Viaxar en bus urbán (II)

No anterior artigo poñía o bus como un dixestor cuxa función era trasladar pasaxeiros dun a outro lado e gañar diñeiro, sin entrar a considerar como se distribuen eses cartos.

Neste escrito tento reflexionar sobor das vidas dentro deste dixestor, facendo un percorrido  de ida e volta, na que participamos tres persoas. Unha parella amiga , xente nova, -expertos utilizadores de dispositivos electrónicos avanzados-, aceptaron o reto que lles propuxen: facer unha viaxe en bus con espírito crítico, eles, como xente nova, -están na corentena-, viven o mundo que lles toca vivir, e non lles é fácil entender un pasado moi recente.

Epezamos o experimento

O autobús ao que subimos facía un longo percorrido: do rural oeste a outro do leste, pasando polo centro da cidade; o percorrido era dunha hora ir e outra voltar. Apagamos os nosos dispositivos , para que nada interferira á pretendida actividade. Repartimonos en lugares diferentes: eu, na porta de entrada, ela na porta do medio e él na porta traseira. A idea era observar o que ía acontecendo,  cadaquen co seu criterio.

O dixestor ponse en marcha con pouco máis de media  ducia de pasaxeiro, engadidos nolos tres.

Comenza a miña tarefa

Xente de media idade, máis mulleres que homes, unhas con pantalóns e outras con falda, a roupa é mais ben escura, pagan coa tarxeta moedero e liscan pra tras; algunhas saúda a condutora. Nas paradas seguintes foron subindo persoas de semellantes características, entre elas, uns mociños cun fardel o lombo,- semellaban estudantes-. O pagamento seguía sendo con tarxeta, e algúnhas con moeda. Antes de chegar á primeira urbanización xa ía cheo de xente, pero tamén xa empezaban a baixar, deixando espazo libre. Xa dentro da zona máis poboada, suben xoves nais cos carriños das súas crianzas, e a condutora balancea a máquina para reducir a altura entre a plataforma e o chan da rúa. Hai mulleres que levan o carriño da compra, ancians e anciás apoiándose nun caxato, e van sentar nos asentos reservados para eles; a condutora tamén os ten en conta e balancea o bus.

Seguimos a ruta xa polo centro da cidade e nunha parada, ademáis da xente erguida hai un home nunha cadeira de rodas auto-propulsada; a condutora balancea o coche e saca unha rampla pola porta do medio, e o señor eivado con moita rapidez entra no bus e roda ata o dispositivo das tarxetas, paga e volta para o lugar acaido para a súa cadeira.

Nesas paradas máis centrais baixaba máis xente da que subía, pero albiscábase unha difernza, os usuarios eran, a maioría xente maior;  e logo, máis adiante subiu un cego cun can-guía.

Os comportamentos relacionados co saúdo eran semellantes; a maioría non saudaba.

Xa fora do centro seguía baixando e subindo xente;  semellaba que as que seguían ian cara a un hospital, que era onde remataba a línia en cuestión.

Non vin a ninguén que levara un xornal, nin un libro, nin unha revista. Había homes que levaban a cabeza cuberta, cunha visera, boina ou sombreiro.

Ainda que estabamos en primaveira con días de moito calor, a  noite anterior chovera, e por iso algunhas persoas levaban paraguas; as mulleres todas co seus bolsos, uns pequenos e outros mais grandes.

A primeira etapa tiñámola cuberta, e antes do retorno ainda pudemos tomar un café.

Aproveitamos para facer un primeiro comentario, pero non foi doado; os meus amigos tiñan “mono” sin o seu dispositivo activado. Faltaballes saber o que estaba a acontecer nas redes sociais; facebook, twiter,  internet, whats app…que esforzó fixeron!. Só por compracerme, pero estaban decididos a facer a volta co mesmo criterio. Algo pasou pola súas cabezas que os fixo pensar. O experimento non era tempo perdido.

Retorno

A condutora abriu a porta, e nós subimos e  ocupamos os mesmos lugares. Seguimos a ruta marcada e, o acontecemento era moi semellante: subía e baixaba xente; non había diferencias nin nos comportamentos nin nos pagamentos; tamén se apreciaba a falta de nenos; a xente  maior seguia sendo maioría . Antes de chegar ó centro, entrou o inspetor, palicou un pouco coa condutora e logo foi comprobando as tarxetas e os billetes, -eu fun o primeiro porque ía diante de todos. Ó rematar a tarefa voltou a saudar á condutora e foise por onde viu.

A partir do centro voltaban mulleres cos carriños da compra, subía e baixaba xente, pero non se chegou a encher o dixestor, nalguns tramos quedaban asentos libres, e rematamos onde empezáramos o proxecto. Agora quédanos confrontar as nosas experiencias.

Reunidos xa os tres e activados os dispositivos, o primeiro foi saber que todo estaba en orde: as guerras seguían activas, as liortas dos americanos e os rusos continuaban, os casos de corrupción que nos chuchan o sangue continúan, que Rato e Urdangarín condeados a catro e seis anos de cácere andan tan tranquilos burlándose de nós, e consentidos pola xustiza, que hai quen dí que é igual para todos. Que risa!  Pois xa pudemos ir debullando o que  cada un tiñamos observado.

Conteilles as miñas observacións. Xiana e Brais estaban abraiados; non daban creto.

Eles eran uns máis que se metían no seu aparello e non tiñan ollos para outra cousa. Hoxe era un día diferente para os dous.

Xiana, na porta do medio, puido ver como a xente pasaba e ía sentar diante e detrás dela: fixouse na roupa, nos peiteados das mulleres, no calzado que levaban, no aspecto da faciana: tristura, angurias, alegría, enrugas…bolsos, e todas que estaban a par ou diante dela, cos seus dispositivos activados. Non se conversaba.

Brais, menos observador nos detalles, pero si nos comportamentos: mirou viaxeiros que poñían os pes nos asentos, outros que -metidos no seu pequeno mundo do móvil-, non se decataban que persoas maiores ían de pé e eles tan tranquilos; tamén mirou algún solidario que axudou, porque os dous son moi reflesivos e gustoulles o ensaio. Falaremos del na vindeira achega.

 

Telmo Comesaña.    Xullo 2017

Un comentario sobre “Viaxar en bus urbán (II)

  • el 12 de Agosto, 2017 a las 0:53
    Permalink

    Gran experimento: no dixestor (gran palabra!) ninguén come: o único acto de deglución é a tarxeta (ou as moedas) que a máquina englúe.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *