María Wonenburger, a matemática coruñesa que triunfou nos Estados Unidos

María Wonenburger, a matemática coruñesa que triunfou nos Estados Unidos

Hoxe cumpriría 90 anos esta investigadora, nacida en Oleiros e falecida no 2014, experta na teoría de grupos

Por Eduardo Rolland | 17/07/2017

Cúmprense 90 anos do nacemento da gran matemática galega María Wonenburger, falecida en 2014 aos 86 anos de idade. Investigadora de éxito nos Estados Unidos e Canadá, en España foille negado o recoñecemento durante décadas. De feito, doutorouse pola prestixiosa Universidade de Yale, a oitava do ránking mundial, pero á súa volta a España en 1960 a administración de Franco non lle recoñeceu o título. Entre outras cuestións, era muller. E foi obrigada a doutorarse por segunda vez en Madrid.

A anécdota do dobre doutorado é unha máis na apaixonante vida de Wonenburger, nacida en Oleiros en 1927. O seu apelido debíallo a un tataravó alsaciano. E a súa familia, cunha empresa de fundición, quixo que fose enxeñeira. Pero se licenciou en 1950 na primeira promoción de Matemáticas da Universidade Central de Madrid.

Foi a primeira española en conseguir unha bolsa Fulbright

Tres anos máis tarde Wonenburger foi nunha das primeiras mulleres -a primeira española- en lograr unha bolsa Fulbright dos EUA, que lle permitiu estudar na devandita Universidade de Yale. Alí doutorouse nunha rama das matemáticas da que se converteu en toda unha experta mundial: a teoría de grupos. Tamén foi coñecida polos seus desenvolvementos en álxebras de Lie, que se usan en estudos de xeometría en espazos vectoriais.

De volta en España, o seu doutorado por Yale non lle valeu de nada. Xa tiña un nome en América, pero aquí non era ninguén. Isto foi unha constante en toda a súa carreira. Moitos matemáticos, confundidos polo seu apelido, mesmo ignoraban que era coruñesa.

Universidade de Indiana

Wonenburger traballou durante tres anos como investigadora no  CSIC, pero regresou a América en 1960. Na Queen University de Ontario (Canadá) dirixiu a tese de Robert Moody, que desenvolvería a chamada teoría de álxebras de Kac-Moody, aínda que Wonenburger foi a súa inspiradora. A matemática obtivo logo unha praza, dende 1967, na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983, cando pola enfermidade da súa nai regresou á Coruña.

O seu impresionante curriculum pasou sempre inadvertido. Viviu unha vida modesta e sen recoñecementos en Galicia. A súa paixón era “xogar cos números e pensar”, dicía. Era unha investigadora “de mente abstracta” e tamén unha ‘persoa feliz’, como sempre subliñaba.

Definíase como unha mente abstracta, de xogar cos números e pensar

Xa moi maior, foi descuberta polos seus concidadáns. En 2010 foi a primeira científica investida doutora honoris causa pola universidade da Coruña. E a Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou en 2007 o Premio María Wonenburger para recoñecer aquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e a tecnoloxía.

Faleceu o 14 de xuño de 2014. E a noticia correu discreta, como foi toda a súa vida. Tamén feliz, segundo as súas palabras. María Wonenburger foi unha loitadora nun tempo moi difícil e unha auténtica figura das matemáticas. Hoxe, 17 de xullo de 2017, cumpría 90 anos.

 

Esther

Imagenes de Internet : http://mujeresconciencia.com/2016/07/19/maria-josefa-wonenburger-planells-matematica

Un comentario sobre “María Wonenburger, a matemática coruñesa que triunfou nos Estados Unidos

  • el 25 de agosto, 2017 a las 23:31
    Permalink

    Coñecín a D.Fernando Wonenburger, (supoño que era irmán) na súa empresa por un motivo profesional na década dos setenta. Sorprendeume o trato amigable e moi correcto daquel empresario: falamos da empresa e da actividade que podía desenrolar.Durante o xantar falamosde todo menos de traballo.Era elegante e culto.

Comentarios cerrados.