EMIGRANTES

emigrantes2.jpg¡Que gozo para os ollos ver en Vigo
ringleiras de emigrantes polas rúas
cando hai barco no porto.
Camiñan asombrados,
ateigados de luz e de saudades
das iñoradas terras presentidas
alá onde xuntan mar e ceo.
 emigrantes1.jpg
Eu canto aos emigrantes que non queren
ser toupeiras fozando de cotío
na ingrata leira, escalazados sempre
con suor de forzados
entre o esterco de noites sen estrelas.
 
Alá no sul, alen do mar bruante,
agardan patrias novas,
patrias virxes de eixadas e de rellas
con lentura de séculos intaitos
e ríos caudalosos que camiñan
polas loxíncoas chairas
con rumores de paxaros e selvas.
Cidades portentosas
onde a noite esmorece enfaiscada
nun folión de chuscos fluorescentes.
 emigrantes3.jpg
Eu canto aos emigrantes desta terra
que na rosa dos ventos
erguen seus urros ceibes e labouran
con músculos encheitos de esperanzas
lonxe da Europa
cuberta de cadeas e de tumbas.
¡ Que gozo e que tristura!
Anclados sobre a orela nós quedamos
xordos e escuros
Á  voz dos sete mare que nos chama.
 
Celso Emilio Ferreiro .