergullados, no que Ángel perdía a noción do tempo, e non daba rematada a exposición do que tiñamos diante de nós.

Seguimos camiñando un pouco até a Gran Praza 25 de abril, onde se asenta a Cámara Municipal. Na contorna sorprenden tantas esculturas ó aire libre, esparexidas nun espazo amplo e verde. O profesor Carlos López, –cun plano na man, as pezas están numeradas-, pacentemente íanos suliñando ao autor de cada escultura.

Dentro deste “bosque” de esculturas achamos unha do galego –con pezas en Vigo-, Manolo Paz, cunha peza titulada “Family”. É moi reconfortante atopar a un paisano no medio de tantas celebridades. Apunto o enderezo da súa web: www.fundacionmanolopaz.org (para atopar a peza, buscar, escultura en Santo Tirso)

Decateime que a luminosidade non era só do día ; o efecto era que apenas había sombras: edificios baixos e grandes parques, mesmo en frente do conxunto monumental do Mosteiro xa nos atopamos cunha zona verde con grandes e grosos pradairos que nos falan da antiguidade e ben ordeada zona; por alí esparexidos xa se atopan esculturas de grandes dimensións e moi diversas formas.

Din que Santo Tirso é coñecido polos pasteis xesuitas; (non os probei pero dicían que eran boísimos e, non teño dúbida porque os portugueses son moi larpeiros; gústanlle as cousas doces).

Rematadas as visitas compría xantar, e fixémolo nun restaurante concertado de antemán.

Guimaraes, berce de Portugal

Xa en Guimaraes tomámolo con calma; daquela o cansanzo ía facendo efecto. Guiados polos expertos fomos camiñando polas estreitas e silandeiras rúas e pacegas praciñas; contemplando a arquitectura, o bó estado de conservación e o agarimo das frores nos balcóns e nas terrazas, até a casa do nacemento de Afonso Henriques, primeiro rei de Portugal, nado aquí no 1110.

O pasado glorioso desta cidade está vencellado á fundación da identidade nacional portuguesa. Dende aquí Afonso Henriques iniciou a conquista contra os mouros.

Esta medieval cidade foi declarada como Ben Único pola Unesco en 2001 e engadida na lista de bens de Patrimonio Mundial.

Pouco antes do solpor puxemos rumbo a Vigo, dando remate a un día feliz.

Só me queda agradecer aos que, pacentemente nos guiaron e informaron do que estábamos a descubrir. Arte con maiúsculas, e tamén as persoas afíns coas que puiden falar, de arte e da vida, sin esquecerme de Isac, xa amigo.

Telmo Comesaña outubro 2017

3 comentarios sobre “Excursión a Santo Tirso e Guimaraes

  • el 1 de noviembre, 2017 a las 19:39
    Permalink

    Como buen viajero cultural Telmo, quedo encantada con tu relato y con ganas de hacer una escapada a la zona. Por desgracia el tiempo y el cuerpo nos limita un poco a la hora de poder ir a más lugares. Un abrazo.

    Respuesta
  • el 1 de noviembre, 2017 a las 20:29
    Permalink

    Si, alex; paga a pena visitar aa sdúas cidades

    Respuesta
  • el 1 de noviembre, 2017 a las 22:55
    Permalink

    Conozco Guimaraes, pero me gustaría vover a verlo bajo el punto de vista que tú expones.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *