Parroquias e barrios. Lugares de encontro e vida social (I)

Co devalar do tempo as cousas cambian e os lugares de encontro tamén. Eu teño como referencia a década dos corenta do pasado século; e a partir daí, – vou tirar do “fardel da miña memoria”, -como o vin e como o vivín: e fareino lembrando a parroquia de Alcabre, berce da miña chegada e parte da miña vida.

Núcleos

A poboación na parroquia -salvo dous núcleos- estaba moi esparexida: Roade e,   Cruceiro –Barreiro, e Sobreira- Viña Grande,  nucleaban aos barrios e lugares máis achegados  a cada un deles.

As peculiaridades eran distintas, e notábanse nos xeitos de vida. Roade, o máis achegado a Bouzas, era o menos rural, e a actividade tiña pouco que ver cos demáis.

Os equipamentos  tamén se diferenciaban uns dos outros  e, asemade, as comunicacións. Roade era a entrada e saida máis acaida para achegarse a Bouzas. Tiña unha tenda-estanco do Sr Pepe Váquez, a taberna da Sra Consuelo Pampillón, a de Nona, e o bar Arenas de Alcabre, con patio e  tiro de chave (moi  importante daquela), da miña tía Cecilia Comesaña; a zapateiría de Constante Pazó e o pequeno “asteleiro” de Tonino Cubelas, máis un lavadoiro comunal e fonte de auga potable con cano de gran chorro. Seguía estando a casa do Cable Inglés e Alemán. E para lecer, na Praia de Carril ,- na tempada de vran- casetas para ó baño e unha cantina con música bailable.

Como industria, tiña dúas conserveiras: Cardona e Maestú; unha fabrica de fariña de peixe, despois  reconvertida en curtido de pieles, e unha cordelería de Albino Pampillón.

Ate o 1965, que se abriu a Avda. de Europa, o único camiño de paso pra San Paio de Navia era polo Cristo do Barreiro. Os equipamentos, eran:  un moiño de gran (millo, centeo ou trigo), de Juan Serodio, unha barbería de Serafín Blanco, a tenda de froita da Sra. Criselda, a tenda-estanco-taberna da Sra Rosa a do “con”  e a zapatería de Camilo Troncoso.

Cruceiro-Barreiro

No Sobreira-Viña Grande, estaba a tenda-taberna, con patio e tiro de chave, da Sra. Delfina Carnero, e ao carón, a barbería de Javier Costas,  “O Saua”. O  lavadoiro quedaba  un pouco afastado; parte da Sobreira e Cruceiro-Barreiro, ían ó lavadoiro das Grilas, ubicado no barrio da Fonte.

O Muiño do Vento

 Os barrios do Moiño do Vento e Garita eran os máis arredados , e tiñan unha diferencia entre eles, e os núcleos. No  Moiño do Vento estaba o matadoiro municipal, (antes fora conseveira, e agora Museo do Mar de Galicia), a fabrica de conserva de Alfonso Riveiro González, “Pituliña”,  e unha nave de aceites de figados de peixes, un peirao para flota de traíñas, chalanas e gamelas dos pescadores da zona. A taberna da familia Calvar, na Praia do Cocho e a de Severo Alonso, que con outro propietario segue aberta, “O Moiño do vento”. Alí tamén se instalou a Radio-Costeira, que se comunicaba cos pesqueiros.

Achegado estaba o Forte, (destacamento Militar con canóns e polvoríns,  que cruzaban o fogo no medio da Ría co destacamento de Cangas. (Estas fortificacións fixéranse pra defensa da cidade no caso de que EE.UU. atacaran  España despois da declaración de guerra para apoderarse de Cuba e Fillipinas).

O barrio da Garita, totalmente rural era paso único para chegar a praia de Samil dende Alcabre, ata o 1946 que chegou a estrada que remataba no Moiño do Vento.  Por alí baixaban e subían os mariñeiros que paraban no Cocho das Dornas, e tamén o exército que facía as manobras nas dunas;  (daquela, ainda non había piñeiros).

Ourta peculiaridade eran os soldados que facían garda nos nidos de ametralladoras, metidos no medio dos toxos e parapetados detás dun penedo e de ramas. (Aqueles homes viñan a casa  a beber auga do pozo).

Por aquel camiño tamén baixaban os da colonia alemana para celebrar a fogueira do solsticio de vran, -na duna baixa onde hoxe está a pista de automodelos-. Pola mañán baixaba un carro de bois cargado con toxo miudo e, de tarde, viñan as familias cos fillos e, o solpor, despois de merendar, facían a fogueira; arrodeabana, cantaban e cando xa non había lapas, brincaban por enriba dela.

Puntos de encontró tamén era a Igrexa , as escolas, e os camiños.

Deixo pra outro artigo a  vida cotiá e social.

Telmo Comesaña   febrero  2017

 

 

 

 

 

 

Un comentario sobre “Parroquias e barrios. Lugares de encontro e vida social (I)

  • el 2 de marzo, 2017 a las 16:38
    Permalink

    Ola Telmo, un saúdo. Son veciño de Roade, neto de Generosa e de José “Canás”. Lembro perfectamente o pequeno “asteleiro” de “Cubelas” (Antonino García Pazos), pois el e a súa muller Sra. Eulogia criaron á miña tía materna “Chata” e nós tivemos unha das súas ghamelas, a Marisé. Igualmente lembro a Pazó o zapateiro, a Sr. Pepe o da tenda e a Mucha, Gelito o praticante…. e tantos outros persoeiros daquel microcosmos que era Roade. ¡Para que logo falen do san Genaro de “Cuéntame”!!!
    Non sei se nos coñecemos persoalmente; mesmo así, reciba unha aperta deste alcabrés desde a distancia.

Comentarios cerrados.