Paisaxes chariegas con figuras humanas. Manuel Becerra

vilalba.jpg A parroquia de Santa María de Outeiro.

A parroquia de Santa María de Outeiro, sita en plena Terra Chá de Castro de Rei, está regada polas cristalinas augas dos ríos Miño e Pequeno, que se xuntan logo de pasaren as pontes de Outeiro.
Domina a monótona chaira un antigo castro, encol do que se ergue airosa a igrexa da freguesía, dedicada dende os séculos centrais da Idade Media a Santa María. No seu interior, os restos mortais do gran poeta Xosé Crecente Vega, traídos de Segovia mercé á teimosía de Félix Villares Mouteira, agardan o toque do trompeteiro para acudir ao val de Xosafat.

Naceu o día 20 de outubro de 1820 Manuel Becerra Bermúdez.
bebes-3.jpg Nesta fermosa terra, na casa do Isidro, naceu o día 20 de outubro de 1820 Manuel Becerra Bermúdez, cando Xoaquín Sánchez Becerra e María Bermúdez, os seus proxenitores, regresaban das feiras de San Lucas de Mondoñedo.
A súa nenez e a súa primeira xuventude transcorreron na cidade de Lugo, onde recibiu unha escasa escolarización por mor do encarceramento de seu pai, que até daquela desempeñara os oficios de feirante da gra e de recadador de rendas para a Venerable Orde Terceira e tamén para a marquesa de Viance.
Cando apenas rebordara os vinte anos, na compaña da súa inseparable tía Manuela, marchou a Madrid. Alí cursou estudos de Comercio, Matemáticas, Física, Astronomía e doutras disciplinas, contando co apoio de Xosé de Subercase, profesor da Escola de Inxeneiros de Camiños. Poucos anos despois, na súa casa, estableceu unha academia para a ensinanza das Matemáticas, que chegou a funcionar ao longo de preto de catorce anos.

Un dos fundadores do Partido Demócrata (1849.
masoneria02.jpgDurante dúas décadas, as comprendidas entre os anos 1848 e 1868, Manuel Becerra desenvolveu unha actividade política moi intensa e vehemente, levantado barricadas contra algúns dos gobernos liberais de quenda que non concordaban co seu exaltado ideario democrático, sendo un dos fundadores do Partido Demócrata (1849), participando no asalto ao cuartel de San Gil, conspirando en Ostende contra o trono de Isabel II e secundando dende Portugal o pronunciamento de 1868 que deu paso ao breve sexenio democrático (1868-1874).
Todos estes avatares políticos obrigárono a exiliarse a distintos países europeos (Francia, Bélxica, Alemaña e Gran Bretaña), provocaron a súa entrada no cárcere e mesmo a súa condena en rebeldía a garrote vil; pero tamén lle depararon certos beneficios: fuxindo dos seus perseguidores por mor da barricada levantada en 1865 na madrileña praza de San Domingos, na casa onde se refuxiou topou con María Ortíz, a muller coa que compartiu a súa vida deica 1884; Pérez Galdós, na súa novela Fortunata y Jacinta, elevouno á categoría de heroe literario; e, finalmente, a estada no exilio permitiulle entrar en contacto cos sistemas políticos e educativos dos países que o acolleron.
Logo do triunfo da Gloriosa, integrouse nos sucesivos sistemas políticos polos que se rexeu España, incorporándose á Alcaldía de Madrid, ás Cortes como deputado por distintos distritos das provincias de Lugo, Madrid, Cuenca …, e ao Goberno como ministro das carteiras de Ultramar, Estado e Fomento.
O seu recoñecido talento persoal, a súa gran ambición política e, se cadra, o apoio que lle prestou a masonería, de cuxo Supremo Consejo foi entre 1884 e 1889 Soberano Gran Comendador, empoleirárono aos devanditos oficios públicos, deixando atrás para sempre a súa anterior militancia na barricada revolucionaria.

Padre de la Gimnástica Española.
gimnasia.gif Ademais de home de acción, Manuel Becerra tamén dedicou unha parte considerable da súa vida á reflexión: foi presidente do periódico Sociedad Gimnástica Española, codirector de Derecho Moderno e articulista do xornal La América. Así mesmo deu á estampa os libros El Imperio Ibérico e Observaciones sobre la palabra.
Doutra banda, cómpre mencionar o traballo desenvolvido por este ilustre outeirán a prol da incorporación da ximnasia aos planos dos distintos niveis de instrución escolar. Este denodado esforzo fíxoo merecente do título de honra que o acreditou para sempre como Padre de la Gimnástica Española.
Como bo lugués, cando tivo a oportunidade, tamén se deixou aloumiñar polo longo andazo do pasado e mesmo do presente, o caciquismo. A práctica do mesmo reportoulle á cidade de Lugo, entre outros agasallos, o campo militar de tiro de San Cibrao e a escola preparatoria militar de Artes e Oficios. Para recompensalo, en 1888, a Deputación Provincial da Cidade da Muralla nomeouno Hijo Preclaro y Predilecto de la Provincia de Lugo.

Segue a ser un gran descoñecido para moitos chairegos.
máquina escribir vieja.jpgManuel Becerra, nado por accidente na Ponte de Outeiro, nunca esqueceu a súa aldea natal, que tamén era a da súa nai. Manuel Vila, home da terra e apóstolo enviado a Lugo pola Consellería de Educación para a sempre difícil misión de escolarizar aos nenos xitanos, conta que na súa infancia escoitou dun vello o relato, case lendario, da visita dun ministro á freguesía de Santa María de Outeiro, en cuxo libro de bautizados entre os anos 1784 e 1843 está asentada a correspondente partida sacramental de tan ilustre fregués.
Malia que Francisco del Pino, Ricardo Pérez Verdes e Lois Rodríguez, en 1885, 1996 e 1998 respectivamente, publicaron senllas biografías sobre o político da Ponte de Outeiro, este segue a ser un gran descoñecido para moitos chairegos. Sirva esta achega para incrementar a popularidade do mesmo e asemade para incorporalo á galería de chairegos ilustres que, dun ou doutro xeito, formaron parte das paisaxes da Terra Chá.

Por José-Luis Novo Cazón.
Profesor y catedrático de Historia Medieval