Samil… paraíso perdido (1ª Parte)

vigo antigjuo2O Samil e a contorna de hoxendía teñen pouco que ver co que eu coñecín na miña nenez e adolescencia. Coido que eu no ano 1940 xa tiña capacidade dabondo para recoller no fardel da miña memoria o que acontecía ao meu arredor, e xa que logo, vou deixar en liberdade a memoria e escribilas miradas daqueles ollos azúis arestora tan estragados.
Nacín e vivín no barrio da Garita, o máis alonxado de Alcabre, ao carón da parte norte de Samil (entre o Laxón e Argazada); o barrio era de poucos veciños e, a casa onde nacín estaba e está na zona alta, tanto que lles servía de seña aos mariñeiros que pescaban entre Cíes e Samil. Dalí albiscábase dende Cangas a Silleiro: da casa viase todo Samil que non só era praia, era un conxunto dunar cun humidal e unha lagoa de auga doce, alimentada por dous regos de auga que baixaban soterrados da parte alta de Alcabre.

Este humedal recibía as augas que baixaban do Barreiro, das Feixoeiras, da fonte das Grilas, dos Casaliños e de Pertegueiras, e de aí sae para a lagoa, que estaba onde hoxe está a pista de patinaxe. Empezando pola banda do Sur, a primeira duna estaba onde hoxe é a zona deportiva, parte dela levouna un temporal una noite de inverno, e cando baixaba a marea quedaba en seco a terra firme, e alí empezou “Leri” a xogar o futbol. Cando a marea avalaba ía enchendo de auga a zona. Seguimos camiñando pola area donda, a duna é máis baixa e irregular ata onde hoxe se asenta o San Remo que era un pouco máis alta, e enrrente, onde hoxe está o estacionamento do Verbum, estaba o humidal do Poulo do Pozo. Este humedal pouco fondo tiña ó seu arredor herba sempre fresca para o gando que apastaba por alí. Seguíalle unha duna grande e logo outra alta, e entre elas pasaba o rego da Pulida, que era por onde baixaban as augas das Balas, da Garita, das Cortiñas e das Regueiras, e ían a lagoa ; seguíalle a tran duna da Garita e Fontes, e na parte máis baixa aséntase a pista de auto-modelos. En frente destas, cara ó mar, a duna éra baixa.
O areal onde traballaba o mar era o mesmo de hoxe, coa diferencia que tiña moita máis area e as únicas pedras que había eran as que chamaban “o penedo”, que son as que están casi a metade da praia, no resto ata o Laxón (extremo norte da praia) non había pedras.
Para completar a zona de praias coa zona dunar engadímoslles as pequenas praias de Cocho das Dornas, Espedrigada e Tombo de Gato, e despois dunha zona de pedras chegamos a principio da praia de Fontes, a altura de onde remata a gran duna fósil.
Non había pinos, nin estrada nin monstros de cemento, nin urbanizacións nos arredores, nin muro co paseo, nin ponte no río Lagares.
A Samil chegábase por estradas e camiños que remataban o pisar area; a que viña de Muiños remataba no bar do Patouro, onde hoxe se bifurca coa que ven da ponte, a que baixa de Navia ao carón de onde se atopa o Camping, a que baixa do barrio de Samil-Navia, o camiño de Pertegueiras (ao carón do Verbum) e o camino da Garita, que era en costa moi pendente con socalcos, (os carro de bois baixaban pero non podían subir).

Texto: Telmo Comesaña

Feixoeira, maio 2014

Foto:www.exdya.com/vigo-antiguo/ 

4 comentarios sobre “Samil… paraíso perdido (1ª Parte)

  • el 23 de julio, 2014 a las 14:23
    Permalink

    ¡Menuda exposición del SAMIL antergo!, uno que no es vigués se queda asombrado de todo lo que hubo y fué SAMIL, desde luego el señor TELMO es una enciclopedia viviente, pués que muy interesante.
    gracias y hasta la próxima.
    Dolores

  • el 23 de julio, 2014 a las 20:13
    Permalink

    Prodigiosa memoria y un relato en galego muy bien escrito. Felicidades Telmo.

  • el 24 de julio, 2014 a las 18:08
    Permalink

    Y para cuando entre las múltiples promesas incumplidas del Sr.Caballero que era cambiar el actual paseo y hacer como se hizo en el Bao. Con la marea alta quedan 2 metros de arenal.

  • el 27 de julio, 2014 a las 21:42
    Permalink

    Realmente ,es una alegría y una suerte , tener entre nosotros un personaje ,como Telmo . Como bien dice el compañero : es como una enciclopedia ,tiene nociones del Vígo antiguo ,que poquísima gente podría contarnos ,es un privilegio escucharle hablar un gallego tan bonito, gracias por compartir lo que sabes con todos nosotros .

Comentarios cerrados.