Samil… paraíso perdido (2ª Parte)

Samil antiguoFlora, fauna e aproveitamento
A beira do humedal e dos regos de auga, medraba a herba que servía de pasto aos animais que os vecinos que non tiñan terras levaban a pastar. Os lindeiros do comunal eran campos de labor, canabales e toxales no barrio da Garita. No inverno, os temporais arrastaban a maruxía máis aló da da zona dunar. E para que o salitre non estragara os cultivos protexíanse con sebes tépedas de loureiros ou especies de folla perenne. Na nosa finca, paraleda a praia, tiñamos viña e toda ela estaba protexida con loureiros. Nas dunas o único que aguantaba a maruxía eran cardos e pequenos xuncos.
A fauna era rica en paxaros: labercos, que facían o niño no chan ao carón dun cardo e eran do tamaño dun merlo, pero de cor roxo; pardillos; xilgaros a moreas, que se mantiñan nos cardos; bardeiroles, pardales; etc. As colonias de gheivotas non eran tan grandes como na actualidade, porque se aproveitaban os ovos para consumo humano. Polo humedal, pasaban garzas e aves frias, e pola contorna bandadas de estorniños e anduriñas. E tamén outros animais como coellos, xinetas, lagartos e cobras (no toxal da Garita, a moreas).

Toda a zona marítima era moi rica, e tirou moita fame nos anos da posguerra. Tódolos días había xente a pescar: uns a beira e outros flote. Ás mellores horas eran ás do solpor, entre o lusco-fusco (cando o sol se vai deitando e as tebras da noite apodéranse do ceo e da terra), as do fusco-lusco (cando o sol se ergue e vota fora a escuridade, e o mar, empeza a relampantexar ). Á flote pescábanse luras e peixes; co arte da rapeta pequenos peixes, que na avalante da marea veñen a onde rompe a onda na procura de alimento, (bolos, sollas, chocos, etc). As sollas cóllense cunha fisga, os chocos non é moi doado collelos porque soltan o borro e fuxen. Coa rapeta traballaban dous homes, cunha gamela, un aparello de rede e unha estaca de pau (espetaban a estaca onde morría a onda e ataballe un chicote da corda do aparello). Saían na gamela largando o aparello, ían volteando deica a praia e alí un home soltaba a corda da estaca e ámbolos dous, un de cada chicote, ían tirando polo aparello ata quedar en seco e recoller o que viña no aparello. No Laxón (zona norte da Praia) había longueiróns, arolas, mexilóns, lapas e caramuxos. Na baixamar das mareas vivas, baixaban os veciños cos bicheros, ganapáns, rasquetas e un biol, na procura de polvos, nécoras, caranguexos, bruños e camaróns que quedaban nas pozas entre as pedras.
Outro aproveitamento era o argazo para estercalos campos (carrumeiro, correa, botella e verdello) que sacábamos con angazos de baras longas. Cando o temporal era forte, arrincaba ese froito do mar rico en iodo, e a praia enchiase de xente. Algunhas familias sin recursos criaban un cocho e aprobeitaban as algas para mantelos.

Telmo Comesaña

Feixoeira, xuño 2014

Un comentario sobre “Samil… paraíso perdido (2ª Parte)

  • el 17 de agosto, 2014 a las 10:51
    Permalink

    Interesante artículo Telmo. Me pregunto qué sabor tendrían esos cochos alimentados con algas. Un abrazo. Alex

Comentarios cerrados.