Martín Códax volve a Vigo

Van aló un par de anos, rebulía nas xentes máis cultas de Vigo, a preocupación pola falta de sensibilidade diante da  obra medieval (século XIII), de Martín Códax: as “Cantigas de amigo” -escritas nun pergamiño, (pelica de ovella ou de cabra)-, cuio centenario da descuberta polo libreiro  e anticuario Pedro Vindel, aconteceu no ano 1914. E xa que logo, dende entón o achádego é coñecido polo nome do seu descubridor: “Pergamiño Vindel”.

Como o Estado español, –pobre de cartos e de cultura-, non quixo compralo, andivo por varias mans ata que foi rematar na Fundación Morgan de Nova Iorque.

Cipriano Jiménez
Foto:  Faro de Vigo

Á espreita estaba Cipriano Luís Jiménez Casas, (membro da Asociación cultural Pertenza, vigués distinguido, médico psiquiatra, director da Fundación Menela de autismo, e múltiples actividades profesionais e culturais).

Cipriano ven de publicar en Faro de Vigo, tres artigos dando a coñecer a intensa e complicada labor para traer a Vigo tan prezada obra universal  que fala de Vigo, das ondas do mar e dos amoríos dunha moza ilusionada esperando ao seu amigo…

Tal como aparece na obra dos profesores Alonso Montero, H. Monteagudo e X. R. Pena, os xograres e músicos de extracción popular insuflaron unha nova vida á poesía trobadoresca, introducindo formas e motivos de longa tradición en Galicia: trátase das cantigas de amigo. Martín Códax,  grazas ao seu talento, abriu camiño  nas cortes dos nobres, e alcanzou tal  recoñecemento que as súas cantigas pasaron aos Cancioneiros e circularon de xeito independente, como mostra o Pergamiño Vindel.

Martín Códax é un dos poetas máis inspirados  dos nosos cancioneiros medievais  -de feito, de toda a lírica europea da idade media-,  tal como recoñecen os máis estudosos  da literatura medieval europea. Un motivo recorrente nestas, que fascina a uns e outros, é o mar de Vigo, que resoa permanentemente nos poemas de Códax na forma plural das femeninas ondas.

Se impresiona a poderosa presenza do “mar salido”/ “mar levado”, cautiva non menos o rítmico ecoar das ondas que a amiga interroga aprensivamente polo seu amado e nas que convida ás súas amigas a bañarse.

Na primeira cantiga, a amiga agarda a chegada do seu amigo, e pedindo ás ondas do mar de Vigo que dean noticia del:  “Ondas do mar de Vigo / sabedes novas do meu amigo? / Aí Deus, e virá cedo? ”

Na segunda cantiga,  a amiga dille a súa  nai que recibiu novas do amigo, que se supón  de volta dunha campaña militar, pero que, segundo lle din, vai chegar  “vivo e san”, polo que se apura a ir o seu encontro: “Chegoume recado que ven meu amigo  / e irei madre a Vigo”. Na terceira cantiga da serie, a moza diríxese a irmá para que vaia con ela á igrexa de Vigo mirar as ondas onde vai ir tamén o seu amigo:  “Miña irmá fermosa, vinde logo  comigo / á igrexa de Vigo, á beira do mar bravío / e miraremos as ondas!”.

A cuarta cantiga preséntanos  á amiga en Vigo solitaria  “Senlleira”, desesperada porque o amigo non da chegado:  “Aí Deus,  se sabe agora meu amigo / como eu senlleira estou en Vigo  / E vou namorada!”

A fermosísima quinta cantiga presenta á mociña convidando ás súas amigas ao baño nas ondas de Vigo, nunha imaxe esplendorosa ateigada de suxestións de ritmo e vida:  “Cantas sabedes amar amigo / vinde comigo ao mar de Vigo /  E bañarémonos nas ondas!”.

A sexta  volve a presentar á amiga solitaria,  perdida xa na ermida de Vigo, nunha escena sobrecolledora:  “No sagrado en Vigo / bailaba corpo belido / Amor hei!”

A sétima cantiga pecha o ciclo coa amiga volvendo a preguntar en van  ás ondas onde  o paradoiro do namorado:  “Aí ondas que eu vin mirar / se e saberedes cantar / por que tarda meu amigo sen min?”

En todas as cantigas de Martín Códax, menos na sétima, aparece mención de Vigo. A mención do mar ou das ondas aparece na primeira, terceira, quinta e sétima cantigas. Todas elas están construídas  mediante un artificio paralelístico  (repetición de palabras en versos), característico das cantigas de amigo,  que se  chama  leixaprén. Con esas repeticións rítmicas dos versos de Códax parece que se queren suxerir os movementos das  ondas  do mar, tal vez en sintonía co latexar do corazón namorado da amiga…

Seguen os filólogos debullando os seus coñecementos sobre as cantigas medievais.

Recollo con admiración e respecto, a, Alonso Montero, H. Monteagudo e X. R. Pena, a información complementaria das Cantigas. Así explicadas, engaiolan.

A profesora Camiño Noia, tamén publicou dous artigos en Faro co suxerinte titulo, “E irei, madre a Vigo”

Na xornada que isto escribo, estase asinando o contrato do préstamo do Vindel na Morgan Library: Salustiano Mato, Reitor da Universidade de Vigo;  Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura  da Comunidade  Autónoma de Galiza, e, Roger S. Wieck,  Curator of Medieval and Renaissance Manuscriptus. Estarán no acto os cónsules de España e Portugal. A exposición contará con outras pezas singulares e estará aberta ata marzo 2018, no Museo do Mar.

Agoiro uns meses con actividades culturais como conferencias, concertos e visitas guiadas que traerán  a Vigo moita xente de outros países a gozar do Pergamiño e do Vigo do século XXI.

Espero tamén, que os Centros Sociocomunitarios teñamos un oco nas actividades expositivas do Vindel.

Telmo Comesaña   Setembro 2017

2 comentarios sobre “Martín Códax volve a Vigo

  • el 30 de septiembre, 2017 a las 1:09
    Permalink

    Excelente Telmo. Iremos al Museo del Mar los grupos de lectura, no tengas la menor duda. Un abrazo.

    Respuesta
  • el 3 de octubre, 2017 a las 0:00
    Permalink

    Y pensar que a semejante joya no se le diera valor, y que tuviera que terminar fuera de nuestras fronteras…

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *