Casamento de Xerome e Xiana

A parella decidiu casar. Eran anos de chumbo, pero a xuventude ten que saír adiante custe o que custe; eran amigos meus, eran novos pero tomaran a decisión de formar unha familia. ( Os nomes son ficticios pero os feitos son realidade).

Vintetantos anos e con fogo no corpo, unha tarde de vran fixéronnos saber que decidiran casar.  Os demais tomámolo un pouco de broma, unha brincadeira de Xerome, pero non; a decisión foise afianzando e os amigos e amigas tomámolo en serio e, dispuxemos que tiñamos que axudar a que todo fora ben.

Despois de ter a casa que os ía acubillar, entre nós, a conversa era poder celebrar o acontecemento, porque nós iríamos detrás deles; e así foi. Pero entrementras seguíamos as xestións da parella. El dunha parroquia e ela doutra tiñan que empezar por falar cos curas e poñelos de acordo para a lectura das amonestacións e acordar coa parroquia dela o día e hora da ceremonia. Preparar o enxoval da noiva, – diso ocupábase a nai dela , e o pai preparar a casa para unha boda familiar -, mais uns cuantos amigos e amigas. El xa encargara o dormitorio nun taller de ebanistería, e na casa xa lle prepararan a roupa que ía levar, e así un día detrás doutro, ata que o tempo se acurtaba.

Daquela un casamento, xa despois de seren publicadas as amonestacións e non haber reclamacións empezaba polo xulgado onde tomaban os datos e preparaban o “libro de familia” que quedaba no poder do alguacil, e logo, seguiron as xestións finais co cura da parroquia dela.

E Xerome contoume a história do cabreo co cura, e dis que lles dixo, “tienes que pagar la bula porque es la víspera de la Inmaculada y figura como día de abstinencia”. El discutiu co cura porque nunca oira tal cousa, a abstinencia gardábase os venres de todo ano, pero non un mércores, el coñecía os mandamentos da lei de Deus e os da Santa Madre Igrexa, e seguiu turrando co cura, e dis que lle dixo: e vostede que sabe o que ímos xantar, igual é peixe! E o cura, polo visto retrucoulle “en las bodas se come carne y así está establecido”.

O meu amigo era un pouco testán, si casara como todo o mundo, o sábado ou o domingo como o facían  todos os e as que casaban, non tiña ese problema, pero…el érache así.

O día seguinte Xerome foise ao despacho do bispado a pagar a bula e recoller o papel que requería o oficiante do casamento. Contoume logo, que chegou alí e foi a unha ventaiña; como as que había nas oficinas para xestionar asuntos ou facer pagamentos , e no interior estaba un tipo alto e voluminoso vestido de cura e cobroulle vintecinco pesetas polo papel; enrabechouse e faltoulle o respeto, pero o cura deulle as costas e non lle fixo caso, colleu os cartos e deixouno só.

A cerimonia

Chegou o día sinalado e chovía a deus dar, pero había que estar alí acompañando á parella: os dous estaban moi asisados e vestían clásicos: él, traxe negro e garabata; ela vestido branco e largo e cun ramiño de frores na man. Xiana estaba guapísima. O acto estaba pras doce e alí estivemos, os noivos, os padriños, as familias e as amigas e amigos, o cura e o sancristán e un individo descoñecido que interviú o remate de todo. Era  o alguacil co libro de familia.

Antes da misa, o cura dirixiuse a eles e díxolles unas palabras, -sempre en castelán, daquela os curas tiñan prohibido falar en galego -, e deulle as costas e comezou a misa (eran tempos de misa en latín e de costas aos penitentes). Despois dos primeiros latinorios deuse a volta e púxose a casalos, preguntándolle a él si quería aquela muller por esposa, e él respostoulle que si, logo fíxolle a mesma pregunta a ela, si quería aquel home por esposo, e   Xiana acetou de contado, e logo pediulle os aneis e seguiu coa letanía e díxolle algo así, esposa te doy , e algo máis que xa non lembro e en castelán tamén lles dixo, el sacramento del matirmonio es para amaros hasta que la muerte os separe y criar hijos para el cielo. Seguiu a misa e despois de comulgar fíxolles unha adventencia, “en tiempos de oración y penitencia, guardar castidad”.

Reamatada a misa pasamos a sancristía , e alí xa houbo bicos, felicitacións, e apertas; o cura desvestiuse e votou man do libro e púxose a escribir, e logo asinaron os recén casados, os padriños, e as testemuñas; eu asinei como testemuña, e o alguacil , xa rematada a “faena” entregoulle o libro de familia a Xerome.

O remate daquel acto deixaba ó descuberto a “santa alianza”   (Igrexa-Estado. Aquel Estado con “tres patas”: militares, curas e partido único), así exercíase o control absoluto da sociedade. Neste caso, mentras non se confirma e se asinan os documentos requeridos pola Igrexa,non había  documento civil. Qué tristeza!

O convite

Foi na casa dos país dela,- como era costume  – e foi un día de festa, si señor, foi undía para non esquecer…-O cura tiña razón – comeuse carne da boa; na casa fixeran un esforzo para que a xente saira satisfeita e puidera levar nos bolsos para xantar ó día seguinte, – daquela tamén era costume -.

Non faltou o gaiteiro para seguir coa foliada,  e os  invitados, ben comidos e fartos de viño, licor café e augardente de herbas, deron vivas e aturuxos.

A festa rematou cando a parella se despediu para a súa vida en común, e os invitados, cada quen para a súa casa.  A festa rematara e había que voltar a realidade.  E diante tiñamos o mesmo

Escenario

Seguiamos sendo vítimas da censura: nos libros, no cine, no teatro, na música, nos xornais, na cultura en xeral e no pensamento…Sometidos.

Os amigos fomos casando e formando as nosas familias, e, algúns quedamos pra dar fe do acontecido .

Telmo Comesaña    febrero  2017

Un comentario sobre “Casamento de Xerome e Xiana

  • el 19 de febrero, 2017 a las 10:43
    Permalink

    Yo recuerdo Telmo, siendo niña y ya en la década de los “abiertos años 60”, ir a mi primera boda, en la casa de un primo de mi abuela. Yo salí encantada porque, por primera vez en mi vida, comí “huevos rellenos”, que me parecieron un manjar finísimo y digno de gente pudiente. En el menú hubo pollo y caldo de cocido, el no va más. La boda también fue en la casa del novio, en este caso, y hubo magdalenas de postre y todo. Te hablo de un pueblo en Castilla la Mancha en la década de los años 60

Comentarios cerrados.