Outra vez o lume, outra vez o terror

Falar do lume no monte en Galicia non é unha nova nin unha sorpresa: é algo ó que a xente deste país xa está afeita. Este ano o goberno galego publicitou con -afouteza-, unha partida de 137 millóns de euros para apagar lumes. Xa sabían que ían arder os montes; xa debían ter unha aproximación do reparto entre as empresas que se adican a ese mester, e xa que logo, íanse cubrir algún postos de traballo; quén contrata? E, as empresas fan caixa, cantas e cales son? Tal semella que o círculo –plantar, queimar, cortar e limpar para voltar a plantar está planificado de antemán.

Malia que a Xunta non aporta datos que clarifiquen a situación, deixa ó descuberto a falta de un ordenamento e limpeza do monte.

Velaí o problema
A tarde-noite do domingo día 15 e a madrugada do luns 16 deste outubro con temperaturas de verán e forte vento, os incendios foron catastróficos, arrasando 35.500 Ha de monte en -Galicia-, e a perda de catro vidas en Vigo e Nigrán. (Dúas en cada concello).
En toda Galicia e sobre todo no sur, non só afectou ao monte arborado, tamén o rural coas terras todas elas a monte: silveiras, matogueiras e falta de limpeza en camiños e balados, puxo en risco as vivendas nos barrios.
Casas perdidas; familias desprazadas a durmir en hoteis ou nas de familiares, e…medo, moito medo.

As medidas da Administración
Só apareceu a policía aplicando o seu protocolo: -abandonar as vivendas- Incrible: co lume diante da porta, e a única solución era fuxir e deixar ceibe o lume empurrado polo vento, sen que ninguén viñera a apagar as lapas. As voces, os berros eran de chamada, de axuda…Ninguén nos escoitou. U-los, responsables municipais, concelleiros, técnicos ou algún bombeiro que puidera dirixirnos? E os da delegación da Xunta en Vigo; U-los?
O lume viña de moi lonxe: follas e cascas de alcolito ardendo caia do ceo incendiando a herba seca e a matogueira, levantando grandes labaradas con reviravoltas envolventes que metían medo.

Imagen: http://theobjective.com

Resistencia cidadán
Cando estabamos procurando auga da traída e dos pozos, chegaron -como unha enxurrada-, unha marea de xente nova –homes e mulleres-, con caldeiros, tinas, olas, mangueiras, pas …e sen coñecérmonos puxéronse a axudarnos a salvar as casas e os bens. Fixeron cadeas humans trasladando auga dos pozos a unha distancia de cento e pico de metros.
Organizáronse eles ou elas; non precisaron protocolos nin buscaban aplausos nin fotos. Correron riscos, estragaon as roupas e o material. Xa de madrugada fóronse por onde viñeran, cansos e magoados. Cecais nin se decataron de que salvaron algunhas casas. Coido que moitos non se coñecían, pero todos e todas cumpriron o obxectivo: (apagar o lume).

Ó día seguinte acho dúas mangueiras e unha laia. Gustaríame coñecer aos donos para devolverllas e darlle persoalmente as gracias e unha aperta solidaria.

As deficiencias máis salientables
Nun país onde o monocultivo do monte son o pino e o alcolito en bosques tépedos e sen limpar; nun rural coas terras de poulo e pragadas de herba seca e mato, non se pode esperar outra cousa: o calor e o vento axudan e a man que prende o lume –consciente ou inconsciente; por xenreira ou por descoido-, tamén. O que non se pode aturar é que nos sigan mentindo. Ano tras ano e nunca nos informan das causas que motivan esta desfeita. Neglixencia, descoñecemento? -Non. Negocio. Hai unha previsión de que o monte arda? Si.
Arrepía oír aos gobernantes da Xunta e do concello falar de “terrorismo asasino”. Esas palabras firen. A incompetencia organizativa, e, a incontinencia verbal desta xente que se viu desprazada pola sociedade, sae ós medios con disparates impropios duns gobernantes. Esa definición correspóndelle á xustiza unha vez arrestados –os presuntos incendiarios-, pola Garda Civil.

Alarma
A Xunta xa publicita que a repoboación custará sesenta e catro millóns de euros. O titular da a entender que voltarán a repoboar con pinos. Coido que a repoboación deberíase facer con árbores productivos e de folla caduca: castiñeiros, oliveiras, sobreiras, nogueiras, aciñeiras, carballos, etc… Mirade que hai riqueza
perdida neste país!
Din que vendemos castañas para 37 países; que compramos noces á Francia, e nós co monte a pinos e alcolitos que debaixo deles non nace herba, mentres que as follas, o arume e as cascas converten todo en mato. Que tristeza! No que converteron esta terra…e nós consentímolo.
Até cando?
Da oposición no Parlamento pouco espero; só se laia, mais non inquiren os motivos nin piden un monte saneado e con castes autóctonas e produtivas, de froita e madeira de calidade. Semella que non pensan mudar moito as cousas. Mágoa. Pobre terra ferida!

Telmo Comesaña.  Outubro 2017

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *