Carbonear

Ollo! non me confundín nas letras. Cabronear e outra cousa que non desperta a miña curiosidade. Carbonear era a palabra fina, elegante, fachendosa daqueles marinos uniformados que tripulaban as embarcacións militares e de grandes barcos nos que os xefes de máquinas eran de titulo superior, mentras que os fogoneiros –os máis deles– eran analfabetos ou de moi pouco saber.

Malia que a xefatura expresábase en castelán os da tropa falaban galego –polo menos os que eu coñecín– e a linguaxe distinguíase non só no idioma, tamén no nome das cousas e das actividades; eles dicían que ían facer carbón e si era auga ou víveres, pois tamén, “facían” todo aquilo que metía abordo. Son neto dun fogoneiro .

Xa que logo, o título só me serve para o que significou o carbón no desenrolo dos pobos e nas comunicacións terrestres e marítimas, na industria e nos fogares.

Carbón: explotación e usos

A explotación mineira do carbón pasou a ter unha importancia estratéxica; utilizado como combustible fixo que os ferrocarrís, barcos, guindastres, centrais eléctricas, cociñas, etc colleran un pulo antes descoñecido.

Os camiños de ferro estendéronse polos cinco continentes. Os barcos deixaron as velas só para o deporte, as cociñas de ferro –en hoteis, industrias e fogares– tiñan máis e mellor rendemento.

As máquinas de vapor nos barcos, déronlles maior autonomía ó non precisar do vento para navegar e no ferrocarril foi unha revolución.

Cal era a súa función?

Un barco á vapor levaba: unha caldeira para producir vapor de auga a unha presión determinada, medida en libras –era un invento inglés– pasaba –despois de abrir unha válvula de paso– ao cilindro de alta; deste pasaba ó de media, e daí ó de baixa; logo retornaba á caldeira facendo un circuíto pechado. O combustible era o carbón (Caldeira, máquina, auga e carbón, substituían ás velas e ós remos doutrora).

Chegada do fuel-oil

Nos anos corenta e cincuenta do pasado século xa se ía simultaneando o fuel co carbón. En Vigo, Luis Iglesias e Joaquín Yarza fundaron a empresa “Yarigle” para fabicar equipos de bombeo e mechero, para queimar fuel substituíndo ó carbón. Foi un cambio para os fogoneiros que pasaron de palear carbón e retirar cinzas, mantendo sempre a presión requerida, librándose dun traballo durísimo e suxo.

Algo semellante acontecía nos ferrocarrís, sempre que chegaba o tren á estación víase ó fogoneiro enferruxado e sempre activo.

Cambio de época

Os motores de explosión terrestres e marítimos foron desplazando ás máquinas de vapor, e nos anos setenta, coido que xa non quedaban barcos a vapor. (No Museo do Mar pódese ver unha máquina da última xeneración; mágoa que lle falta un esquema coa caldeira, o circuíto de auga, o eixe de cola e a hélice para entender mellor o funcionamento do conxunto).

A importancia do carbón foi tanta que os xornais da época reflectían frecuentemente os problemas que na cidade se producían pola escaseza do mineral, indispensable para a vida e o desenrolo da cidade e da bisbarra.

“Arestora, na “Hemeroteca del decano, 130 anos, 100 anos e 50 anos”, do Faro de Vigo, frecuentemente atopamos referencias ao carbón: recollo un de hai 100 anos; 20 novembro 1917.

“Carbón para las fábricas”

“Al puerto vigués llegaron 4000 toneladas de carbón que tenían como destino la fábrica del Gas y también la Electra de redondela, las dos empresas que se encargaban del suministro eléctrico. De esta forma se garantizaba el servicio. El carbón, que estaba subvencionado por el gobierno, debido a su alto coste en su origen, era un material muy apreciado en aquella época. Las 4000 toneladas habían sido embarcadas en Gijón. También se había cmprado cargón en Inglaterra”.

Esta nova demóstranos que había un impulso industrial á prol do carbón, até coñecer que a produción da electricidade xa se apoiaba neste material.

Eu si coñecía a produción de “gas-cidade”, na Fabrica do Gas, en Picacho, que se mantivo ata mediados dos anos cincuenta do pasado século. Os camións coa materia prima entraban por onde hoxe se atopa o polideportivo do Berbés.

A transformación daquela gran flota de pequenos barcos, tiña un consumo elevado, até que foi sendo substituído polo fuel-oil, e as novas construcións de barcos de altura e gran altura, equipados con motores diésel.

Os grandes consumos tiñan que estar nos transatlánticos e barcos de guerra e nas centrais térmicas. Como exemplo de gran consumo pódese suliñar ao “Titanic”,

aquel barco inglés –feito para non afundirse nunca e que foi á pique na primeira viaxe ao rozar contra un iceberg– no Atlántico Norte. Estaba equipado con 29 grandes caldeiras prá alimentar de vapor a dúas máquinas e unha turbina. (Cando vexo este vídeo sempre me fai reflexionar; 29 caldeiras queimando carbón constantemente e, o durísimo traballo dos fogoneiros metendo carbón e sacando escorias. As caldeiras non se apagaban, amenos que pararan varios días. Para volver a navegar compre ter vapor a presión requerida).

Arestora este material mantense en algunhas térmicas para produción de electricidade. Ó ser un produto fósil é moi perxudicial para o medio ambente, porén o seu uso está a prol de desaparecer.

Telmo Comesaña novembro 2017

Un comentario sobre “Carbonear

  • el 29 de noviembre, 2017 a las 22:04
    Permalink

    Muy buen artículo. En los años sesenta trabajé en un Banco de la calle del Príncipe que tenía caldera a carbón cuyo suministro entraba por una ranura (ventanuco) a la altura de calle .

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *