O primeiro premio de relatos curtos foi para Pilar Vieites Magariños

“O Nadal visto aos meus 73 anos”.

pilar.jpgA verdade é que non sei se isto que se vive hoxe ten algo que ver coa verdadeira razón do Nadal.
Eu recordo cómo se vivía cando era nena ( pensade que nacín no ano 34 e estou dando unha visión moi persoal).
Naquel tempo a xente conformábase con pouco ; non estabamos metidos na sociedade de consumo que se vive hoxe ; a pesar da escasez agardabamos o Nadal con verdadeira ledicia
Eu nacín nunha vila pequena ; alí había unha tradición que penso que tería as suas raices tan fondas que virían da antigua festa pagá que se celebraba antes do cristianismo. Consistía no acto de que tan pronto se encendía o lume da lareira para cociñar a cea da Noite Boa, arrimábase a fogueira un bo “ cachopo” de carballo e ardía toda a noite. A mañá apagabase e somente se volvía a encender cando había unha boa tormenta neses días, que parecía que o ceo se xuntaba coa terra. (Esta tradición xa desapareceu como outras moitas).
Logo da cea coa familía íase a Misa do Galo e a volta xuntábanse os veciños a cantar panxoliñas deica a mañá ; tamén os rapaces ían polas portas pedindo o aguinaldo. (Iso tamén se perdeu).
Hoxe, cun montón de anos enriba de min, vexo o Nadal dunha maneira moi distinta. A publicidade usa todolos medios ao seu alcance para converter o Nadal nunha festa de consumo e luxos que non ten nada que ver coa verdadeira razón desa noite.
Consume-Gasta-Compra- Come- Bebe
Gasta máis do que podes e serás feliz.
Convertemos a verdadeira sensibilidade nunha burda sensiblería. En resumidas contas, convertemos o nacemento de Cristo nun probe alpendre nunha verdadeira bacanal.
En fin, non quero molestar a ninguén, cada que o celebre como mellor lle veña.
Os tempos cambian e hai que ir con eles…¡Comamos! …¡Bebamos!…Hoxe todos nos queremos moito, somos moi boiños e mañá xa veremos.