“Meditacións”

despuntar-por--la-mañana

Ao despuntar a aurora, faite estas consideracións previas: encontrareime cun indiscreto, cun ingrato, cun insolente, cun mentireiro, cun envexoso, cun insociable. Eles son así pola ignorancia que teñen sobre o ben e o mal. Pero eu observei que a natureza do ben é o belo, e que a natureza do mal é o vergonzoso; e observei, tamén, que a natureza dos que realizan o mal, os pecadores, é tamén a miña propia natureza, e descubrín que todos e todas participamos dunha porción da mesma divindade. E eu non podo recibir dano de ningún deses delincuentes; ningún me cubrirá de pecado facéndome obrar con enfado ou odio contra o meu parente, o meu irmán. Máis ben todo o contrario pois sei que nacemos para colaborar e traballar por unha mesma causa e un mesmo fin, ao igual que os pés, as mans, as pálpebras, as fileiras de dentes, superiores e inferiores, traballan por un mesmo corpo. Obrar, pois, como adversarios os uns dos outros é contrario á natureza divina que nos conforma. E é actuar como adversario o feito de manifestar indignación e repulsa. Agradezo, por iso, as leccións aprendidas.

        Aprendín do meu avó Vero: o bo e discreto carácter e a serenidade. Da miña nai: o respecto aos deuses, a xenerosidade e a abstención non só de obrar mal, senón mesmo de incorrer en semellante pensamento; e o afastamento do modo de vivir propio dos ricos. Do meu pai: a mansedume e a firmeza serena nas decisións profundamente examinadas. Non se vangloriar coas honras aparentes; o amor ao traballo e a perseveranza; o estar disposto a escoitar os que podían facer unha contribución útil á comunidade. Distribuír sen vacilacións a cada un segundo o seu mérito. A experiencia para distinguir cando é necesario un esforzo sen desmaio, e cando hai que relaxarse. A sociabilidade. A non ter moitos segredos, senón moi poucos, excepcionalmente, e só sobre asuntos de Estado. A súa sagacidade e mesura na celebración de festas. Do meu irmán Severo: o amor á familia, á verdade e a xustiza; ter coñecido, grazas a el, a idea dunha constitución baseada na igualdade ante a lei, rexida pola equidade e a liberdade de expresión igual para todos, e dunha realeza que honra e respecta, por riba de todo, a liberdade dos seus súbditos.
Aprendín do meu preceptor: o soportar as fatigas e ter poucas necesidades; o traballo con esforzo persoal e a abstención de excesivas tarefas; a desfavorable acollida á calumnia. De Diogneto: evitar inútiles ocupacións; e a desconfianza no que contan os que fan prodixios e encantamentos. De Rústico: ter concibido a idea da necesidade de endereitar e coidar o meu carácter; non me facer pasar por filántropo con vistosos alardes; e terme apartado do refinamento cortesán. De Apolonio: a liberdade de criterio e a decisión firme sen vacilacións nin recursos fortuítos; non dirixir a mirada a ningunha outra cousa máis que á razón, nin sequera por pouco tempo. Ser sempre inalterable, nas agudas dores, na perda dun fillo, nas enfermidades prolongadas. Ter aprendido como hai que aceptar os aparentes favores dos amigos, sen deixarse subornar por eles nin rexeitalos sen tacto.
Aprendín de Sexto: a benevolencia e o proxecto de vivir conforme á natureza; a tolerancia cos ignorantes e cos que opinan sen reflexionar; a harmonía con todos, de maneira que o seu trato era máis agradable que calquera adulación; non ter dado nunca a impresión de cólera nin de ningunha outra paixón, antes ben, o ser o menos afectado polas paixóns e á vez o que ama máis entrañablemente os homes; o eloxio, sen estridencias; o saber sen alardes. De Alejandro o gramático: a aversión a criticar; o non reprender con aldraxes os que proferiron un barbarismo, senón proclamar con destreza calquera outra suxestión ocasional e apropiada. De Frontón: terme detido a pensar como é a envexa, a astucia e a hipocrisía propia do tirano, e que, en xeral, son incapaces de afecto. De Alejandro o platónico: non dicir a alguén moitas veces e sen necesidade: «Estou ocupado», e non rexeitar deste modo sistematicamente as obrigas que impoñen as relacións sociais, pretextando excesivas ocupacións. De Catulo: non dar pouca importancia á queixa dun amigo, aínda que casualmente fóra infundada, senón intentar consolidar a relación habitual; o eloxio cordial; o amor verdadeiro polos fillos. De Máximo: o dominio de si mesmo e non se deixar arrastrar por nada; o bo ánimo en todas as circunstancias e especialmente nas enfermidades; a moderación de carácter, doce e á vez grave. A beneficencia, o perdón e a sinceridade; que ninguén se crese menosprezado por el nin sospeitase que se consideraba superior a el; a súa amabilidade
Aprendín dos deuses: o agradecer ter bos avós, bos proxenitores, boa irmá, bo irmán, bos mestres, bos amigos íntimos, parentes e amigos, case todos bos; non me ter deixado levar doadamente nunca a ofender ningún deles. É un favor divino que non se presentase ningunha combinación de circunstancias que me puxese a proba. O feito de que cantas veces quixen socorrer un pobre ou necesitado doutra cousa, sempre dispoñía do apropiado; o non ter caído eu mesmo nunha necesidade semellante como para reclamar axuda allea. Ter unha esposa cariñosa, tan sinxela. Ter recibido, a través de sonos, os seus remedios.
Pois todo iso require axudas dos deuses e da Fortuna. As obras dos deuses están cheas de Providencia, as obras da Fortuna cheas de tramas da Providencia. De alí flúe todo o necesario e engádese o conveniente para ben do conxunto do universo, do que formamos parte. Para calquera parte de natureza é bo aquilo que colabora coa natureza do conxunto e o que é capaz de preservala. E conservan o mundo tanto as transformacións dos elementos simples coma as dos compostos.  

Sexan suficientes para ti estas reflexións.

Marco Aurelio Antonino Augusto, emperador do Imperio Romano dende o ano 161 ao 180 D. C., último dos emperadores chamados bos, e figura representativa da filosofía estoica é o autor destas MEDITACIÓNS cuxo Libro I (de XII) aquí vos resumo.

Roxelio

 

Roxelio Álvarez