Adeus, Xohana

No día que soubemos do pasamento de Xohana Torres

Soubémolo a mañanciña do mércores día 13 de setembro do 2017: Faro de Vigo fíxonolo saber nunha páxina de “Sociedade”. Un titular a cinco columnas e unha foto de arquivo da escritora.

Morre en Vigo Xohana Torres,unha das voces máis destacadas das letras galegas .

A autora de “Adiós María”; era académica da RAG, (Real Academia Galega) desde 2001.

Este é un día de gran dor pola perda dunha muller que adicou a súa vida a traballar arreo no eido da cultura de Galicia. A familia e a RAG, deron a coñecer a triste nova con cadansúa necrolóxica para informar da perda que supuña para familia e para sociedade e a lingua galega.

Do seu traballo; do seu afecto e da súa amigable rectitude, dan conta –na mesma páxina-, Xosé Luís Méndez Ferrín, o avogado Nemesio Barxa e a tamén poeta Marta Dacosta que escribe un “in memoriam”.

Recollo da escrita de E. Ocampo / M.Mato (xornalistas).

X L.Méndez Ferrín, amosou onte o seu profundo pesar e tristura ante o pasamento dunha amiga. “Era miña amiga, a nosa compañeira, camarada e poeta importantísima da miña xeración; estou moi triste”, recoñeceu. […] “A novela de Xohana Torres, Adiós, María, que é magnifica é a gran novela do Vigo proletario aínda que non estea mencionado e que Vigo ignora”.

Nemesio Barxa , bo coñecido (sic) da obra de Torres e amigo, amosábase fondamete apenado. El adoitaba visitar con frecuencia a poeta. Comigo tiña moita confianza. Falábamos de escritoras e escritores galegos, dos libros que saían. Estaba moi activa na súa vida intelectual. Xohana Torres segue sendo “a poeta intimista máis importante en lingua galega”.

Marta Dacosta, fai un percorrido sentimental pola súa obra lembrando libros, datas, premios e galardóns recibidos, asemade a súa entrada na RAG.

Unha vida entregada a labrar e sementar no eido da cultura galega. Querida Xohana, a túa partida déixanos orfas”

Marta, remata o seu “in memoriam” con un emocionado… “Querida Xohana, a túa partida déixanos orfas”.

Hai anos que eu tiña referencias de Xohana Torres: leera artigos e algúns poemas e traballos saídos da Academia, pero sempre, –por unha cousa ou por outra-, viña adiando a novela que din ser unha das obras máis salientables da autora,“ Adiós María”.

Agora sabemos máis de preto o quen foi e a que adicou a súa vida: (Literatura, poesía, ensaio e teatro, pasando tamén pola radio).

Unha vida entregada a “labrar e sementar no eido da cultura galega”. Persoa brillante da tarefa que amaba; humilde; descoñecida para unha gran parte da sociedade, -como tantas e tantos-, que fan posible que a cultura avance, para que as novas veneracións teñan instrumentos académicos para a súa formación e sorprenderse polas obras dos devanceir@s creadores e creadoras de historias, de ilusións de poesía, que pasado o tempo convértense en referentes.

Remato pedíndolle desculpas a Marta Dacosta, por collerlle o titulo do seu escrito: Adeus, Xohana; por máis voltas que lle din non atopei nada mais acaído e rendinme diante a idea de Marta.

Ende mal, Xohana finou, mais ende ben deixounos a súa obra, rica e ampla. Agoiro que o ano 2018 será o ano de Xohana Torres. A RAG, adicaralle as “Letras Galegas” con día festeiro ó 17 de maio. Publicaranse os seus libros; nas escolas, nos Institutos e nas Universidades lembrarase a obra e a figura de Xohana Torres. A cultura enriquecerase con conferencias e homenaxes, e … Eu, como homenaxe comecei a ler “Adiós María”…Adeus,Xohana.

Telmo Comesaña  setembro 2017